emenda á totalidade da marea de vigo á modificación orzamentaria para o uso de 32 millóns de euros do remanente de tesourería

31 de Outubro de 2022

Oriana Méndez Fuentes e Rubén Pérez Correa, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), achega polo presente escrito a seguinte

PROPOSTA DE EMENDA Á TOTALIDADE DA MAREA DE VIGO AO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA 75/74A/2022

A suspensión das regras fiscais para os exercicios 2021, 2022 e, afortunadamente prorrogada para o 2023, supón unha oportunidade histórica para as administracións públicas de facer fronte a unha situación económica e inflaccionaria con numerosas incertidumes. A non existencia de teito de gasto aplicando sobre o uso dos remanentes de tesourería, a inxección de recursos públicos vía Orzamentos Xerais do Estado e os fondos europeos constituen unha oportunidade histórica especialmente para as administracións locais que son sen dúbida os que menor capacidade de financiación teñen e que máis gasto impropio soporta.

Esta nova situación permitiu ao Concello de Vigo mobilizar xa máis de 80 millóns de euros que significa poder empregar recursos económicos extraordinarios a maiores dos recursos que ordinariamente se mobilizan en cada exercicio orzamentario. Ao xuízo do noso grupo municipal esta inxección de recursos extra debería ser planificada globalmente en programas económicos orientados á minorizar as consecuencias económicas e sociais das coxunturas que provocaron as decisións políticas que desbloquearon o uso de estos recursos.

Porque se ben durante anos se consideraban casi intocables baixo o paraugas da Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local agora se liberan os seus empregos para evitar que a crise sanitaria da COVID e a situación de crecemento inflaccionario de prezos polo conflicto de Ucrania falla mella nas economías das familias e sectores económicos presentes na nosa sociedade. Con estos recursos extra se deberían artellar programas de cobertura sociais para evitar a cronificación da pobreza, revertir o terrible impacto do aumento do prezo da vivenda, os prezos públicos, a falla de dotacións públicas como escolas infantís ou centros de día que permitan conciliar, equipamentos culturais e educativos, programas de inserción de emprego e consolidación do mesmo, etc.
Pero en vez de establecerse unha formulación global de uso dos recursos, que especialmente se signifique pola motivación que deu lugar á posibilidade de empregalos, a reconstrución económica e social tras dous anos de pandemia; o que se da traslado é de empregos puntuais en diferentes áreas funcionais do Concello como si se trataran de recursos orzamentarios normais. A esta modificación tráese dende reparacións pendentes en edificios de diferentes servizos municipais, indemnizacións xudiciais pendentes de satisfacer, ou mesmo a creación dun entramado de subvencións e gasto publicitario absolutamente opaco baixo a denominación “MARCA VIGO”. De novo temos a asignación de recursos extraordinarios a empregos habituais que dende logo non corresponden, ao noso xuízo, ás prioridades de empregos para os que se liberaron por primeira vez os aforros dos concellos do estado.

Con esta modificación de 32 millóns de euros estamos ante unha mobilización inaudita de recursos dende que se habilitou o mecanismo lexislativo para que as entidades locais puidesen por fin dispoñer do seu remanente de tesourería. Aos 33 millóns incorporados en 2020 sumáronse despois 13 millóns de euros nunha modificación e 45 millóns de euros noutra máis os 5 millóns mobilizados recentemente para a axuda escolar proxectada para 2023. Curiosamente, pese a xustificarse a urxencia de mobilización de moitos de estos recursos en gasto urxente en actuacións de investimentos, construcción de equipamentos como a biblioteca de Teis, que están aínda agora, no momento de presentar esta nova mobilización de recursos, sen executar e sen previsión mesmo de proxecto ou licitación en marcha.

Marea de Vigo non compartimos en absoluto tratar esta mobilización de recursos extraordinarios como capítulos de parcheamento de necesidades de gasto de diferentes departamentos: pagar reparacións na casa da Xuventude, ampliar o gasto de nadal, indemnizar a unha concesionaria como Dornier que sistemáticamente incumpre o prego concesional, cumprir cunha sentecia que obriga a satisfacer un convenio económico co RC Celta; e non compartimos estos empregos, como xa dicíamos en anteriores modificacións orzamentarias propostas; porque a maior parte destas actuacións propostas poden ser financiadas con recursos orzamentarios normais, con empregos procedentes do superávit non executado de anos anteriores, e especialmente porque nin teñen urxencia nin son propios dunha lectura social e de reconstrución económica ante unha crise da COVID-19 e a situación de crise inflaccionaria que está a provocar o conflicto de Ucrania con consecuencias que producen cada día unha profundización das alertar dunha posible recesión económica e de afondamento dos problemas de integración socioeconómica de miles de familias Viguesas.

