emendas ao proxecto de regulamento orgánico do concello de vigo

9 de Febreiro de 2021

En 2016, e por primeira vez en anos, o Goberno local, decidíu acometer unha reforma do articulado do Regulamento Orgánico do Pleno; unha reforma que foi emendada polo noso Grupo municipal e que, pese a incorporarse algunhas emendas como a obrigatoriedade de manter a COMISIÓN DE VIXILANCIA DA CONTRATACIÓN, constituíu para nós un Regulamento limitante en canto a democracia do Pleno e a facilitación da labor fiscalizadora da oposición.

Non se trataba, para o noso Grupo, de formular unha oposición á modificación do Regulamento Orgánico do Pleno, xa que o existente naquela altura e o actual están limitados en canto a criterios de transparencia e participación pública, senón de manifestar o noso rexeitamento a reducir aspectos democráticos en vez de amplialos cando se propón unha modificación regulamentaria. Subliñábamos que “calquera modificación substancial de algo tan importante como un Regulamento Orgánico non é algo esencialmente negativo, xa que entendemos a institución municipal como algo vivo e que vai decorrendo conxuntamente coa sociedade na que convive”. Baixo esta óptica, polo tanto, as normas que rexen o seu funcionamento teñen que adaptarse ao tempo social actual e xa o propio informe introdutorio a este proxecto de Regulamento o argumenta ao dicir que “a credibilidade cidadá nas institucións ten minorado”.

Se a anterior modificación do 2016 xustificouse formalmente baixo a necesidade de adaptación do Regulamento a Lei 19/2013 de transparencia e a 27/2013 de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, pero seguimos sostendo que a verdadeira intencionalidade (a lei é do 2013 e a modificación chega no 2016) era limitar a capacidade fiscalizadora da oposición coa chegada de Marea de Vigo á corporación, nin máis nin menos.

Agora se nos formula unha nova modificación coa escusa de incorporar as previsións derivadas do contido da Lei 39/2015 que regula o Rexistro Electrónico do Pleno, pero, de novo, se incorporan á mesma máis modificacións do articulado que corresponden exclusivamente a unha decisión unilateral do Alcalde de Vigo e o seu equipo de Goberno e son exclusivamente interpretacións políticas de como ten que desenvolverse e normativizarse o Pleno do Concello.

Se ben o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Vigo pode ser aprobado no exercicio da potestade regulamentaria e de auto-organización que corresponde ao noso Concello, este grupo Municipal considera que existen marcos xurídicos que establecen tanto o funcionamento do Pleno, as atribucións e conformación dos grupos municipais, e mesmo como teñen que regularse os órganos complementarios como as Xuntas de Voceiros e que están a conculcarse de xeito flagrante na última modificación do Regulamento e na actual proposta.

Marea de Vigo xa denunciara no 2016 as graves as limitacións que esta proposta de modificación de Regulamento facía aos dereitos dos concelleiros e concelleiras, especialmente ao dereito ao acceso á información (artigo 14, 15 e 16) ao introducir o criterio de “eficacia administrativa” como un motivo de “demora no acceso aos expedientes e documentos” sen establecer límite temporal, o que é un auténtico perigo para a transparencia e democracia municipal. Por iso volvemos a solicitar a modificación do artigo 9 do Regulamento para acotar o termo de “eficacia administrativa” ou a “concreción do obxecto da información” que consideramos limita o dereito de consulta dos representantes públicos.

Do mesmo xeito, seguimos a denunciar que por primeira vez dende a volta da democracia, para constituír grupo municipal no Concello de Vigo é necesario un total de 3 actas fronte ás dúas que rexiron ate o 2016, o que consideramos unha desproporción máis que evidente nunha corporación municipal de 27 membros. Mentres co 1,4% dos deputados ou deputadas pódese configurar grupo propio no Congreso, 0 6% no Parlamento de Galicia, no Concello de Vigo será preciso de ter máis do 11% das actas para configurar un grupo municipal.

No tocante ao traballo de fiscalización e seguimento do traballo do Goberno municipal consideramos necesario reincorporar os criterios de obrigatoriedade de que as mocións pasen previamente polas Comisións Informativas e que estean presentadas cando se produza a Xunta de Voceiros/as previa ao Pleno, algo actualmente incumprido sistemáticamente polo Grupo municipal do PsdG-PSOE.

