o grupo municipal da marea de vigo votará en contra da proposta de ordenación urbanística provisional.

12 de Xullo de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo votará en contra da proposta de Ordenación Urbanística Provisional no vindeiro Pleno do mércores, á que cualifica como un instrumento de “improvisación e arbitrariedade”.

Marea de Vigo alerta ademais da posible incorporación de infraestruturas de dubidosa legalidade urbanística no novo PXOM, como a famosa “ronda”, un dos proxectos que contou con máis oposición e alegacións no anulado PXOM do 2008.

Vigo, 12-07-2018. Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, afirmaba hoxe na rolda de prensa ofrecida á colación da futura aprobación da Ordenación Urbanística Provisional, que “ese instrumento constitúe un tipo de provisionalidades urbanísticas non axudan a que teñamos un planeamento acorde a este tempo da post-crise do ladrillo, e tampouco axudan a implicar urbanísticamente á cidade”.

Por outra banda, Marea de Vigo pon o foco na Xunta de Galicia, e alerta da arbitrariedade da institución con respecto á Ordenación Provisional, xa que esta, segundo a Marea de Vigo, “debería asumir a súa función ‘normativizadora’ para evitar situacións absolutamente inconsistentes en termos legais e urbanísticos”. Como exemplo, Rubén Pérez poñía o acontecido arredor dun ámbito de desenvolvemento de iniciativa privada na zona de Samil, o cal, “sen estar na proposta inicial de Ordenación provisional ao non ter sido solo urbano consolidado no 2008, vén de aparecer como proposta a legalizar a través da ordenación provisional baixo o que a todas luces é unha xustificación sen apenas fundamento. Isto non é serio e imos votar en contra da Ordenación Provisional precisamente por este tipo de dinámicas”.

Outro exemplo dos motivos polos que Marea de Vigo non está de acordo coa aprobación da Ordenación é a intencionalidade do goberno local en recuperar certos proxectos. “Non se pode poñer a disposición das empresas concursantes á redacción do Plan estudos de viabilidade de infraestruturas como a Ronda, precisamente un dos proxectos que contou con máis contestación por parte da veciñanza. Poñer ese documento á disposición das empresas redactoras significa claramente a existencia dunha clara intención do goberno local de tratar de volver a encaixalo no novo Plan” explicou Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, o urbanismo non pode ser opaco, e un dos piares fundamentais do mesmo debe ser a participación da veciñanza na toma de decisións sobre o modelo de cidade que necesita Vigo. “Queremos saber cal vai ser o mecanismo que vai utilizar este goberno local para propiciar a participación da cidadanía. O goberno local do PSOE debe asumir xa que o modelo urbanístico ten que ser diferente e non debería estar insistindo en darlle encaixe a proxectos incoherentes coa realidade e as necesidades da nosa cidade”.