emenda á totalidade da marea de vigo ao orzamento do concello de vigo para 2023

11 de Novembro de 2022

audio da nova:

O noso grupo municipal ten sido meridianamente claro con respecto aos proxectos orzamentarios que se teñen presentado nos últimos anos, especialmente os configurados trala crise da COVID-19 e o seu impacto nas facendas locais e nas economías das familias viguesas: non poden ser orzamentos ordinarios, para cuestións habitualmente consignadas, e teñen que construirse en torno á lectura real do que acontece na cidade.

Este proxecto orzamentario que se nos presenta para o ano 2023 vén amosar unha clara continuidade de configurar un uso dos recursos económicos do concello coma se nesta cidade non acontecese nada distinto aos anos anteriores, coma se a inflación galopante nos prezos dos consumos máis básicos das familias, dos prezos e accesibilidade da vivenda ou mesmo as necesidades de que o Concello se configure como un “auténtico prestador de servizos sociais integrais” non estivesen a ser unha realidade palpable pola cidadanía.

E pensamos en que é un orzamento que non bebe desta realidade en primeiro lugar porque é totalmente alleo aos procesos de reforma fiscal recentemente aprobados ao abeiro do Orzamentos Xerais do Estado e mesmo no incremento notable de recursos que estes consignan para o exercicio 2023 no contexto da fiscalidade municipal.

O aumento na recadación fiscal no conxunto do Estado nun total de 3.100 millóns de euros polas modificacións no Imposto de Patrimonio vai significar que dos 23.000 contribuíntes con máis de 3 millóns de patrimonio comezarán a pagar o imposto ás grandes fortunas nos anos 2023 e 2024. Isto, xunto co incremento dos tipos que gravan as rendas do capital e que terá unha recadación importante en máis de 17.000 contribuíntes, son parte dun notable ingreso de recursos que teñen traslado neste exercicio orzamentario que pretende aprobar o goberno local para 2023 xa que os aumentos das transferencias correntes están por riba do 11% con respecto ao exercicio 2022. Hai un aumento notable da recadación, non tanto pola vía dos impostos directos ou indirectos, senón dunha maior recadación fiscal no conxunto das administracións públicas e as transferencias que se realizan ao concellos no marco do exercicio das súas competencias

Como xa aconteceu co orzamento para este ano vixente, o noso grupo municipal sigue a considerar que este proxecto de orzamento que se nos presenta para o vindeiro 2023 non aproveita de xeito amplo os notables incrementos de ingresos que o Concello de Vigo vai recibir pola vía das transferencias doutras administracións, o mantemento da supresión das regras fiscais aprobado polo goberno e prorrogado para este 2023, o uso de remanentes como o que foi aprobado recentemente cun importe de 32 millóns de euros, e outras vías de construcción do capítulo orzamentario de ingresos.

Un orzamento expansivo (facilitado polas políticas adoitadas trala crise sanitaria da COVID-19  para a reconstrucción económica e o reforzo dos servizos públicos) que vai manexar inicialmente 289 millóns de euros coas modificacións, incorporacións de remanentes e superavit e fondos europeos e doutra índole, ten que ter claramente unha orientación a ese fin de reconstrucción económica e non ser un mero reflexo e imitación de orzamentos municipais de anos anteriores.

Porque de novo temos para o ano 2023 un orzamento conta un incremento notable de cesión de tributos do estado (IVE, IRPF, II.EE) que xa aumentara noutro 11% no exercicio 2022, e que de novo permite presentar uns números que incrementan os ingresos pese a non aplicarse subas do IPC nos impostos e taxas públicas.

Porque efectivamente nunca Vigo estivo ante un orzamento inicial de 289 millóns de euros aos que logo se sumarán remanentes, superávit de anos anteriores, fondos europeos e de todo tipo proxectados para políticas de reconstrucción económica ou fondos de compensación de todo tipo, dende os pensados para axudar aos incrementos dos custes da enerxía que están a soportar as entidades locais ate as axudas para a implantación de zonas de baixas emisións atmósféricas. Un notable conxunto de recursos extraordinarios pensados para unha situación económica e polo tanto para solucións extraordinarias.

Por este motivo dende Marea de Vigo consideramos que, en liñas xerais, o proxecto orzamentario debe ser devolto ao equipo de goberno polos seguintes motivos:

De novo neste orzamento para o 2023 o goberno local ignora a madurez política da sociedade viguesa e decide que o proxecto orzamentario non só non teña un capítulo participativo previo á elaboración do mesmo, senón que de xeito chamativo ignora moitas das sucesivas reclamacións de diversos colectivos veciñais e sociais de liñas de axudas e proxectos que axuden ao proceso de reconstrucción económica e loita contra o impacto que a crise da COVID-19 e a escalada de prezos provocada pola guerra de Ucrania ten en Vigo: reclamacións das AAVV, do sector comercial e hosteleiro, do tecido cultural da cidade, etc… que foron trasladadas públicamente e por rexistro ao goberno local. Non habilitando ese mecanismo previo, as fórmulas como ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS que Marea de Vigo reclamou en todos e cada un dos exercicios orzamentarios desta e da anterior lexislatura (pedíamos un programa piloto dos mesmos para darlle uso a unha partida non inferior a 2 millóns de euros) tampouco constitúen unha senda de traballo para este goberno local.

Con esta actitude o goberno municipal mesmo incumpre o Código de Bo Goberno da Propia Federación Española de Municipios e Provincias (traído a pleno e aprobado na anterior lexislatura por certo) e que sinala que “a efectos de coñecer con precisión as necesidades e expectativas da cidadanía, así como de garantir a existencia de xeitos de interlocución adoptaranse medidas como: Regular unha carta de dereitos e deberes cidadáns, como instrumento no que definir e facilitar o seu exercicio así como “Implementar os orzamentos participativos como instrumentos de mellora da participación da cidadanía na asignación dos recursos públicos e na definición de obxectivos prioritarios de xestión.”

O proxecto en canto ao capítulo 2 (gastos en bens correntes e servizos) comporta un crecemento notable (un 10,82% para 2023 fronte ao do 3,36% que xa aumentaba en 2022). Evidentemente neste aumento está reflectido o incremento dos prezos, dos custes de realizar os servizos, o aumento de salarios ligados á cláusulas de revisión salarial ou mesmo o incremento do custe da enerxía que supera os 4,9 millóns de euros; pero en todo caso este aumento é tamén a plasmación de que Vigo é un caso case exclusivo de Concello con nula capacidade de xestionar servizos dende un operador público e que a práctica totalidade dos servizos públicos son xestionados mediante o pago a empresas privadas de todo tipo. Sen empresas públicas e xestión pública directa de servizos estaremos sempre ao arbitrio das búsquedas de maximización de beneficios de empresas privadas.

Aínda que o orzamento de servizos sociais escala dos 19.268.714 de 2022 (importe que era menor ao de 2021) aos 22.254.035 deste 2023, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo sigue sendo incomprendible  como Vigo aínda está lonxe dos 100 euros de gasto social por habitante que é o que os profesionais do sector consideran un gasto necesario para complementar o catálogo de servizos sociais e ter garantida a eficiencia dos mesmos.

Ao xuízo da Marea de Vigo, a excusa da existencia dun maior número de persoas perceptoras do novo Ingreso Mínimo Vital, non xustificaba a reducción de recursos que se consignaba no orzamento do 2022, e ainda que neste ano recupera cifras anteriores ao 2022 (lóxicamente polo aumento de solicitantes de axuda nos servizos sociais da cidade, sigue sendo unha cifra insuficiente para cubrir a realidade dos solicitantes. Necesidade de cobertura de alimentos, vivenda, etc de centos de familias vigueses, algunha incluso con ingresos regulares.

No tocante aos investimentos propostos, neste proxecto orzamentario para 2023 asistimos á plasmación da incapacidade manifesta de executar o orzamentado e que, ano tras ano, vai provocando notables disfuncións no proxecto de orzamento. Ano tras ano prodúcense os anuncios de grandes cantidades de recursos económicos en investimentos. Neste ano 2022 os investimentos iniciais diminúen dos 39 millóns iniciais en 2022 aos 27 neste 2022, unha variación negativa de case un 30% da que non se dá ningún tipo de explicación no proxecto orzamentario.

Fronte aos anuncios triunfalistas hai que lembrar que neste 2022 superáranse os 100 millóns de euros de investimentos e previsiblemente a metade deste importe quede sen executar a 31 de decembro (sen licitarse e sen consignarse o recurso polo tanto). O noso grupo municipal sigue sostendo que este goberno local está empregando por primeira vez en moitos anos recursos procedentes do aforro do concello como son os remanentes e non quere lembrar que a excepcionalidade do uso dos mesmos, vai vencellada á excepcionalidade da situación económica provocada pola crise da COVID-19 e a Guerra en Ucrania, polo que seguimos a demandar unha reorientación social dos investimentos.

Fronte ao expresado polo goberno local en calquera dos debates vencellados aos expedientes de modificación orzamentaria para o emprego dos remanentes líquidos de tesourería, nada nin ninguén impedía ao goberno local de Vigo empregar gran parte deste ese remanente, nin unha parte do orzamento de 2022 nin este de 2023 para a creación de axudas ao sector do comercio e hostalería, ao sector cultural, a soster e evitar a quebra da oferta veciñal das AAVV e a actuacións en obra pública verdadeiramente urxentes, cuestións que propuxo Marea de Vigo e que volve solicitar para os Ozamentos de 2023 que se nos presentan por parte do goberno local. Marea de Vigo considera que existen partidas que é necesario reformular e mesmo aclarar neste proxecto orzamentario.

O orzamento para o ano 2023 plantexa un escenario de gasto en partidas e inversións recorrentes, en moitos casos sen execución ao final dos exercicios recentes, e que xa deberían estar reorientadas á outros gastos e inversións que se orienten maioritariamente ás familias viguesas nun contexto ademáis agravado pola guerra de Ucrania e unha escalada de prezos e de alza de hipotecas e alugueiros que fai xa insostible o resto de gastos das economía familiares da cidade.

A día de hoxe, e con estas numerosas fontes novas de financiación perfectamente habilitadas (uso do superavit, fondos especiais vía Orzamentos Xerais do Estado, liberación de remanentes consignables nos orzamentos, etc.) o Concello de Vigo empéñase en aillarse da realidade consignando a maior parte deses recursos aos usos recorrentes de anos pasado en forma de ladrillo, farolas, plantas ornamentais e obras que “serán singulares e estéticamente inauditas no mundo” pero non enchen as neveiras nin facilitan vivenda, traballo e dereitos aos vigueses e viguesas.

Marea de Vigo considera que no proxecto orzamentario para o ano 2023 faltan, tal e como expresou tamén para o uso dos remanentes, as seguintes prioridades de gasto, conscientes de que poden ser competencias tamén autonómicas, pero coa mesma argumentación que sostemos de que competencias autonómicas son tamén a cubrición de patios escolares, as becas de inglés ou as partidas de fomento de comercio que xustifican que o goberno local con recursos públicos ilumine con luces de nadal.

As competencias en materia de benestar dos vigueses e viguesas son parte das recoñecidas pola Lei de Bases de Réxime Local e que centos de concellos están a asumir en materia de servizos sociais, vivenda, promoción económica, etc. ante a situación que viven os seus barrios. Malia o exposto aquí o proxecto orzamentario presentado deixa de novo poucas opcións de modificación que permitan financiar estas propostas, xa que a práctica totalidade do orzamento xa ten gasto comprometido ou está vencellado a contratos en vigor.

Pero é que ademáis as modificacións que se plantexen para o vindeiro ano 2023 sobre as partidas “verdadeiramente modificables” ao noso xuízo son absolutamente insuficientes para acometer un ambicioso programa de reconstrucción económica e consolidación do crecemento económico que debe rexer o ano 2023.

E por iso e por todas estas cuestións aquí expostas que SOLICITAMOS AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO:

Baixo os criterios que substancian esta emenda á totalidade, a DEVOLUCIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO PARA O ANO 2023 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo con criterios participativos, centrados na realidade da crise económica e social creada pola pandemia da COVID-19 e a inflacción de prezos ligados á Guerra de Ucrania na nosa cidade, e, polo tanto, cun criterio de elaboración do proxecto orzamentario coas prioridades antes descritas.

En Vigo, a 11 de novembro do 2022

Asinado:

Rubén Pérez Correa

Voceiro do Grupo Municipal Mixto