emenda á totalidade aos orzamentos do concello de vigo para 2017

15 de Novembro de 2016

EMENDA Á TOTALIDADE AOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE VIGO PARA 2017

O grupo Municipal da Marea de Vigo ten manifestado en numerosas ocasións a necesidade de transformar de xeito ambicioso o procedemento de redacción e aprobación dos orzamentos locais na nosa cidade. Para nós non é máis que defender que Vigo camiñe de xeito análogo aos interesantes procesos abertos en cidades como Madrid (Madrid Decide), Barcelona (Decidim Barcelona), Compostela (Compostela Decide), Coruña (A porta Aberta) que, a súa vez, son reflexo dos cambios que estanse dando en toda Europa e América Latina onde, en cidades como París, Bolonia, Buenos Aires, a participación cidadá na elaboración das propostas orzamentarias, especialmente no capítulo de inversións públicas, está absolutamente normalizada.

En Vigo, sen embargo, exercicio tras exercicio, os orzamentos anúncianse publicamente xa conformados sen que gran parte do tecido asociativo da cidade ou mesmo os veciños e veciñas interesados en aportar propostas de mellora no seu barrio poidan realizar suxestións orzamentarias que logo teñan traslado ao borrador inicial. A falla de mecanismos participativos, a existencia dun regulamento de participación cidadá obsoleto e pouco ambicioso, xunto coa absurda presa do goberno local en “ser o primeiro gran concello que aproba orzamento no noso país” (mérito para o que non existe ningún premio por certo), fan desta proposta orzamentaria algo remotamente lonxe dos programas municipalistas progresistas ou mesmo do propio código de bo goberno da FEMP subscrito polo noso Concello, que fan dos procesos participativos previos á elaboración do proxecto de orzamentos unha prioridade de traballo imprescindible. So estas consideracións sobre o xeito de aprobar a proposta de borrador xa xustifican para nós a devolución desta proposta de orzamento á Xunta de Goberno Local para que abra un proceso participativo e cidadá de elaboración do mesmo.

De todos xeitos, salvando esta cuestión inicial, este grupo Municipal considera que existen ademais no borrador propostas e consideracións en materia económica moi discutibles, sen vontade de mellora da situación socioeconómica da cidade e especialmente centrados en políticas de “auto-bombo” e, como se de un decorado de cine se tratase, de agochar tralas paredes da cidade a realidade de aumento das situacións de exclusión social e pobreza, da realidade dunha cidade precaria fronte a ese modelo de “cidade fermosa” que anuncian as políticas económicas contidas nesta proposta. Por este motivo, que abaixo imos debullar, tamén xustificamos a presentación da emenda á totalidade.

Foi o grupo municipal da Marea de Vigo o que solicitou normalizar a figura das “emendas á totalidade” como instrumento para reclamar a devolución da proposta orzamentaria en Vigo. Se ben xa figura no recentemente modificado Regulamento Orgánico do Pleno, a non existencia de debate separado das emendas á totalidade e das parciais, mesmo en dous plenos extraordinarios diferentes, como por exemplo existe no Parlamento de Galicia, no do Estado e na maioría dos regulamentos de pleno das grandes cidades, dificulta o traballo dos grupos municipais, xa que consideramos que as emendas parciais tamén se fundamentan sobre os contidos expresados nas emendas á totalidade, como ben regula o Parlamento de Galicia. Sería imprescindible que no futuro, no proceso de elaboración do orzamento se regule esta cuestión. En todo caso, este Grupo Municipal sinalará nesta emenda á totalidade as propostas de modificación que trasladaremos ao proceso de alegación cidadá a través do tecido asociativo e a cidadanía consciente da nosa cidade.

