comunicado da marea de vigo ante os supostos casos de corrupción do rei emérito.

16 de Xullo de 2020

O concello de Vigo ten que establecer xa un cortalumes democrático con Juan Carlos I.

Como xa están facendo cada vez máis institucións do Estado para preservar o seu compromiso de exemplaridade -tal é o caso dos concellos do Barcelona ou Getxo, co apoio dos representantes do Partido Socialista-, o Concello de Vigo ten que retirar o busto do rei emérito da recepción do Concello e sustituír o topónimo Praza do Rei, inaugurada no ano 1976 por Juan Carlos I, polo de Campo de Granada.

Ante unha fervenza de informacións sobre supostos casos de corrupción cada vez máis graves e cada vez máis vinculados con outros membros da “Casa Real”, o Concello de Vigo non ten por que agardar a que exista un novo paso xudicial. Debe responder ao xa existente magma de preocupación cidadá e debe actuar no sentido en que lle vimos solicitando dende o 11 de xuño:

-Retirar o busto de Juan Carlos I da entrada principal do Concello.

-Eliminar o nome de Praza do Rei e restituíndo o anterior, Campo de Granada.

-E agora tamén engadimos: que o Concello de Vigo inste ao Congreso dos Deputados a abrir unha Comisión de Investigación sobre os escándalos de corrupción da familia real. O Goberno local de Vigo non debería negarse, pois unha iniciativa idéntica foi aprobada no Concello de Barcelona cos votos favorables do PSC.
Non pode haber marxe para a impunidade. A monarquía, de xeito cada vez máis evidente para a sociedade viguesa e, en boa medida, por méritos propios dos sucesivos monarcas, percíbese coma unha institución caduca, inútil, involucrada en casos de corrupción e, en definitiva, impropia dunha sociedade avanzada.

 

 

*foto de Atlántico Diario