Marea de Vigo sigue a discrepar do criterio político (que para nada e técnico como as veces se argumenta dende o goberno local) de pensar que as humanizacións e actuacións previstas nesta modificación orzamentaria sexan os únicos proxectos financiables con cargo ao remantente. Nin no expresado polo Ministerio de Facenda, nin na realidade dos modificatorios que están a aprobarse en numerosos concellos do estado figura esa aseveración do destino único dos remanentes a Inversións Financeiramente Sostibles. Coa salvedade de manter o criterio de “estabilidade orzamentaria” o expresado polo Ministerio de Facenda en setembro de 2020 é claro: “este acuerdo pretende combatir las consecuencias socioeconómicas de la pandemia mediante medidas de apoyo y protección destinadas a las empresas y los hogares, promover el crecimiento, sentar las bases de la recuperación económica y social y diseñar un marco de colaboración y entendimiento entre las administraciones para salir de la crisis.”

Cando non temos solventado garantir que centos de familias non sexan desafuizadas se non se prorrogan as paralizacións xudiciais destes procesos, cando non temos garantido plans de emprego públicos expansivos que eviten a cronificación do desemprego na cidade, cando non temos nin sequera achegado o gasto social por habitante aos 100 euros de media, consideramos que consignar miles de euros á promoción dunha Marca Vigo, actuacións ornamentais en obra pública ou pagar indemnizacións xudiciais é cando menos discutible. E argumentar a urxencia da necesidade de recursos cando os anteriores remanentes mobilizados en moitos casos aínda non foron executados é un feito grave de incoparecencia política aos problemas acuciantes en mateira económica e social que vai vivir esta cidade nos vindeiros meses.

Estamos de novo ante a enésima modificación orzamentaria de un goberno local que segue a obviar o argumentado polo propio Ministerio de Facenda sobre a motivación do uso dos remanentes cando o 30 de setembro do ano 2020 afirmaba que “la decisión del gobierno permitirá que los ayuntamientos puedan recurrir a sus remanentes de tesorería para colaborar así en la reconstrucción económica y social” clarificando que “Con esta medida se dotan de mayor margen a la administración para combatir las consecuencias económicas de la pandemia, ofrecer apoyo a las empresas y ciudadanos y sentar las bases de la recuperación”.

Polo exposto
 
O Grupo Municipal da Marea de Vigo (Grupo Mixto) propón a seguinte
 
EMENDA Á TOTALIDADE Á MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA SOLICITANDO A DEVOLUCIÓN DA PROPOSTA DE MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA POLO IMPORTE DE 32.817.307,02 EUROS PARA REALIZAR UNHA NOVA PROPOSTA ALTERNATIVA QUE PRIORICE AS MOTIVACIÓNS ORZAMENTARIAS QUE XUSTIFICAN O LIBRAMENTO DOS RECURSOS PROCEDENTES DO USO DOS REMANENTES

1. CREACIÓN DUN PARQUE MUNICIPAL DE VIVIENDA EN ALUGUEIRO SOCIAL
IMPORTE A CONSIGNAR: 5.000.000 millóns de euros
Explicación da partida proposta:

Namentras non se aproba o PXOM nen a futura Lei de Vivenda do estado que permitirá a creación de parques públicos de vivenda municipais, propoñemos actuar de urxencia ante os incrementos dos prezos dos alugueiros cunha partida que permita tanto a adquisición de vivendas para a creación dun Parque municipal de vivenda de emerxencia con vivendas e tamén a xestión das procecentes de cesións da SAREB, aproveitamentos lucrativos de convenios urbanisticos e cesións voluntarias de activos de entidades bancarias. O parque se regularía en réxime de alugueiro social xestionado polos servizos sociais municipais.