Este Grupo Municipal é consciente do marco lexislativo no que se constrúe este Orzamento do Concello de Vigo para o 2017. Sabemos da esixencia da Unión Europea de garantir a estabilidade presupostaria, que levou en setembro de 2011 a reformar o artigo 135 da Constitución Española introducindo unha regra fiscal que limita o déficit público e prima o pago da débeda. De este feito, tanto PP como PSOE son instigadores e actores principais. Tamén somos conscientes da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Presupostaria e Sustentabilidade Financeira que para desgraza de concellos como o noso desenvolveu os principios recollidos nesta modificación constitucional xa que artellou os principios convencionais de estabilidade financeira a través dunha serie de normas fiscais de obrigado cumprimento para as administracións públicas españolas co pretendido obxectivo de sanear as súas finanzas. É polo tanto unha “tríada perversa” que condiciona gran parte do que o noso concello pode facer en materia orzamentaria:
1: a non superación dun determinado tope de déficit (decidido politicamente)
2: a non superación dun tope de débeda e
3: o que de xeito máis directo afecta a Concellos como o de Vigo cunha situación financeira positiva: a existencia dun teito de gasto restritivo a pesar da situación do concello en cuestión.
Esta última regra é un dos elementos máis perversos da Lei ao fixar que ningunha administración poida incrementar o seu gasto público máis do crecemento estimado do Produto Interior Bruto (PIB) aínda que se cumprira o obxectivo de déficit. Especialmente preocupante para a Marea de Vigo é non poder dispoñer dos superávit para políticas de actuación directa contra a pobreza e a exclusión social.

NO CAPÍTULO DE INGRESOS:

Resulta unha evidencia que a conxelación impositiva anunciada por este Goberno Local non existe; dende 2015 asistimos a un progresivo aumento dos ingresos por impostos indirectos e tamén directos que sistematicamente supera os ipc´s previstos e sen que existan modificacións substanciais nos padróns aprobados cada ano. Este grupo municipal xa denunciou no seu día o cálculo do período medio para acometer a suba de prezos públicos e taxas tomado para 2016, que significou un aumento en xeral en todos os conceptos, do 1,1% ou o incremento do 2,4% das taxas por consumo de auga e saneamento que se contemplan para 2017. Neste 2017 está por cuantificar (e así figura na memoria) o impacto que terían as modificacións das ordenanzas e polo tanto as taxas e prezos públicos.

Especialmente curioso é que nun suposto ano de conxelación do IBI (este ano 2017),e despois da suba dun 2,1% en 2016, o groso do aumento de ingresos que este orzamento manexa vai vir fundamentalmente de aumentos significativos no IBI (sube un 2,25% previsiblemente), e sen que existan bonificacións máis audaces ás familias (so 60.000 euros ao ano aforran de IBI na única bonificación social directa ás familias, -familias numerosas- )dos máis de 65.900.000 que se pensan recadar en 2017.

Analogamente, as subidas das taxas en case un 0,7% pode ser “non especialmente significativa”, segundo recolle o informe, pero os máis de 38 millóns de euros xa supoñen para as economías familiares viguesas un esforzo importante, con aprazamentos de pagos cada día máis recorrentes, para que exista unha subida por enriba do que están a subir salarialmente os convenios colectivos negociados que se aplican aos diferentes sectores laborais da nosa cidade.

Existen aumentos importantes das transferencias do estado, Xunta de Galicia e mesmo aumentos significativos de recursos transferidos da Deputación de Pontevedra pero, que se consideramos que entre 2013 e 2016 este concello amortizou de xeito extraordinario máis de 44 millóns de euros (de xeito ordinario e cun nivel de débeda e pago de xuros moi aceptable so teríamos que afrontar o pago de 24) consideramos que ningún ingreso extra pode substituír o que esta amortización restou de capacidade de inversión en actuacións económicas sostibles que permite realizar a lexislación actual. Todo polo mantra da débeda 0 que está forzando a aparición de superávits e baixa execución nalgunhas partidas importantes ao final do exercicio.

Porque é evidente que existen aumentos significativos nas previsións de ingresos que non teñen información clara da súa orixe, como pode ser por exemplo o aumento nun 20% esperado do servizo de grúa, das taxas de extinción de incendios e de diversas taxas pola realización de actividades de competencia local que pasan de 1.520.000 en 2016 a 2.682.117 en 2017 sen aclaración pertinente do informe.

