documento informativo sobre o pxom

18 de Abril de 2016

A recente anulación por parte do Tribunal Supremo do PXOM do ano 2008 de Vigo vén darlle a razón ao constante traballo da asociación ALTERNATIVA VECIÑAL nacida dende os sectores opostos dende vello a este PXOM, e deixa en evidencia unha absoluta improvisación no planeamento urbanístico na nosa cidade e a consecutiva toma de decisións en base aos intereses non xerais da cidade senón de promotores, empresas e intereses económicos e especulativos.

O feito de que a anulación deste PXOM sexa froito da tentativa de pasar por alto sobre a AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA amosa que os criterios contidos no plan en canto a crecemento poboacional, necesidades de vivenda e ámbitos a priorizar estaban feitos ao albor da expansión da burbulla inmobiliaria e do “deixar facer” sen control en materia de ordenación.

Os antecedentes de esta desfeita estaban meridianamente claros xa no momento de aprobación inicial do actual PXOM. Por exemplo cando o 26 de marzo de 2007 o Parlamento europeo aprobara definitivamente un demoledor documento contra o urbanismo salvaxe en España: O INFORME AUKEN, que contiña como exemplo de denuncia dos PXOM expansivos o de Vigo, en base a numerosas DENUNCIAS SOBRE O PROCESO DE APROBACIÓN E O CONTIDO DO NOVO PXOM SOBRE TODO NO RELATIVO A:

. INEXISTENCIA DE AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DE TODO O PLAN
. MODIFICACIÓNS DURANTE O PROCESO DE APROBACIÓN QUE NON FORON SOMETIDAS DE NOVO A ALEGACIÓNS
. EDIFICABILIDADE EXPANSIVA
O informe considera tamén que “as autoridades rexionais competentes deben suspender e revisar todos os plans urbanísticos novos que non respectan os criterios rigorosos de sustentabilidade ambiental e responsabilidade social” e que “deteñan e anulen todos os desenvolvementos urbanísticos en curso que non respectaron ou aplicado os criterios establecidos polo Dereito Comunitario”. Afirma que “Os novos proxectos urbanísticos que non observen a sustentabilidade ambiental, a responsabilidade social e os dereitos dos propietarios lexítimos deberían suspenderse e revisarse”.

E conclúe que se deroguen todas as figuras legais que favorecen a especulación, tales como o axente urbanizador” que “leven a cabo unha profunda revisión de toda a lexislación… con obxecto de pór fin aos abusos dos dereitos”, que “desenvolvan unha cultura da transparencia… impulsar mecanismos de información e participación cidadá efectivos” e “que establezan mecanismos xudiciais e administrativos operativos” e á súa vez “Insta ao Goberno español a realizar un debate público”

Naquela altura os demandantes de ALTERNATIVA VECIÑAL denunciaban que “non se pode aprobar este PXOM con este nivel de expansión porque carece do preceptivo proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica; porque se fundamenta nunha proxección demográfica desproporcionada; porque carece dun estudio de Mobilidade Sostible para ordenación do transporte; porque carece dun Mapa de Ruídos; porque conculca o principio de seguridade xurídica”.

Todos estes antecedentes xustifican a posición que a MAREA DE VIGO mantivo dende xa o primeiro momento de coñecerse a sentencia anulatoria de que as bases do plan do 2008 non valen para a redacción do novo plan polo que hai que replantexalo xa dende o principio (dimensión demográfica, social, de expansión ou contracción edificatoria…)

MAREA DE VIGO teme que o peloteo de responsabilidades entre as dúas administración implicadas no desenvolvemento urbanístico de Vigo e o proceso electoral que ven dilate o proceso e considera que “so un novo PXOM que poida ser susceptible de aprobación despois da Avaliación Ambiental Estratéxica garante seguridade xurídica”. Defendemos que hai que traballar dende xa no modelo de cidade que queremos para Vigo, lonxe dos parámetros do plan aprobado n 2008 pero con fondas raíces na cultura do pelotazo urbanístico que desenvolveuse neste país a partir da década dos 2000.

MAREA DE VIGO defendemos traballar xa nun estudo económico financeiro, sociolóxico, de planeamento urbanístico e medioambiental rigoroso que preconfigure os traballos de redacción dun PXOM acorde a realidade da cidade de Vigo, ao seu crecemento normal, e especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía.

MAREA DE VIGO do mesmo xeito oponse rotundamente a apoiar o remendo que a modificación do artigo 144 da lei do solo que defenden PP e PSOE, xa que consideramos que elimina de facto unha das bases do dereito en materia urbanística, que son os períodos de exposición pública e o lexítimo dereito de alegacións da cidadanía ante unha infraestrutura ou ámbito urbanístico na que é afectado.

MAREA DE VIGO DEFENDEMOS EMPEZAR XA A TRABALLAR NUN PXOM SOSTIBLE E RACIONAL COS SEGUINTES PASOS:

– Concurso público ou asunción por parte da Xerencia de Urbanismo con recursos propios da contratación dos traballos para a redacción de un novo PXOM

– Proceso participativo previo para o diagnóstico socio-ambiental, económico e territorial do modelo de cidade que queremos e especialmente da Memoria Informativa do mesmo

– Participación aberta e horizontal cidadá nesta fase na que defenderemos emendar á totalidade o PXOM en canto a edificabilidades, eliminación de ámbitos perigosos como Liñeiriños, rolda, etc…

– Proceso transparente en todos os procesos de elaboración do PXOM

– Consello sectorial municipal de seguimento do PXOM

– Comisión municipal específica