rosario pérez montes, viguesa distinguida.

3 de Abril de 2018

Co nomeamento de Charo, Marea de Vigo quixo poñer en valor o traballo de ducias de persoas  que,  ao longo dos anos, de xeito anónimo e voluntario tiveron un impacto real sobre a vida de centos de persoas en situación de vulnerabilidade.

Marga L. Barreiro: “Tamén queremos poñer o  foco sobre unha realidade que, aínda que non se queira ver, existe; sobre a que actuaban programas como o de Sereos, desmantelado fai escasos catro anos co peche do local en Elduayen. Este programa, xunto a outros similares como o que foi no seu día o IMAN,  axudaron a centos de persoas en risco de exclusión social. Exemplos como o de Charo e o seu labor social,  son os que  se deben poñer en valor e recoñecer, posto que son os que deixan unha pegada real sobre a vida de moitas persoas”.

Charo ten 58 anos e dende os 19 aos 39 anos padeceu todas as consecuencias biopsicosociais asociadas ao consumo de sustancias adictivas, leva 19 anos abstinente.

Saíndo dunha complexa e dura realidade, preparouse e puxo os seus coñecementos e habilidades ao servizo dunha transformación social onde, pola súa empatía, asertividade e prosociabilidade axudou a aliviar o alto sufrimento nos peores anos das patoloxías adictivas e do VIH-SIDA.

En 1990-91 iniciou a súa participación no Grupo de Autoapoio VIH-SIDA e outras adiccións, da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo CEDRO. Nesa contorna formouse como Axente Sociocomunitaria de Saúde, no traballo entre iguais en diferentes técnicas de habilidades sociais e Programas de Rúa: Drogas, Saúde e Convivencia e de Redución do Dano no consumo de drogas por vía intravenosa.

En 1998 foi Coordinadora  e Coidadora nun piso de acollida de persoas sen fogar enfermas de SIDA.

Despois deste período de activismo voluntario, cando no ano 1997 púxose en marcha o Programa Municipal Sereos do Casco Vello, foi contratada como Axente de Saúde e Traballo entre Iguais primeiro a través do Plan Comunitario do Casco Vello e sucesivamente pola Federación de Asociacións de Veciños, o Comité Óscar Romero, o Grupo 5, Érguete e agora pola Cruz Vermella de Vigo no Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES), coñecido como Albergue Municipal, onde leva 16 anos asalariada como Auxiliar en Asuntos Sociais.

“Desde a Marea de Vigo, queremos agradecer todo o traballo de Rosario Pérez Montes, á que consideramos unha das imprescindibles na nosa cidade, cuxa traxectoria é un exemplo daquelas persoas que realmente debemos honrar e distinguir, e desde aquí felicitámola polo recoñecemento que terá lugar no día de hoxe” engade Marga L. Barreiro.