NO CAPÍTULO DE GASTOS:

Nos diferentes capítulos de gastos, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo se consubstancian de xeito máis evidente os motivos que artella a nosa emenda á totalidade.

1. FALLA DE PARTICIPACIÓN SINDICAL E INFORMACIÓN SOBRE O CAPÍTULO I

Este orzamento 2017 é un exemplo tamén de como non se debe actuar nas cuestións relacionadas coas mesas de negociación no tocante ao artigo 37 da lei 7/2007 sobre o Estatuto Básico do Empregado público. Porque esta lei é a que marca non só os criterios de retribucións do persoal, (que entendemos limitado polos marcos da chamada “lei Montoro”), senón tamén artella aspectos relevantes no tocante as cuestións da OPE e doutros aspectos en materia laboral.

A data de hoxe, salvo unha xuntanza urxente o día 2 de novembro, onde soamente se lle facilitaron aos presentes datos totais sen traslado do preceptivo Informe sobre o capítulo I, ás organizacións sindicais presentes na mesa non tiveron acceso ao informe que acompaña esta proposta de orzamentos (o informe é do día 4 de novembro).

Marea de Vigo considera totalmente xustificada a queixa dalgunhas centrais sindicais presentes no Concello de Vigo sobre a falla de negociación e da existencia dunha inxustificada presa que salta de xeito grave a participación sindical no proceso. Mesmo seguimos a ver que non existe unha RPT actualizada que permita comprobar o que con vehemencia se asegura nas Liñas Fundamentais do Orzamento (exp. 37/142) que foi a pleno o pasado mes de outubro e que aseguraba que: “en canto a gastos de persoal, a variación será do 1% en relación co consignado no orzamento do exercicio anterior, ou sobre a previsión de gasto que se vai executar, posto que esa porcentaxe é a prevista para a revisión das retribucións dos empregados públicos….” a dotación que reflicte o capítulo permite facer fronte o cadro de persoal actual.

2. UN 2% MÁIS DE GASTO NO CAPÍTULO 2 NON TEN NECESARIAMENTE QUE SIGNIFICAR UN AUMENTO DO GASTO SOCIAL OU MELLORA DOS SERVIZOS

O mantra que o goberno local ten manifestado nestes días, dicindo que “aumenta o gasto social” non parece máis que unha pretendida manobra para xustificar os incrementos nos pagos que este Concello facemos ás empresas concesionarias dos mesmos.

Neste sentido o brutal incremento do Servizo de Atención no Fogar, fundamentado polo requirimento da Xunta de Galicia de aumentar o número de horas prestadas, vai ser un incremento de 1.329.326 euros neste 2017, (máis dun 41% para pasar de 700 a aproximadamente 800 usuarios, un 12% máis) sumado ao incremento do copago que os usuarios realizan, que pode estar entre un 30% e un 60% máis dependendo do caso. Concellos como o de A Coruña teñen manifestado opoñerse de xeito frontal despois de facer simulacións da proposta da Xunta de Galicia. Este Grupo Municipal considera que de non garantir que non aumenta o copago dos usuarios do SAF, este Concello debería non aumentar as horas do servizo que factura Clece aínda que isto supoña retornar os máis de 400.000 euros que a Xunta vai transferir como financiamento autonómico do servizo. Este aumento, xunto co aumento da partida da prestación de servizos do Centro de Servizos Sociais (CMSS) debería ter un informe dos aumentos dos servizos e usuarios concretos, algo a día de hoxe non aclarado por parte da documentación que acompaña a esta proposta de orzamento. Non dicimos que non se aumente o número de usuarios, xa que nos consta que a demanda existe, senón que, o non haber control sobre as concesionarias e o xeito de xestionar os cartos públicos, non podemos ter garantía da repercusión deses cartos, e de se realmente se aumentan as horas as e os traballadores do servizo cumprindo a lexislación laboral vixente nos seus casos.