2. CREACIÓN DUN PROGRAMA MUNICIPAL DE SAÚDE MENTAL.
IMPORTE A CONSIGNAR 500.000 millóns de euros
Explicación da partida proposta:

A partir da creación previa dun Consello municipal de Saúde que permita a organizacións representativas de usuarias e de traballadores sanitarios participar e implicarse nas políticas e decisións municipais relacionadas coa saúde pública, desenvolver un plan municipal de Saúde Mental, en colaboración coas entidades do terceiro sector.

3. LIÑAS DE AXUDAS AO COMERCIO LOCAL E AUTÓNOMOS.
IMPORTE A INCREMENTAR: 2.000.000 millóns de euros
Explicación da partida proposta:

Vigo actualmente é unha cidade onde o gasto orzamentario orientado ao comercio local é inexistente coa escusa sempre da competencia doutras administracións. As axudas que propoñemos van na líña que moitos concellos están habilitando para os autónomos e pequenos comercios e que simplifican os procedementos ante a urxencia da situación xerada polo COVID19 e o brutal impacto que está tendo na economía local sen entrar a discutir a cuestión das competencias en materia de comercio, que obviamente poden ser compartidas. Obviamente terán que estar circunscritas a actuacións e coberturas concretas:

·       Pago alugueiro locais comerciais, naves, etc.
·       Cobertura de gastos común como: seguros, electricidade, auga, teléfono e internet,
·       Mantemento e mesmo creación de emprego no sector.
·       Implantación de melloras comerciais (tecnolóxicas, plataformas venta comercio local, etc.)
·       Sempre complementarias ás que habiliten outras administracións.

A nosa proposta segue a ser a mesma que foi formulada durante o estado de alarma e o proceso de desescalada e que foi remitida ao Goberno local. Realización en colaboración coa guía ARDÁN da Zona Franca e cos datos reais do IGE dun censo real dos autónomos en Vigo (en 2019 tíñamos 18.358 traballadores por conta propia) que sosteñen un negocio con persoas empregadas. Unha vez feito propoñemos unha axuda directa de 1.000 euros a autónomos/as con empresas que tiveron que pechar polas sucesivas actuacións gubernativas dende a declaración do estado de alarma ate as medidas máis recentes de reduccións de aforos da administración autonómica. De existir crédito ampliaríase a autónomos/as e profesionais sen negocio físico nen empregados/as. Estas axudas poderán complementarse establecendo criterios de mantemento de emprego ou número de empregados/as ou criterios semellantes.

4. INCREMENTO DOS RECURSOS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS
IMPORTE A INCREMENTAR: 5.000.000
Explicación da partida proposta:
Considerando que o RD do 17 de marzo xa autorizaba un incremento do uso do superávit polos Concellos para atención social (establece que as corporacións locais dispoñen dunha cantidade de igual contía do superávit do exercicio 2019 para financiar as axudas económicas e todas as prestacións de servizos xestionadas polos servizos sociais de atención primaria e atención á dependencia que veñen recollidas no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 16 de xaneiro de 2013, que recolle o Catálogo de Referencia de Servizos Sociais) e ante a evidencia de que coa aparición do Ingreso Mínimo Vital está a garantirse ingresos a familias, o que pretendemos con esta partida e ampliar o catálogo de axudas sociais máis aló das AEFAS e de outras axudas de emerxencia que se habiliten por parte do Concello. Agora trátase de sumar recursos do remanente aos xa empregados do superávit en base a:

–        Programa de actuación de emerxencia ante desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
–        Programa de alugueiros sociais e programa de hostais acolledores para ter solución habitacional urxente para un ano 2022-2023 que pode ser especialmente complexo en canto a desafiuzamentos e para as persoas en situación de rúa.
–        Aumento do catálogo municipal de axudas de emerxencia ampliando os umbrais de ingresos familiares, as tipoloxías de axudas (dentista, psicólogo, reforzo educativo de nenos e nenas….)

5. CULTURA E PLAN DE AXUDAS AO SECTOR CULTURAL DA CIDADE
IMPORTE A INCREMENTAR: 2.000.000
Explicación da partida proposta:
Foron reiterados os chamados do sector cultural da cidade a habilitar axudas en réxime de concorrencia competitiva, programas específicos e asesoramento para proxectos culturais abocados a permanecer pechados ou con serias limitacións de difusión e aforo durante a pandemia. Coa volta á normalidade o sector sigue sen despegar polo que  o Goberno local pode e ten que axudar a que exista unha programación ampla e que priorice ao tecido cultural da cidade.

