rubén pérez, xunto con alexandra fernández, cabeza de lista de en marea por pontevedra, e os vicevoceiros de age antón sánchez e eva solla mantiveron unha xuntanza co comité de empresa de vulcano

9 de Xuño de 2016

A cabeza de lista de En Marea pola provincia de Pontevedra, Alexandra Fernández, os vicevoceiros de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez e Eva Solla e mailo voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez mantiveron esta mañá unha xuntanza cos representantes dos traballadores de Vulcano, que están segundo palabras do presidente do comité, António Fernández, “nunha situación límite, coa construción naval completamente parada, logo de 3 ERE´s e coas prestacións practicamente esgotadas”.

Trala xuntanza, en declaracións aos medios, a cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, denunciou “a situación terminal dos traballadores de Vulcano para os que o momento é case terminal e precisan unha resposta inmediata. Estamos recollendo as súas demandas e trasladarémolas ás institucións pois teremos sempre un pé na rúa e non imos permitir que o naval se desmantele na nosa ría. O que fai falta é unha maior implicación por parte da Xunta, que está facendo oídos xordos e só se dedica a utilizar a carga de traballo como elemento para facer campaña pero que non ten ningunha repercusión na vida dos traballadores. Que se dediquen a dar solucións políticas reais.”.

Para Alexandra Fernández detrás desta deixadez “hai de fondo unha continuidade co proceso de de desmantelamento industrial que se vén dando dende a reconversión naval. Dende entón non houbo solucións. Preguntámonos por que noutras zonas do Estado si que hai carga de traballo, algo que reclamaremos dende En Marea no Congreso e no Senado”.

Na xuntanza tamén estiveron presentes os viceportavoces de AGE, Antón Sánchez e Eva Solla, que presentaron iniciativas no Parlamento esixindo ao goberno galego que dea una explicación real sobre a situación de Vulcano.

Pola súa banda o portavoz da Marea d Vigo, Rubén Pérez, que acudiu á xuntanza desta mañá informou de que tiña solicitado a través dunha moción no Concello de Vigo o compromiso do goberno municipal cos traballadores para lograr unha solución urxente.