declaración institucional para condenar o bloqueo económico que sofre a república de cuba

25 de Xuño de 2021

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL PARA CONDENAR O BLOQUEO ECONÓMICO QUE SOFRE A REPÚBLICA DE CUBA.

 

A República de Cuba sofre o bloqueo económico por parte de EE. UU. desde hai máis de 60 anos. Todos os presidentes estadounidenses mantiveron en vigor o embargo económico sen ter en conta as consecuencias que iso carrexa á economía cubana, ás súas institucións e, por suposto, ao pobo cubano.

En 1996, o Congreso de EEUU aprobou a lei chamada Helms-Burton Act. Desta forma eliminouse a posibilidade de facer negocios dentro da illa ou co Goberno de Cuba por parte dos e das cidadás estadounidenses.

Tamén quedaron impostas restricións sobre o outorgamento de axudas públicas ou privadas a calquera sucesor do Goberno da Habana ata que, polo menos, certos reclamos contra o Goberno de Cuba quedasen aclarados.

En 1999, o presidente Bill Clinton ampliou o embargo comercial prohibindo ás filiais estranxeiras de compañías estadounidenses comerciar con Cuba por valores superiores a 700 millóns de dólares anuais, sendo por iso a primeira lei transnacional no mundo. Con todo, no 2000, o mesmo Clinton autorizou a venda de certos produtos humanitarios a Cuba.

O 17 de decembro de 2014, os presidentes de Estados Unidos e Cuba, Barack Obama e Raúl Castro, acordaron mellorar as relacións políticas, sociais e económicas entre ambos países, o que deu lugar a que moitos supuxesen que este sería o final do embargo económico, comercial e financeiro cara á illa.

Tras a chegada ao poder o 20 de xaneiro de 2017, o expresidente dos Estados Unidos, Donald Trump, reverteu moitas das medidas tomadas pola antiga Administración, ocasionando consigo o arrefriado novamente das relacións diplomáticas de ambos países.

Donald Trump tomou máis de 240 medidas contra Cuba durante os seus catro anos de mandato, entre elas:

Eliminou os cruceiros a Cuba por parte de compañías estadounidenses.
Restrinxiu os voos das aeroliñas estadounidenses a soamente o aeroporto internacional José Martí da Habana.
Cesou as operacións da Western Union.
Restrinxiu as remesas a Cuba (todas estas medidas tamén afectaron os cubanos residentes en EE. UU. ou cidadáns cubano-estadounidenses).
Sancionou a empresas cubanas no exterior.
Perseguiu a calquera tanquero que transportase gas licuado ou petróleo a Cuba.
Calcúlase que estas medidas afectaron por primeira vez en máis de 5.000 millóns de dólares á economía cubana.

O embargo comercial cara Cuba é o máis prolongado que se coñece na historia moderna. Foi rexeitado 23 veces polas Nacións Unidas, argumentando as graves consecuencias para a economía cubana. O 28 de outubro de 2015, o embargo contou coa abafadora cantidade de 191 votos en contra e só dous a favor (Estados Unidos e Israel), o máximo órgano de debate de Nacións Unidas reafirmou, entre outros principios, a igualdade soberana dos estados, a non intervención e non inxerencia en asuntos internos, e a liberdade de comercio e navegación internacionais.

O pasado día 23 de xuño, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas votou de maneira clara a condena a este bloqueo cun abafador resultado de 184 votos a favor, dous en contra (EEUU e Israel) e tres abstencións. Por iso é tan importante a acción tamén de todas as administracións democráticas e de todos os ámbitos institucionais, incluso dos concellos como o de Vigo para poñer fin a este inxusto embargo á República de Cuba, e máis nun momento de crise sanitaria global. O novo presidente Joe Biden, vicepresidente con Obama, ten a oportunidade real de retomar o proceso emprendido polo predecesor demócrata.

Por iso o Concello de Vigo quere manifestar o seguinte:

Mostra o seu rexeitamento ao embargo que sofre a República de Cuba e, nese sentido, considera que é o momento de que o Congreso de EE. UU. poña fin ao embargo á illa.

Apoia o proceso de normalización de relacións emprendido no 2016 por Obama, paralizado durante o mandato de Donald Trump, e, nese sentido, insta ao actual presidente estadounidense, Joe Biden, a que retome as relacións diplomáticas con Cuba.

Insta ao Goberno Galego a que continúe e reforce as relacións históricas entre os pobos galego e cubano, a que potencie as relacións entre empresas e centros de investigación de ambas partes, a que manteña a política de cooperación con Cuba en todos os ámbitos e con todos os seus axentes.

Insta ao Goberno de Cuba a que reforce os cinco diálogos políticos aplicados desde o 1 de novembro 2017 coa Unión Europea: diálogos sobre Medidas Coercitivas Unilaterais; Dereitos Humanos; Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible; Non proliferación de armas de destrución masiva, e Control de armas convencionais.