Propoñemos en base a isto que esta partida artelle as seguintes medidas:

·       Inclusión do sector cultural da cidade na axenda do VIGOCULTURA, Creación dunha plataforma de actividades culturais online, donde o Concello de xeito remunerado contrate diversa actividade artística e cultural e garanta a participación da administración como mecenas completando aforos e divulgando online a actividade.
·       Liñas de axudas para o pago de alugueiros de espazos culturais (teatros, coworkings, salas de exposicións, locais de música en directo) así como para os pagos de costes fixos do mantemento dos mesmos.
·       Partida económica para garantir que no programa das Festas de Vigo sexa garantida a presencia alomenos nun 60% da programación de compañías de teatro, bandas musicais e actuacións culturais de ámbito local.

6. PLAN DE REMUNICIPALIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS
IMPORTE A CONSIGNAR: 500.000
Explicación da partida proposta:

Trátase de realizar os estudos técnicos e proxectos que permitan a paulatina remunicipalización dos servizos públicos municipais externalizados durante máis de 30 anos, comenzando polo transporte público e o abastecemento e saneamento.

7. PLAN DE REFORZO DOS SERVIZOS EDUCATIVOS DA CIDADE
IMPORTE A CONSIGNAR: 1.500.000
Explicación da partida proposta:

Como complemento dende o Goberno local da oferta de servizos educativos e infraestruturas necesarias propoñemos:

1.    Creación dun PLAN MUNICIPAL MADRUGA que permita complementar un servizo como o que actualmente desempeñan as ANPAS da cidade ante a evidencia de que as baixas matriculacións nos centros educativos públicos da cidade están a encarecer o custe medio do servizo nos centros. Este programa habilitaria espazos nos diferentes barrios da cidade donde ofertar este servizo ás familias da cidade cun custo baremado polo nivel de ingresos da unidade familiar.
2.    Mantemento dos horarios de tarde en todas as escolas infantís da cidade.
3.    Mellora dos sistemas de calefacción e ventilación/ aillamento térmico dos centros educativos da cidade.
4.    Creación do programa municipal de reforzo educativo para familias vulnerables e evitar que o nivel de renta impida a moitas familias poder axudar con reforzo educativo aos seus fillos e fillas.

8. PROGRAMA DE HUMANIZACIÓNS URXENTES E DE MELLORA DO SISTEMA VIARIO NO RURAL VIGUÉS
IMPORTE A CONSIGNAR: 16.317.307
Explicación da partida proposta:

Neste programa consignaríase as humanizacións realmente urxentes na no rural (criterio técnico e non oportunidade electoral) e do mesmo xeito e ante a evidente situación de aumento do tráfico rodado en numerosas parroquias do rural, a inexistencia de beirarrúas, accesibilidades integradoras de persoas con discapacidades, ausencia de pintado e iluminación en moitos puntos das parroquias da cidade, consignaríase recursos para un plan de choque urxente para eliminar, dunha vez por todas, esta situación que ven prolongandose durante anos pese aos programas existentes na actualidade tanto do Concello como da Deputación que se amosaron insuficientes.

10. HUMANIZACIÓNS E PROXECTOS DE MELLORA VIARIA URXENTES

Explicación da partida proposta: 14.311.576

Esta partida agruparía aquelas propostas formuladas polo Goberno local nesta modificación orzamentaria como urxentes ou con algún tipo de desenvolvemento económico que requira de reforzo con recursos procedentes do remanente. É dicir aquelas que si tiveron usos procedentes de usos de remanentes anteriores, que estén licitadas e que se xustifique a non existencia real de crédito orzamentario suficiente.

 

En Vigo, a 31 de outubro do 2022
 

Oriana Méndez Fuentes                                        Rubén Pérez Correa
Concelleira da Marea de Vigo                              Concelleiro da Marea de Vigo

 

DOCUMENTO EMENDA EN FORMATO PDF:

emenda modificación orzamentaria outubro 2022