rubén pérez: “as maiorías absolutas constrúense sobre redes clientelares con empresas concesionarias”.

13 de Febreiro de 2019

Marea de Vigo cualifica a sentenza condenatoria dun funcionario municipal e un delegado dunha concesionaria como unha consecuencia da rede clientelar do Goberno de Abel Caballero.

Rubén Pérez: “As maiorías absolutas constrúense sobre redes clientelares con empresas concesionarias”.

Vigo, 13-02-2019. Na rolda de prensa ofrecida hoxe, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, fixo unha valoración da sentenza coñecida no día de onte mediante a cal un funcionario e un delegado dunha empresa concesionaria foron condenados a cinco e un ano de prisión respectivamente. “Hai que se retrotraer ás primeiras decisións que toma Abel Caballero como alcalde, poñendo a unha serie de funcionarios/as en certos postos de xefaturas para actuar como pantalla. Isto é necesario para crear redes clientelares con empresas que participan na contratación pública no concello, tal e como vén evidenciar a sentenza que condena a un funcionario e a un delegado dunha desas empresas. As maiorías absolutas constrúense sobre redes clientelares con empresas concesionarias” matizou o voceiro.

Para a Marea de Vigo, “isto forma parte da liña política que está levando a cabo o Goberno de Abel Caballero, creando unha complexa rede como a que a Operación Patos, co seu sumario de máis de 15.000 interesantes follas, non foi quen de tombar” explicou Rubén Pérez.

“O preciso nestes casos – prosigue o voceiro – é facerse unha serie de preguntas relacionadas cos cumprimentos dos pregos por parte das empresas concesionarias, neste caso Imesapi, concesionaria do alumeado público na nosa cidade. Esta cumprindo esta concesionaria co prego? Están feitas as OCA’s obrigatorias por parte desta empresa? Fíxose algunha fiscalización desta empresa e do seu servizo? Isto precisamente é o que lle hai que preguntar ao alcalde”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo, tal e como expresou no seu día, cando saíu o concurso de alumeado público, tampouco entende “que fai un delegado dunha empresa figurando como persoal subrogable cun salario de 97.000 euros”, mais agora, “á vista da sentenza, onde esta persoa tamén resultou condenada, todo quedou moito máis claro”.