emenda á totalidade aos orzamentos do concello de vigo para 2019

8 de Novembro de 2018

EMENDA Á TOTALIDADE AOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE VIGO PARA 2019

Dende 2015 este grupo municipal vén reclamando outra práctica política e outra sensibilidade por parte do Goberno local á hora de abordar a configuración dos orzamentos locais. A existencia de maiorías electorais non significa un traslado de maiorías sociais e moito menos de consensos amplos se previamente non se traballa na cidade informando e deseñando as partidas orzamentarias co conxunto da sociedade e o tecido asociativo da nosa cidade.

No Pleno do mes de outubro o grupo municipal da Marea de Vigo presentaba de feito unha proposta de aplicación de Orzamentos Participativos que paliara ese crecente divorcio entre a política representativa e a cidadanía. O voto negativo do grupo no Goberno deixa claro que non hai vontade de facelo.

Dicíamos na moción que a calidade da democracia debía ser medida pola participación popular no Goberno. E que esa participación non só debería ser como mero receptor de información e só no propio e individual, senón que se debe facilitar á cidadanía a súa participación no político, o económico, o cultural e o social; o que é o mesmo: favorecer e poñer os medios para establecer a participación na construción dunha sociedade mellor. Este é o instrumento fundamental se queremos chegar a articular unha democracia autenticamente participativa.

En diversos concellos no conxunto do Estado xa se teñen articulado mecanismos participativos co obxectivo de implicar á cidadanía na toma de decisións sobre os orzamentos do seu propio concello. A veciñanza ten a oportunidade de expresar e participar en decidir cales son as prioridades nas que se van investir os impostos que aportaron. Isto supón xerar un proceso de achega da política municipal aos intereses reais da cidadanía e ás súas necesidades.

Non foi posible facer ver a este Goberno local a necesidade de artellar un mecanismo análogo en Vigo e temos un proxecto orzamentario agora en aprobación que é descoñecido polos axentes sociais e cidadáns implicados e polo tanto deseñado sen a participación da sociedade viguesa. De novo as liñas fundamentais do orzamento e o orzamento en si mesmo son remitidas case in extremis mesmo aos integrantes do Consello Económico e Social da cidade a pesares de que para o orzamento de 2018 xa formularan queixas evidentes desta pouca sensibilidade cara aos sectores económicos da cidade por parte do Goberno local.

De novo volvemos reclamar que se dea cumprimento ao Código de bo Goberno da FEMP que foi aprobado no Pleno do Concello de Vigo, no que se di claramente que nos concellos adheridos “Se implementarán los presupuestos participativos como instrumentos de mejora de la participación de la ciudadanía en la asignación de los recursos públicos y en la definición de objetivos prioritarios de gestión”.

Este proxecto orzamentario que se nos presenta aos grupos municipais volve conter os mesmos vicios de proxectos orzamentarios anteriores, formulado sobre un suposto factor expansivo no capítulo de gasto social e de investimentos completamente irreal, cunha permanencia de partidas non executadas en exercicios anteriores e cun anuncio de conxelación no capítulo de ingresos por prezos e taxas públicas que simplemente é unha postergación das subas do IPC para seguintes anos (anos obviamente sen cita electoral municipal) o que para nós e un uso electoralista de algo tan importante para a cidadanía como os orzamentos do Concello de Vigo.

EN CANTO AOS INGRESOS PREVISTOS NO ORZAMENTO:

O orzamento consigna unha suba evidente de ingresos procedentes dos capítulos de ingresos por impostos directos, indirectos e taxas. O propio informe que recolle este orzamento recoñece que esta previsión de ingresos está feita á baixa, polo que previsiblemente a presión recadadora será maior, e polo tanto e de facto, contraditoria con esa suposta conxelación anunciada.

O capítulo 1 (impostos directos, IBI,…) sube cando menos un 1% sen que se tivesen en conta as bonificacións previstas propostas por este grupo municipal nas ordenanzas fiscais que, por exemplo, permitirían que centos de fincas clasificadas como urbanas no padrón do IBI pasasen a ser rústicas ao non ter planeamento nin servizos actuando nas mesmas o que significaría un aforro considerable entre moitas familias do rural.

Marea de Vigo argumentou do mesmo xeito que era necesaria unha redución do tipo de gravame para os bens urbanos, rústicos e BICE´s (que aumentaron incomprensiblemente en Vigo no último lustro do 0,804 ao 0,901% para os urbanos, do 0,3% ao 0,677% nos rústicos e do 0,804% ao 0,831% nos especiais) sendo este con diferencia o imposto máis oneroso para as familias viguesas. Para o caso do IBI urbano, Vigo estaría xa preto do máximo legal (1,1%) polo que este motivo substancia xa para nós unha oposición a este proxecto orzamentario que se nos presenta.

Un xesto de querer avanzar en políticas sociais progresistas sería avanzar na proposta de redución dos mesmos aos niveis de 2013 (gravame bens inmobles urbanos: 0,884% gravame bens inmobles rústicos: 0,3% e gravame bens inmobles características especiais: 0,804%).

No capítulo 2 (taxas) obsérvase que a previsión de ingresos por aproveitamento do dominio público por instalacións con redes de telecomunicacións que vén de modificarse na ordenanza para 2019 non son nin moito menos os ingresos esperables que deberían obterse por parte das operadoras privadas. Vigo ten un nivel de ocupación da vía pública por parte destas infraestruturas moito máis elevado que o que resulta de simplemente recadar un total previsto de 600.000 euros.

Do mesmo xeito, obsérvase unha suba significativa no capítulo 4, con maiores ingresos procedentes da Xunta de Galicia para a cobertura do SAF e de determinadas prestacións de carácter social que, de xeito inxusto, agora temos que co-financiar as entidades locais (garderías públicas por exemplo).

Isto explica en parte a tímida suba en gasto social que, en todo caso, é orixinario substancialmente dun inxusto pago de servizos que o municipio ten que facer, ate o de agora realizados por parte da comunidade autónoma. O que consagra esta lei 2/2017 (para co-financiar diversos servizos públicos en materia social coa administración autonómica) consideramos que é exactamente igual de prexudicial que o sistema que obriga aos concellos a asumir a xestión e tramitación do RISGA.

Os propios datos do INE continúan a colocar a Vigo como a cidade galega con maior taxa de poboación en risco de pobreza con taxas do 21% fronte ao 18,4% de A Coruña ou o 20% de cidades como Pontevedra ou Santiago de Compostela. Unha fiscalidade progresiva e unha maior contención recadatoria para os sectores sociais susceptibles de sufrir problemáticas económicas sería un bo xesto, xesto que non vemos nas previsións de ingresos deste proxecto orzamentario.

EN CANTO AO CAPÍTULO DE GASTOS:

Este proxecto orzamentario parece non ter analizado en que momento se atopa a cidade de Vigo en canto a estabilidade, calidade e creación de emprego, en canto as necesidades reais dos barrios, as dotacións existentes e a previsión de futuras e, especialmente, de como dar cobertura en canto a recursos públicos as miles de familias en risco de exclusión social na cidade que diariamente abarrotan as dependencias municipais en busca de axudas sociais.

Este orzamento consagra o formato de obra pública suntuaria en vez de obra pública necesaria, de anuncios e reserva de dotación económica sen garantía de execución final (o propio proxecto orzamentario establece un horizonte mínimo dun 20% de falla de execución no capítulo de investimentos), non prevé o impacto da asunción da débeda do Auditorio Mar de Vigo e non propón novas medidas para reforzar políticas de vivenda de emerxencia, ou de creación de emprego estable e non estacional, tal e como vén sendo o contido no plan de emprego actual.

En canto aos gastos previstos nesta proposta de Orzamento, substanciamos a nosa emenda á totalidade en:

NO CAPÍTULO DE GASTOS:

CAPITULO 2. GASTOS CORRENTES EN BENS E SERVIZOS:

É especialmente curioso que o aumento significativo deste capítulo sexa polas concesións como lixo, conservación zonas verdes, parques infantís, etc.. xa que apenas conteñen melloras do servizos e simplemente actualizan prezos. O servizo de limpeza viaria pasa nun ano de 20 a 23 millóns sen que exista unha modificación substancial no contrato nin ampliacións significativas de rúas (só sería xustificable para nós no caso de tratarse de subas salariais e melloras de convenio).

Igualmente non podemos compartir que un capítulo que superará os 123 millóns de euros neste exercicio teña como significativo un gasto circunscrito a un contrato de servizos de decoración de Nadal e animación comercial.

Seguimos a deitar unha cantidade inxente de recursos públicos en empresas privadas que realizan os servizos públicos sen unha auditoría clara dos mesmos, aumenta un 30% o custe do programa de Axuda no Fogar sen cuestionar, como o están a facer outros Concellos, se detrás deste aumento imposto pola Xunta preténdese ampliar o co-pago que realizan moitas das persoas usuarias do servizo.

CAPITULO 3. GASTOS FINANCEIROS:

Desde Marea de Vigo dicíamos en anteriores orzamentos que non compartíamos ese “mantra neoliberal” de débeda 0 das administracións públicas, especialmente naquelas que nestes anos están a soster con investimentos as carencias doutras que si teñen competencias.

Con débeda se constrúen garderías, centros de día, repáranse edificios municipais e dotacionais de todo tipo. Vigo non pode esperar a acumular superávit de xeito inxente e que o Goberno acorde a ampliación, de novo postergada no debate do Congreso dos Deputados, das obras financeiramente sostibles. Unha planificación seria dos investimentos pode ir perfectamente acompasada cun nivel de endebedamento pequeno e asumible.

CAPITULO 4. TRANSFERENCIAS E SUBVENCIÓNS CORRENTES

Este orzamento parece non ter analizado a realidade social que viven os nosos barrios. Consigna as mesmas cantidades que o 2018 ás bolsas comedor, ás axudas de emerxencia, de loita contra os desafiuzamentos, etc…. Un dato esclarecedor é que no 2018 as persoas beneficiarias das axudas de emerxencia foron finalmente 1937 persoas, pero a 1027 se lle denegou a mesma maioritariamente por superar o baremo de renda máximo permitido.

Neste 2018 o baremo debería cambiar porque os niveis de renda esixidos son en todo caso inasumibles mesmo para persoas perceptoras da RISGA e ano tras ano as persoas solicitantes son case as mesmas, quedando centos de familias excluídas. A contía debería cando menos ser un 40% superior para o 2019.

Denunciamos especialmente :

  • Non existe de novo ningún aumento nos orzamentos das axudas de emerxencia contra os desafiuzamentos (842.000 euros) cunha previsión de ano 2019 moi complicado pola actuación de fondos voitre que se fixeron con activos inmobiliarios de bancos e caixas.
  • De novo a mesma partida en axudas de vivenda, alimentos e enerxía (1.640.000) que como citábamos arriba, segue a ser insuficiente ante as centos de solicitudes que quedan fóra por un criterio absolutamente restritivo de renda motivado polo importe reservado na partida.
  • Non hai aumento nas bolsas de comedor, libros (1.200.000) sendo o criterio de renda igualmente restritivo.
  • Seguimos a considerar absolutamente insuficiente a achega ao M.A.R.C.O. e non garante da súa viabilidade futura como museo de arte contemporánea.
  • Desaparición de novo do convenio coa FAVEC que permita recuperar a actividade veciñal federada e os servizos básicos esenciais no local de rúa da Princesa 7.
  • De novo consígnanse 500.000 euros a un convenio para a promoción de actividade cultural no auditorio Mar de Vigo a unha empresa no seu día contratada pola UTE. Ao non existir a UTE este montante está sendo adxudicado sen concorrencia e polo tanto non pode ser asignado deste xeito e sen posibilidade de optar a participar a outras empresas do sector da xestión cultural.
  • Desigualdade e arbitrariedade de novo nas achegas ás entidades culturais. Non hai nin regulamentos, nin concurso nin establecemento de bases que arbitren cando, como e en que cantidades se subvencionan festas, actividades ou eventos do tecido asociativo da cidade.

CAPITULO 6. INVESTIMENTOS

O orzamento para o 2019 establece un montante de 30 millóns de euros de investimentos se ben xa se asume no propio expediente a non execución probable de moitos deles. De novo as baixas execucións orzamentarias de 2015, 2016, 2017 e 2018 veñen acompañadas de inversións recorrentes que transitan dun exercicio a outro e anúncianse como novas cada ano.

Hai que lembrar que en 2017 consignáronse a este capítulo inicialmente 16.221.498 millóns de euros, posteriormente foron ampliados a 41.205.978 co superávit e recursos transferidos de outras administracións, finalmente a execución foi por menos da metade deste importe. Posteriormente para 2018 consignáronse 34 millóns (4 millóns por enriba do orzamento deste 2019) contando os máis de 17.675.058 dos EDUSI e recursos doutras administracións. O xogo de sumar importes que logo non se executan está impedindo ver con claridade cal é o problema real da política orzamentaria deste concello e porque non se executan correctamente as inversións cada ano. A data de peche do terceiro trimestre deste ano 2018, a execución dos investimentos non chegaba ao 10%.

De novo non podemos tomar en serio nin os compromisos de investimentos do proxecto orzamentario para o 2019 nin os programas plurianuais, porque simplemente en moitos casos non se executan ano tras ano: adquisición terreos panificadora, humanizacións en Serafín Avendaño, Ronda de Don Bosco, Estrada Beade-Garrida, Porta do Sol,…. aparecendo nos proxectos orzamentarios de varios anos e anunciándose sempre como novos.

Do mesmo xeito consideramos que un concello que consigna case 18 millóns de euros para investimentos en obras públicas (fomento) e apenas 90.000 euros en Museos, 95.000 en patrimonio histórico, 32.500 en bibliotecas e arquivos, 440.000 en acción social por exemplo, ten un problema serio de prioridades de gasto que dista moito de chamarse progresista.

Por todas estas cuestións aquí expostas:

SOLICITAMOS AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO:

Baixo os criterios que substancian esta emenda á totalidade, a DEVOLUCIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO PARA O ANO 2019 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo con criterios participativos, de información pública e elaboración do proxecto orzamentario coas prioridades antes descritas.