emenda á totalidade do proxecto de orzamento xeral do concello de vigo e solicitude de devolución ao goberno

18 de Abril de 2016

EMENDA Á TOTALIDADE DO PROXECTO DE ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO E SOLICITUDE DE DEVOLUCIÓN AO GOBERNO

O pasado 21 de outubro a Xunta de goberno local aprobaba o proxecto de ORZAMENTO 2016 para o Concello de Vigo que neste exercicio será o da entidade local e o da xerencia de urbanismo, o único organismo autónomo administrativo que queda trala integración do IMD, VIGOZOO e EMAO.

Quixeramos en primeiro lugar amosar a nosa disconformidade con coñecer polos medios da presentación dos orzamentos, entendendo que previa á aprobación en xunta de goberno toda información que circule sobre algo tan determinante como o exercicio orzamentario debería se coñecido tamén pola oposición que compoñemos parte do pleno que vai a aprobalo.

Non estamos ante un exercicio orzamentario normal para a MAREA DE VIGO, en primeiro lugar porque, coñecidas xa as propostas de orzamentos do Partido Popular para o goberno autonómico e o central, este orzamento ten que ser quen de artellar unha resposta social, dentro das lóxicas limitacións das entidades locais, de paliar as políticas regresivas plasmadas no proxecto que discute o parlamento de Galicia e aprobou recentemente o congreso dos deputados.

Non é tampouco un exercicio normal dende o punto de vista da integración definitiva de tres organismos autónomos coas dificultades de artellar un encaixe en canto a cómputo de débeda, patrimonio, cadro de persoal, contratos e servizos etc….

Na nosa cidade, Vigo, esa suposta senda de recuperación que alardean de construir os gobernos do Partido Popular na Xunta e no Estado, non existe; os datos reais e fríos da exclusión social ou da precarización das condicións laborais debuxan un escenario de inexistencia de recuperación real da economía e de perda notable de dereitos de todo tipo coa manida escusa da “crise económica”. Hoxe apenas 1800 empregados da maior factoría da cidade, PSA, teñen un contrato de 8 horas, menos de 5000 empregados nun sector como o da construcción naval e apenas uns tímidos datos de recuperación de emprego nun cada vez máis precarizado sector servizos. Ate fai pouco estos dous sectores aportaban o 14,3% do PIB galego.

Non entendemos polo tanto, neste contexto, a presentación dun proxecto de orzamentos que considera de facto, a existencia desa recuperación económica ao priorizar gastos superfluos, ornamentais, ou mesmo amortizacións rápidas da débeda, sobre a decidida loita contra a pobreza e exclusión social na cidade. A frialdade coa que se afirman melloras en xardíns, humanizacións con orzamentos que se colocan no umbral da temeridade (algunhas humanizacións significan casi 6000 euros de custe por metro cadrado) chocan cunha cidade que tardará anos en recuperarse, se se consigue, dunha crise económica devastadora.

Non resulta estraño, pois, que partindo desta percepción distorsionada e interesada da realidade, a proposta de Orzamento Xeral 2016 que nos presenta o Sr. Abel Caballero e o seu equipo de Goberno, confunda a economía municipal coa economía da cidade e da xente, fuxa de enfrontarse abertamente aos seus problemas con medidas ambiciosas e imaxinativas e limítese, nun exercicio moi parecido a un “curta e pega”, a seguir a inercia de Orzamentos anteriores.

Quizais cunha salvedade, que aumentan os impostos un 1,4% pola decisión de incrementar ese importe, calculado pola media dos ipcs dos anos nos que supostamente foron conxelados, o que supón un aumento, timido sí, pero aumento, dos impostos que pagamos todos e todas as viguesas.

De feito e como máis adiante veremos, a diferenza máis significativa co do 2014, prorrogado en 2015, é a integración dos organismos autónomos e unha cesión maior do estado na contribución do concello nos impostos estatais.

Dito isto, para finalizar a primeira parte deste escrito e con independencia que no período de exposición pública (ao que esta proposta de Orzamento Municipal será sometido tras a súa presumible aprobación inicial), o Grupo da MAREA DE VIGO, tras escoitar e recoller suxestións de cidadáns e colectivos da cidade, presente propostas ou alegacións parciais a aplicacións orzamentarias concretas, hoxe, e sobre a base do até aquí exposto, consideramos que existen razóns suficientes para rexeitar a proposta e presentar esta EMENDA Á TOTALIDADE.

E seguindo o fío argumental co que o Goberno Municipal pretende xustificar, na súa Memoria de Presidencia, este Orzamento e en relación co estado de Ingresos, DESTACAMOS:

CAPITULO I / IMPOSTOS DIRECTOS.- Dos 102.241.340 de 2015 pasamos aos 103.831.645 de 2016, onde está a conxelación de impostos anunciada polo goberno municipal. Estamos de facto ante unha subida global do 1,56 % dos Impostos Directos no próximo exercicio. Sen esquecer que impostos como o IBI rústico, que verá aumentado o seu padrón ao voltar a esa categoría centos de fincas agora catalogadas como urbanas, increméntase nun 200%.

CAPITULO II / IMPOSTOS INDIRECTOS.- Dos 6.501.120 de 2015 aos 7.709.710 de 2016. Un incremento do 18,59 %. Unha subida menos acentuada, en termos cuantitativos, pero que expresa unha fe deste goberno municipal no retorno da burbulla inmobiliaria cos incrementos no imposto de obras (ICIO)

CAPITULO III / TAXAS E OUTROS INGRESOS.- Dos 35.251.477 de 2015 aos 38.072.066 de 2016. Un aumento notable que incide especialmente nos capítulos de recollida de lixo, tanto comercial como de vivendas.

CAPITULO IV / TRANSFERENCIAS CORRENTES.- O importante aumento da presión fiscal que viviu este país sigue propiciando o sostido incremento de ingresos neste Capítulo ao longo da lexislatura. Fundamentalmente provenientes da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) e en menor medida, das transferencias provenientes da Xunta. De 71.116.818 de 2016 pasouse aos 73.454.173 para 2016. Desde MAREA DE VIGO seguimos reclamando unha nova lei de financiamento das Administracións Locais e no relacionado con este Capítulo, a participación dos Concellos nos Ingresos da Comunidade Autónoma. Esperemos que este sexa tamén un capítulo de reivindicación do noso alcalde, presidente da FEMP.

Pero é no Estado de Gastos da proposta de Orzamento para 2016 que nos presenta o Goberno Municipal para a súa aprobación provisional o que provoca con máis nitidez e claridade esta Emenda á Totalidade.

E isto, a pesar de que na MAREA DE VIGO somos conscientes da escasa capacidade de manobra que un Orzamento como o noso, de 225 millóns de euros para casi 300.000 vigueses e viguesas, permite.

Efectivamente, desta cantidade global, dos 225.930.986 millóns do orzamento, 184.693.990 están comprometidos de antemán nos Capítulos I e II, e dicir o 82% do orzamento total. Gastos de persoal (67.950.460) e Gastos en bens correntes e servizos (116.743.530) e aínda que susceptibles de mellora na eficacia e eficiencia da xestión, a posibilidade de variación nas súas magnitudes é moi limitada tanto polas condicións recollidas nos pliegos das concesionarias privadas en canto a revisión de prezos como pola lesiva normativa de teito de gasto.

Os datos desagregados do gasto confirman que detrás da pantalla publicitaria deste goberno de aumentos do gasto social non só estos non existen, mesmo hay unha reducción pasando o capítulo de Acción Social de 11.541.055 euros a 11.493.247 euros. MAREA DE VIGO denuncia que o que existe é un cambio de cromos entre partidas, e poñemos como exemplo:

En 2015 os programas AXUDAS A FAMILIAS e o de AXUDA AO ALUGUEIRO, VIVENDA, ALIMENTOS C. ENERXÉTICA tiñan consignados 452.000 e 2.000.0000 que sumaban un total de 2.452.000. En 2016 o que se fai e cambiar o nome da partida de familias e mover recursos pasando a primeira a chamarse AXUDAS A A FAMILIAS E FONDO EMERXENCIA DESAHUCIOS pasando a 802.000 e diminuíndo a segunda a 1.640.000. Non hai máis política social senón un evidente xogo demagóxico coas mesmas cifras.

É por tanto, o 18 % restante, a cantidade “dispoñible” a priori no Orzamento para vencer a apatía, romper a inercia económica que vive a nosa cidade, dinamizar o movemento veciñal, ou explorar e pór en práctica novas formas de afrontar a grave situación que vive a nosa cidade.

Este orzamento foi feito sen abrir nun unha soa canle particitativa cos axentes sociais, co tecido asociativo e veciñal, que poderían ter presentando propostas ben diferentes en canto a prioridades recollidas neste proxecto de orzamento.

Isto é o que desde o Grupo Municipal de MAREA DE VIGO vimos reclamando ao Goberno Municipal no que levamos de lexislatura. O que botamos en falta deste e de anteriores Orzamentos, é a vontade política de explorar un novo modelo de xestión dos Servizos públicos externalizados en vez de optar pola vía rápida da prórroga ou mesmo a compensación económica ás concesionarias privadas, así como botamos en falta a vontade de artellar un único e integral Plan de Emprego ou mesmo explorar iniciativas interesantes que comenzan a agromar en cidades como A Coruña ou Barcelona, de mecanismos de Renda Básica ou Emprego Garantido, cuestionar a oportunidade actual da persistencia no modelo das humanizacións que non xeneran emprego e simplemente engrosan as contas de resultados de construtoras privadas.

Por todo iso e sobre a base do até aquí exposto, o Grupo Municipal de MAREA DE VIGO presenta este escrito como EMENDA Á TOTALIDADE á proposta de Orzamento 2016 e solicita a súa devolución ao Goberno Municipal para a elaboración dunha nova proposta que contemple o nela manifestado.