podemos-marea de vigo discrepan do prazo de ampliación de aprobación do pxom e celebran acto informativo
Por Marea de Vigo

Podemos-Marea de Vigo celebra esta semana un acto informativo sobre a situación do urbanismo na cidade, a suspensión de licencias e as prórrogas solicitadas polo goberno para a aprobación provisional e cualifica de “opaca e farragosa a situación urbanística da cidade”
24/04/2023
Podemos-Marea de Vigo consideran que, ademais de non estar resoltas as grandes cuestións urbanísticas na cidade, existe un permanente problema de información cidadá que ven como as licencias se paralizan ou activan sen un criterio claro, se prorroga o prazo para aprobar o PXOM do tempo que mandata a existencia do Instrumento de Ordenación Provisional ou mesmo sigue sen aclararse como e cando van a contestarse as alegacións presentadas pola veciñanza.
Podemos-Marea de Vigo consideran obrigatorio que neste proceso electoral todas e cada unha das candidaturas que se presenten debatan e propoñan que pensan facer co urbanismo da cidade, que mudarían do PXOM en proceso de elaboración e aquelas cuestións relacionadas co modelo de desenvolvemento urbano.
A coalición considera que a situación actual da vivenda ten que ser o motivo principal de redefinición do PXOM, xa que a cronificación dos problemas de acceso e os prezos dos alugueiros non van a solucionarse coa construción de nova vivenda no mercado de venda (sexa libre ou de VPO). Estamos nunha cidade onde o propio PXOM recoñece 15.125 vivendas baleiras que polo seu estado poderían ser susceptibles de ser ocupadas (10,53%) polo que é urxente poñer en marcha políticas activas de mobilización de este parque que non fan supoñer a non saída ao mercado de venda ou alugueiro que sostén o documento.
Podemos-Marea de Vigo, que celebra este venres un acto informativo sobre o estado do urbanismo na cidade, considera un “erro de plantexamento a prórroga anunciada polo goberno local para retrasar a aprobación provisional do PXOM polo tempo que medie entre o 5 de abril, data na que se solicitou un informe á Axencia Galega de Infraestruturas, e a data na que se reciba o mesmo”. Debería convocarse reunións explicativas do que acontece, porque o goberno local está tomando decisións de calado sen ter en conta aos miles de persoas que presentaron alegacións ou ao movemento veciñal.
O candidato da coalición de Podemos e Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera tamén que as propostas sobre a concreción supramunicipal da cidade ten que darse agora, recuperando o debate sobre a área metropolitana, sobre o modelo da mesma ou sobre como integrar o transporte e das potencialidades en moitas materias, por exemplo vivenda, que xa operan de xeito exitoso en áreas metropolitanas como Barcelona.
“Non podemos asistir a un debate de eleccións municipais sen que as cuestións metropolitanas sexan ignoradas como aconteceu no proceso electoral do 2019”, sinala o concelleiro e candidato de Podemos e Marea de Vigo.