vigo: á cola en gasto social

5 de Decembro de 2017

Vigo segue a estar na cola dos municipios do estado en canto a gasto social por habitante sen que exista vontade de remedialo por parte do goberno local.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, resulta esclarecedor o informe anual da asociación de directoras e xerentes dos servizos sociais publicado nos pasados días, que pon a cualificación de “precario” ao gasto social por habitante de Vigo (apenas 42,43 euros por habitante).

O estudo, realizado cos datos publicados polo Ministerio de Facenda e administracións locais no portal da oficina virtual para a coordinación financeira coas entidades locais relativos aos 384 municipios con máis de 20.000 habitantes, amosa as cifras reais sobre gasto social, onde, sen lugar a dúbidas, o municipio de Vigo destaca polo escaseza neste eido. Mentres cidades como Santurce e Baza lideran a listaxe con máis de 200 euros por habitante, ou cidades como Barcelona e Zaragoza superan os 100 euros habitante, Vigo enquístase na parte “precaria” con pouco máis de 40 euros por habitante, “información que contradí de xeito evidente os repetidos anuncios do alcalde e o Goberno Local – aclara Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo- amosando deste xeito que a denuncia sobre as insuficientes partidas orzamentarias en materia social feitas tanto pola Marea de Vigo na súa emenda aos orzamentos así como por diferentes movementos sociais da cidade, está máis que fundamentada”.

As cidades que invisten máis de 100 euros por habitante, que non recortaron esa partida en 2017 e cuxo gasto social represente máis do 10% do orzamento total non financeiro do concello son consideradas “excelentes”, situación na que Vigo “nin está nin se lle espera”, á vista das partidas consignadas para o vindeiro exercicio orzamentario do 2018.

“Os indicadores económicos para a cidade de Vigo amosan un aumento nas persoas demandantes de axudas sociais (nomeadamente o RISGA), mais para o 2018 na nosa cidade, no tocante ao gasto social e como exemplos: non existe aumento no fondo de emerxencia contra os desafiuzamentos, levamos tres exercicios coa mesma partida en axudas de vivenda, alimentos e enerxía e non hai aumento nas bolsas de comedor e libros” explica Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo considera polo tanto que hai que ser rigorosos á hora de abordar o gasto en política social no concello. Política social non é todo o que o alcalde anuncia como tal, como por exemplo pagarlle a unha concesionaria para a xestión dos servizos de dependencia que o concello está obrigado a dar. O gasto social non vén definido polas ocorrencias ou arbitrariedades que diga un alcalde en base as súas necesidades propagandísticas do momento.