O que si é evidente é que nas partidas nas que o concello si que pode actuar de xeito directo en materia de axudas ás familias sen a presencia de concesionarias privadas mantéñense igual que no exercicio anterior: o afamado cheque social, mesmo importe: 1.600.000 euros, cando centos de solicitudes quedaron fóra por motivos de renda ou burocráticos na anterior convocatoria; mesmo importe tamén para as axudas relacionadas co fondo de emerxencia e desafiuzamentos (842.000 euros), mesmo importe para a becas de comedor e libros (1.200.000) cando máis de 700 familias non tiveron acceso no 2016, diminución importante (de máis de 95.000 euros a 75.000) das axudas á cooperación internacional para o desenvolvemento

Gran parte dos aumentos en gastos de protección e promoción social (cifrados neste orzamento nun 8,51%) non reflicten que sistematicamente quedan sen executar partidas importantes do plan de emprego, que, neste 2017 ten unha redución dos 1.500.000 millóns de euros aos 1.200.000 ao desagregar os custos de Seguridade Social contidos nesta proposta, que por certo, requiriría algunha aclaración pola aparición dunha partida de 300.000 euros contida antes na partida principal. E todo cun escenario de máis de 680.000 euros sen executar do plan de emprego vixente a data do 1 de outubro deste ano.

Especialmente grave para o Grupo Municipal da Marea de Vigo é que os números reflicten un absoluto descontrol no seguimento dos pagos en relación aos servizos ofertados de determinadas concesións de servizos públicos básicos como Parques e Xardíns, subministro de auga e saneamento, alumeado público, limpeza viaria, de colexios, etc… Poñemos como exemplo os seguintes:

1. Guindastre: aumento en máis de 102.000 euros de custe neste 2017
2. Subministro Eléctrico Público: aumento en 444.642
3. Contrato iluminación túneles, etc…: aumento en 191.322
4. Limpeza e mantemento en colexios: aumento en 197.000
5. Lanzadeiras: aumento en 25.000 euros
6. Bono Bus- tarxeta verde: aumento en 500.000 euros

Ao marxe da documentación incluída nos propios procesos de adxudicación, onde se reflicten as cantidades nos pregos concesionais, todos os aumentos precisarían dun informe xustificativo en materia de facenda, anexo a esta proposta orzamentaria, xa que son concesións a empresas privadas. Porque temos precedentes que poñen en dúbida o control dos recursos públicos transferidos a estas empresas. No 2015 e 2016 fomos aumentando pagos a empresas como Althenia, concesionaria do mantemento de Parques e Xardíns, con modificacións de crédito orzamentario significativas co resultado dun peor servizo e con incumprimentos graves do cómputo de efectivos no cadro de persoal. Non hai que esquecer que os servizos públicos básicos, ao supoñer máis do 50,88% do gasto non financeiro, teñen que ter unha fiscalización exhaustiva e transparente.

Do mesmo xeito compútanse xa os importes dos proxectos EDUSI que ten que pagar o Concello sen aínda ter unha previsión de ser co-financiados neste 2017 (na maioría dos casos comeza a financiación europea dos proxectos en 2018)

3. AS INVERSIÓNS

O noso Grupo Municipal segue considerando que o modelo dos pregos técnicos das humanizacións ten que cambiar. Entre outras cousas, establecen uns criterios construtivos e de materiais que encarecen o custe por metro cadrado das humanizacións, e por outro lado, non teñen ningunha cláusula de consolidación do emprego máis aló que o que estableza o propio convenio colectivo de aplicación. A obra pública de mellora da vía pública ten que ter retorno social en forma de emprego estable e o custe posterior de mantemento da obra ten que ser sostible e con garantía construtiva a medio prazo (máis aló dos dous anos de garantía de obra presente na actualidade).

Os máis dos 16 millóns de euros de inversións neste 2016, gran parte con orixe no superávit pola non execución en partidas do exercicio anterior, requiren un control público.

Queda en evidencia este goberno local nas partidas de inversións xa sacadas a concurso público, adxudicadas e con algún grado de execución. Está sendo unha costume neste Concello anunciar inversións que logo non son executadas e que pasarán con toda probabilidade ao orzamento do ano seguinte. No ano 2016, por exemplo, do contrato de mantemento no rural, con máis de 552.000 euros de dotación, non se executaron 529.000 euros (a data 1 de outubro) e volve a aparecer como unha inversión importante no 2017; Do proxecto de mellora do acceso peonil en Porta do Sol non se executan 520.000 euros dos 670.000 orzamentados, e da Humanización na rúa Bueu 330.960 dos 565.000 orzamentados.

