por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista!

6 de Marzo de 2019

Marea de Vigo manifesta o seu apoio á folga feminista deste 8 de marzo así como a todas as reivindicacións do movemento feminista expresadas a través de ‘Galegas 8M’.

Vigo, 06-03-2019. Ante un contexto onde o avance da ultradereita trae consigo un retroceso que pretende volver a poñer ás mulleres nos roles de xénero máis patriarcais, as mulleres seguimos o camiño emancipador da loita feminista iniciado hai máis dun século. Nesta ocasión, ao igual que aconteceu no pasado ano, o movemento feminista ten convocada unha xornada de folga para este venres 8 de marzo, na que se enmarca non só a folga laboral, senón tamén de consumo, de coidados e estudantil. “Así como o patriarcado e o machismo afectan a todos os eixes das nosas vidas de xeito transversal, a loita feminista debe incidir en todos eses ámbitos, sendo preciso visibilizar tamén todas esas tarefas invisibilizadas que facemos as mulleres e que sosteñen a vida de todas as persoas” matiza Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo.

No eido laboral a desigualdade mídese en datos especialmente palpables, as mulleres galegas seguimos estando baixo unha fenda salarial de máis do 20%, provocada por ese máis do 70% de parcialidade e o case 50% de temporalidade. “Cifras duramente reflectidas nas prestacións das nosas pensionistas, ao non ter en moitos casos cotizacións que lles garantiran percibir unha pensión digna, e cifras que, de non mudar a situación, predín un futuro non mellor para as mulleres en idade laboral e mesmo para as máis novas” subliña Marga L. Barreiro.

Nestes últimos anos, de xeito moi agudizado nos últimos meses, multiplicáronse as expresións que tratan de normalizar a mercantilización dos corpos das mulleres, tratando de pintar como progresista e a prol da liberdade o que non é outra cousa que unha expresión máis desa perversa alianza entre o patriarcado e o capital, na que nada fuxe do mercado. “Tratar de concibir a prostitución e a trata coma unha actividade laboral incluso desexada, ou tratar de normalizar os ventres de aluguer como unha práctica altruísta cando non é outra realidade que a utilización das necesidades económicas de moitas mulleres, son exemplos desta perversidade” engade a concelleira.

Marea de Vigo súmase ao chamamento do movemento feminista e anima as mulleres a participar na folga do 8 de marzo e nas mobilizacións convocadas este venres. “Este 8 de marzo as mulleres do mundo volvémonos mobilizar indo á folga, pararemos en todos os ámbitos das nosas vidas para avanzar, e farémolo todas xuntas” conclúe Marga L. Barreiro.

Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista!