emenda á totalidade aos orzamentos do concello de vigo para 2020

12 de Novembro de 2019

 

EMENDA Á TOTALIDADE AOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE VIGO PARA 2020

Dende hai varias lexislaturas o Grupo municipal da Marea de Vigo ten explicitado que un proxecto orzamentario adecuado para a cidade o é, non porque se aprobe rápido, senón porque conteña un reflexo da realidade social da cidade e, especialmente, da situación económica de cada exercicio.

Un orzamento ten que conter non só partidas adecuadas para dar solución á correcta xestión dos servizos públicos senón ser froito dun proceso de participación e co-decision dos axentes sociais, veciñais, económicos, etc.. da cidade. Un proceso participativo que ten que regularse e artellarse metodolóxicamente e non pode ser identificado como coa recurrente ridiculización do mesmo tantas veces expresada no pleno en forma de “o alcalde xa fala todos os días cos veciños e veciñas”.

Polo tanto, seguimos a demandar abrir a elaboración do orzamento a metodoloxías participativas, a participación previa dos grupos da oposición e aos sectores sociais que participan no Consello Social da Cidade. Non pedimos nada máis que a instauración das recomendacións da propia FEMP no Código de Bo Goberno que literalmente mandata aos concellos a implantar “medidas para a mellora da democracia participativa” e sobre todo tendo en conta que o “principio de proximidade no ámbito local configura ás entidades locais como o espazo de goberno e administración idóneo para alcanzar a máxima participación cidadá e instrumentar as vías e xeitos que fagan posible a súa materialización en niveis óptimos.”

No mesmo senso o Código de Bo Goberno sinala que “a efectos de coñecer con precisión as necesidades e expectativas da cidadanía, así como de garantir a existencia de xeitos de interlocución adoptaranse medidas como:

  1. Regular unha carta de dereitos e deberes cidadás, como instrumento no que definir e facilitar o seu exercicio.

  1. Promover a utilización de enquisas, realizadas nos propios servizos, na web e redes sociais, ou a pé de rúa, as caixas de correos de queixas e suxestións, o cliente misterioso, os recursos administrativos e outras canles de participación tales como as Xuntas de Distrito, as Asociacións Veciñais, o Consello Social, ou a Comisión de Suxestións e Reclamacións.

  1. Procurar a mellora dos procedementos co-decisión e a transformación das estruturas burocráticas desactualizadas para a consecución dunha gobernanza real, como goberno aberto, participativo, transparente e equitativo.

  1. Convocar a todos os grupos de interese (asociacións, universidade, etc.), convidándolles a expresar as súas opinións e suxestións, mesmo a colaborar na redacción das normas locais, coa posibilidade de pactalas no marco da potestade material de decisión política.

  1. Implementarar os orzamentos participativos como instrumentos de mellora da participación da cidadanía na asignación dos recursos públicos e na definición de obxectivos prioritarios de xestión.

  1. Atenderase ás necesidades sociais nas diferentes etapas da vida e procurarase a conciliación de tempos de traballo cos que non o son (lecer, formación).

Cremos sinceiramente que estas actuacións e orientacións están totalmente ausentes na xestión do actual Goberno municipal, e, se ben existe un Consello Social, este non participa na redacción e decisión do proxecto orzamentario, sendo consultado simplemente unha vez aprobado o borrador e as súas partidas xa delimitadas. Mesmo as aportacións non son recollidas finalmente no orzamento final e queda simplemente nun exercicio de reflexión colectiva de axentes económicos e sociais sen ningún traslado ao orzamento.

Que a vontade de establecer este mecanismo que de xeito incipiente en moitos concellos do estado xa opera con normalidade non existe é proba o voto negativo do grupo municipal socialista á moción presentada na lexislatura pasada por este grupo municipal na que se instaba á aplicación de proxecto piloto de orzamentos Participativos que viñera a dar cumprimento a este mandato da FEMP e da propia Lei de bases de réxime local.

Este proxecto orzamentario para o ano 2020 polo tanto, no noso xuízo, xa vén viciado na forma na que se redacta, no mecanismo no que se presenta públicamente (a un medio de comunicación antes que aos grupos da oposición e ao resto de medios locais) e mesmo na actitude permanente de non aceptar ningunha das ducias de propostas presentadas polos grupos municipais que inhabilitan calqueira tentativa de mellora.

Lonxe de argumentar a resposta ao aquí expresado, o Goberno local identifica a presentación desta emenda á totalidade, que non é máis que solicitar a devolución do proxecto orzamentario ao Goberno local para que dea cumprimento ao exposto, como unha tentativa de bloqueo e de non querer aportar propostas. Aqui, neste documento imos facer unha batería de propostas que acompañan a esta emenda e que perfectamente poderían ser aportadas como emendas parciais pero queremos que formen parte do argumentario desta emenda de devolución.

Para o grupo municipal da Marea de Vigo é unha evidencia que hai poucas partidas non comprometidas neste exercicio orzamentario que teñan unha cuantía suficiente para artellar as prioridades que consideramos necesario abordar no ano 2020, un ano que vai estar marcado pola desaceleración económica, pola cronificación da crise industrial da cidade e da xa imparable xeralización de bolsas de pobreza e exclusión social en todos os barrios da cidade, feito de queda perfectamente patentizable no desbordamento dos servizos sociais da cidade. Para Marea de Vigo sería absolutamente necesario que este orzamento contivese:

  1. Unha partida incrementada para completar o catálogo dos servizos sociais da cidade: bolsa de vivenda de emerxencia, duplicar a partida de axudas de emerxencia social, alugueiro, vivenda reforzo dos servizos sociais municipais, incorporación inmediata de educadores sociais aos mesmos.

  2. Unha partida para a axuda a creación de empresas sociais e cooperativas especialmente entre as mulleres e mocidade que permita a xeración de riqueza e a consolidación de proxectos, que hai moitos e moi interesantes na cidade, de economía social e autoemprego.

  3. Unha partida económica suficiente no capítulo 1 para levar adiante no 2020 toda a Oferta Pública de Emprego pendente, especialmente no tocante ao servizo de extinción de incendios que debería con urxencia completar cadro de persoal de bombeiros, condutores bombeiros e sarxentos con toda as prazas que conteñen as OPES anteriores.

  4. Unha partida de 1.000.000 a maiores dos recursos existentes para un plan global de mellora do pavimentado das parroquias e zonas periféricas da cidade que ano tras ano son as grandes esquencidas de este proxecto orzamentario.

Evidentemente non existe no proxecto orzamentario que se nos presenta a posibilidade de reducir os máis de 7 millóns de euros que se precisarían toda vez que o capítulo 1 (gastos de persoal) e o capítulo 2 (gastos en bens correntes e servizos e especialmente dentro de este a área de gasto 1 que atinxe aos gastos orixinados pola prestación de servizos públicos básicos), e dicir aqueles que na súa maior parte xa están comprometidos ou suxeitos a contratos suman 198 millóns dos 265 millóns, o que é coma dicir que o 74% do orzamento xa está asignado de inicio sen posibilidade de emendar sen que signifique alteracións contractuais, e posiblemente de facelo, penalizacións económicas. Unha correcta e permanente auditoría das concesións públicas, feita con tempo e con criterio de prevalencia do interese público seguro permitiría aforrar unha gran cantidade de recursos no capítulo 2 e polo tanto adicar recursos ás prioridades aquí descritas, cousa que, ao noso xuízo non existe nin se pretende implantar, convertendo a cidade nun “coto privado” das concesionarias municipais que ano tras ano incrementan o custo do servizo sen unha mellora análoga do mesmo.

Si se podería actuar, ao noso entender, nas recurrentes partidas existentes no proxecto orzamentario que ano tras ano permanecen sen executar pero que, salvando os investimentos oexplicitadas no propio capítulo de investimentos, son partidas que non permitirían, polo seu importe, ligar ás propostas de gasto que o noso grupo municipal explicita nesta emenda de devolución.

EN CANTO AOS INGRESOS PREVISTOS NO ORZAMENTO:

2019 foi un ano de conxelación impositiva non porque non existise un criterio de suba do IPC por parte do Ministerio, que si existía, senón exclusivamente polo criterio arbitrario de oportunismo electoral.

Dicíamos nas emendas ás ordenanzas fiscais para o 2020 que “empregar como excusa a taxa de referencia de crecemento do PIB de medio prazo para 2020 (que figura no Boletín Oficial do Congreso dos Deputados do 13 de xullo de 2017) e que establece na regra de gasto para o periodo 2018-2020 unha taxa de referencia nominal anual do 2,4 para 2018, 2,7 para 2019 e 2,8 para 2020) é cando menos sintomático disto, porque non se sostén a conxelación de 2019 cando o mesmo índice indicaba unha suba do 2,7 para ese ano, feito que non se produciu claramente cunha intencionalidade electoralista e pouco coherente co criterio que agora se expón para a suba impositiva para o vindeiro ano 2020.”

Froito destas políticas no proxecto orzamentario de 2020 temos un incremento no recadado do 3,98% nos impostos directos e no IRPF cedido o que ven a confirmar que neste 2020 hi unha maior carga impositiva aos vigueses e viguesas.

Neste senso é especialmente preocupante a escalada sostida da suba do IBI en Vigo, que, a ritmo de 1% cada exercicio, é froito de non querer abordar a necesidade de reducir o tipo (algo que o Concello si pode facer) para evitar esa tendencia ascendente ao máximo legal que marca o Ministerio de Facenda (1,1%). Para Marea de Vigo neste capítulo debería o orzamento ter unha diminución de aplicarse o criterio argumentado polo noso grupo municipal de redución do tipo de gravame para os bens urbanos, rústicos e BICE´s (que aumentaron incomprensiblemente en Vigo no último lustro do 0,804 ao 0,901% para os urbanos, do 0,3% ao 0,677% nos rústicos e do 0,804% ao 0,831% nos especiais). Este imposto supón o 26,75% dos ingresos do orzamento e vén sendo históricamente o imposto máis oneroso para as familias viguesas.

EN CANTO AO CAPÍTULO DE GASTOS:

Dicíamos antes que a maior parte do gasto contido neste proxecto orzamentario está xa comprometido a concesións, contratos e compromisos que seguramente fundamentarán a non aceptación das emendas que plantexemos dende a oposición. Por desgraza non existiu un propósito de emenda do Goberno en funcións dos criterios limitantes do teito de gasto das administracións públicas locais que permitírian, por exemplo, empregar gran parte dos máis de 50 millóns de euros do remanente de tesourería que Vigo ten actualmente en caixa, en proxectos expansivos de gasto social que precisa unha cidade en situación de precrise evidente. Recursos por certo, sensiblemente mermados pola asunción finalmente da débeda do Auditorio Mar de Vigo, asunción de recursos que dixemos non tiñan en conta os orzamentos de 2019.

Seguimos como decíamos na emenda aos orzamentos anteriores a denunciar que este e outros proxectos orzamentarios presentados parecen “non ter analizado en que momento se atopa a cidade de Vigo en canto a estabilidade, calidade e creación de emprego, en canto ás necesidades reais dos barrios, as dotacións existentes e a previsión de futuras e, especialmente, de como dar cobertura en canto a recursos públicos as miles de familias en risco de exclusión social na cidade que diariamente abarrotan as dependencias municipais en busca de axudas sociais.” Para o ano 2020, as previsións de emprego, a situación de sectores industriais esenciais na economía local, fan esta apreciación absolutamente central no deseño orzamentario.

O grupo municipal da Marea de Vigo si quere plantexar unha serie de cuestións que consideramos tiñan que conter este proxecto de orzamento e que xustifican a nosa emenda á totalidade:

PARTIDAS QUE SE MINORARÍAN

PARTIDA NOME PARTIDA PARTIDA A AMINORAR MOTIVO
1532 2270600 REDACCIÓN TÉCNICA DE PROXECTOS 144000 50.000 Inexecución reiterada nos orzamentos anteriores
3260 2279916 PROGRAMA EDUCATIVO AULAS INTERNACIONAIS 2.046.000,00 1.023.000 Reducción dun 50% do custo do programa ao non ser comperentencia local as bolsas educativas e conveniar coa Xunta a asunción do 50% do programa
3380 2260901 CABALGATA DE REIS 185.000,00 100.000 Consideramos moi excesivo o importe para un evento único
3380 2260906 FESTAS DE VIGO 1.900.000,00 900.000 Redimensión do gasto en concertos e revisión do caché dos artistas
3380 4800002 CONV.ANTROIDO,Agrup.Centros Culturales e Dp. e F.P 85.000,00 50.000 Consideramos moi excesivo o importe para un evento único
4310 2279900 PROGRAMA DE DECORACIÓN Y ANIMACIÓN NADAL 930.057,00 400.000 Consideramos moi excesivo o importe
4310 2279901 INSTALACIÓN E MANTEMENTO DO ALUMEADO DE NADAL 515.000,00 200.000 Consideramos moi excesivo o importe
4320 2279902 PROMOCIÓN TURÍSTICA DESTINOS RUTAS AÉREAS 2.855.200,00 2.855.200 Non existe a día de hoxe contrato algún que sustente esta partida
9120 2260100 GASTOS ORGANOS DE GOBERNO 200.000,00 100.000 Consideramos moi excesivo o importe
9240 7200001 COOPERACIÓN FINAN. MIN. INTERIOR, ARREGLO C.G.CVIL 100.000,00 100.000 Non existe competencia municipal que sosteña esta actuación
3331 4700002 CONVENIO PROMOCION CULTURAL AUDITORIO MAR DE VIGO 500.000 500.000 Non ten que manterse un convenio directo de programación herdado da concesionaria anterior sen motivo
TOTAL A MINORAR 6.278.200

De ter sido proxectado no orzamento, e tendo en conta a necesidade de poder empregar máis recursos na execución das OPES pendentes con outro tipo de recursos este proxecto podería conter máis de 6 millóns de euros para partidas como por exemplo:

PARTIDA NOME PARTIDA A INCREMENTAR MOTIVO
EXISTENTE AXUDAS A FAMILIAS E FONDO DE EMERXENCIA DESHAUCIOS 500.000 Necesidade de afrontar aumento ante a demanda existente e cambio do baremo económico na seguinte convocatoria
EXISTENTE AXUDA ALUGUEIRO VIVENDA, ALIMENTOS, C.ENERXÉTICA 800.000 Necesidade de afrontar aumento ante a demanda existente e cambio do baremo económico na seguinte convocatoria
EXISTENTE BOLSAS COMEDOR, LIBROS 500.000 Necesidade de afrontar aumento ante a demanda existente e cambio do baremo económico na seguinte convocatoria
EXISTENTE ACHEGA AO M.A.R.C.O. 500.000 O importe actual é claramente insuficiente para o desempeño cultural do museo
NOVA PARTIDA CONVENIO FEDERACIÓN VECIÑAL 80.000 Recuperar o convenio extinguido unilateralmente polo concello
NOVA PARTIDA CONCURSO PÚBLICO PROGRAMACIÓN AUDITORIO MAR DE VIGO 500.000 É necesario que se tramite este importe mediante concurso e non convenio
NOVA PARTIDA ADQUISICIÓN VIVENDAS PARQUE EMERXENCIA SOCIAL 1.348.200 Para a adquisición de vivendas de emerxencia social xestionadas polas UBAS
NOVA PARTIDA ESTUDO REMUNICIPALIZACION SERVIZOS PÚBLICOS 50.000 Un estudo que permita a valoración e estudo da viabilidade da remunicipalización de servizos.
NOVA PARTIDA AXUDAS PARA A AXUDA A CREACIÓN DE EMPRESAS SOCIAIS E COOPERATIVAS 1.000.000 Programa novo para empresas de economía social e emprego
NOVA PARTIDA PROGRAMA MELLORA VIAIS RURAL E PERIFERIA DA CIDADE 1.000.000 Programa propio do concello análogo ao da deputación.
Total novos importes 6.278.200

Lamentablemente estas e outras propostas que foron plantexadas por diversos colectivos sociais non foron tidos en conta polo que

Por todas estas cuestións aquí expostas:

SOLICITAMOS AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO:

Baixo os criterios que substancian esta emenda á totalidade, a DEVOLUCIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO PARA O ANO 2020 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo con criterios participativos, de información pública e elaboración do proxecto orzamentario coas prioridades antes descritas.