Estamos falando de gastos en materia de inversións importantes, que perfectamente poderían ser tomados como referencias económicas para artellar a creación dunha empresa municipal de vías e obras que realice dende o público actuacións de mellora das infraestruturas da nosa cidade sen os evidentes sobrecustos do sistema de concesión privado vixente dende o Plan E de principios da década anterior. Este Grupo Municipal xa ten pedido reiteradamente a redacción dun informe técnico para avaliar a viabilidade da creación da devandita empresa pública.

4. AS AMORTIZACIÓNS EXTRAORDINARIAS DE DÉBEDA.

Se hai algo que a esquerda política municipal ten reclamado nestes anos de goberno do Partido Popular ao ministerio de Facenda, é a modificación da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira que, como sinalamos ao principio de esta emenda é a punta de lanza do artigo 135 reformado da Constitución e como tal consagra os principios do neoliberalismo e da austeridade.

Vigo tería feito “grandes cousas” cos máis de 44 millóns de euros que de xeito anticipado amortizamos da débeda local dende 2013 e os 22 millóns que estaban dentro dos prazos de amortización normais. Tíñamos un nivel de débeda sostible e que non requiría do informe económico-financeiro que oprime a outros grandes concellos de Galicia e do Estado, e que practicamente lamina a autonomía local.

Somos conscientes neste Grupo Municipal que o teito de gasto está a ocasionar que o Concello de Vigo, con recursos de tesourería importantes e con contas saneadas, non podamos afrontar ambiciosos plans de emprego ou incrementar outras actuacións sociais orientadas ás persoas e familias en risco de exclusión social. Defendemos que se se xeran ingresos durante un exercicio e tense a previsión de manter á alza eses ingresos durante o seguinte exercicio económico, o teito de gasto ou límite de gasto non financeiro debería adecuarse á realidade económica do noso Concello, non a unha regra xeral inxusta.

Pero analogamente discrepamos da priorización do pago anticipado da débeda asumida por este goberno coa escusa soamente de “ser o primeiro gran concello en liquidar a totalidade da débeda”. (en realidade hai máis de 3.000 concellos no estado con débeda 0). O pasado mes de abril, por exemplo, mediante unha modificación de crédito, liquidábase de xeito anticipado débeda por importe de 9 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería que significaban aforrar en 2017, 118.426 euros, en 2018, 64.221, en 2019, 30.181, e en 2020, 15.105 euros. E dicir, 9 millóns menos de inversión para aforrar apenas 227.933 euros en 4 anos. A todas luces a amortización unha inxustificada e carente de sentido político.

Os máis de 44 millóns de euros anticipados aos bancos dende 2013 poderían ter sido unha ferramenta indispensable para a recuperación económica de Vigo. Facer máis do que pide Montoro é ser pouco coherente coa proposta contraria expresada polo PSOE na FEMP e no Congreso dos deputados para evitar que a obriga ás administracións públicas que presentan déficit público a recortar en todo tipo de gasto público e que tamén impide ás administracións que teñen superávit, como o noso caso, poidan gastar todo o diñeiro sobrante en políticas públicas diferentes do pago da débeda. Consideramos que Vigo non pode colaborar activamente nunha lei que forza a redución do tamaño das administracións públicas e que garante o negocio bancario, ademais de lastrar o crecemento económico e deteriorar o Estado do Benestar.

Do mesmo xeito, as consecuencias xurídicas e patrimoniais que poidan devengarse da anulación do PXOM, terían que ter sido tomadas en conta á hora de empregar remanentes de tesourería ou asignar superávit para liquidar débeda anticipadamente.

Por todas estas cuestións aquí expostas,

SOLICITAMOS AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO:

A devolución da proposta de ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO PARA O ANO 2017 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo cos criterios que substancian esta emenda á totalidade