Seguimos a denunciar e emendamos de novo o feito de que non exista un desenvolvemento democrático do pleno, limitando a posibilidade de traballo dos medios de comunicación que teñen que contar coa autorización da presidencia do Pleno para realizar gravacións sonoras ou gráficas das sesións, que non se poidan portar carteis ou calquera imaxe gráfica considerando estas como “intervencións no pleno” equiparándoas a interrupcións verbais, algo inexistente nos regulamentos das grandes cidades de Galicia e do estado e de difícil explicación democrática.

Os grupos municipais seguimos a ter limitadas as nosas capacidades de convocatoria de Xunta de Voceiros/as, coñecemento das mocións ao Pleno, que xa non pasan por Comisión Informativa, e seguimos coa interpretración arbitraria de “espazos para os grupos municipais onde atender a veciñas e veciños cunha interpretación rigorosa do artigo 22 que di que “cando o permitan as posibilidades funcionais da organización administrativa municipal, os grupos disporán no Concello dunha sede ou local para reunirse e recibir visitas…” fronte ao anterior texto agora vixente, que fala de que a disposición deses locais é obrigatoria (artigo 33.4). actualmente Marea de Vigo ocupa interinamente o local que empregaba na anterior lexislatura e o informado como local do BNG non se atopa habilitado a data de hoxe.

A Xunta de Voceiros/as continúa a ser nun organismo baleiro de contido, xa que, a pesar de ser meramente consultivo, non ostentar competencias resolutorias nin recibir delegacións de ningún órgano municipal, é un órgano complementario importante, en absoluto conxuntural, e permite organizar o pleno e resolver moitos acordos políticos previos. No Regulamento actual so poderá ser convocado polos voceiros que representen a máis da metade do pleno, polo que pode mesmo desaparecer da convocatoria previa ao pleno o que para nós sería contradicir varios dos artigos do RD 2568/1986 como o 29, o 26, e o 82.1.

Do mesmo xeito naturaliza a escasa implicación deste Concello coa normalización lingüística, desaparecendo o criterio de que o idioma do Pleno é o galego por unha aposta decidida polo uso diglósico do castelán e o galego, contradicindo á norma que impera en case todas as administracións galegas de ser espazos de traballo para que o galego sexa a lingua de uso de tódolos galegos e galegas. O reforzamento do papel case arbitrario do presidente do Pleno que se constitúe en “policía de escano” podendo interpretar ao seu arbitrio mesmo cuestións regulamentarias do Pleno preocupa especialmente ao noso Grupo municipal.

Por todo isto, e entendendo que as modificacións presentes nesta proposta son absolutamente negativas para a democracia e a demanda cidadá de transparencia e participación nas entidades locais o grupo Municipal da Marea de Vigo presenta as seguintes
EMENDAS AO PROXECTO DE MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO DO CONCELLO DE VIGO
EMENDA 1
Artigo 2. Idiomas do Pleno.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
Suprimir: “Nos debates utilizarase o galego ou o castelán”.
MOTIVACIÓN: O dereito de todas e todos de usar as dúas linguas oficiais de Galiza é evidente, polo que engadir esta parte parece innecesario, independentemente de que as administracións públicas, e polo tanto as e os concelleiros, teñan a responsabilidade de facer o máximo esforzo pola normalización da nosa lingua. Inda máis nunha cidade como a nosa onde a ausencia do galego é notable.

EMENDA 2
Artigo 9. Dereitos de carácter político e representativo.
2. Acceso libre dos concelleiros á información.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Sustitución do punto 2 polo seguinte texto:

Os concelleiros/as, previa solicitude, obterán de Alcaldía, da Xunta de Goberno Local, dos/das presidentes das comisión, dos concelleiros/as delegados/as ou dos/das presidentes dos organismos municipais cantos antecedentes datos ou información obren en poder dos servizos e resulten precisos para o desenvolvemento da función.

A solicitude será resolta motivadamente e notificada nos cinco días naturais seguintes ó da presentación. Entenderase autorizada por silencio se non se dita e notifica resolución no dito prazo.

MOTIVACIÓN: O texto que recollía o regulamento anterior ao 2016 era máis acorde ao expresado

no RD 2568/1986 que no seu título I capítulo 1 artigo 14 deixa ben claro o nivel de acceso aos expedientes dos concelleiros e concelleiras.
EMENDA 3
Artigo 9. Dereitos de carácter político e representativo.
3. Copias dos expedientes.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
Eliminar o seguintes parágrafos:

A petición de copias en ningún caso referirase a solicitudes xenéricas e concretará o obxecto da información…..

O exercicio deste dereito non implicará unha lesión do principio de eficacia administrativa; non se librarán copias dos documentos que consten nos distintos portais informáticos do Concello e sexan de libre acceso os concelleiros.

MOTIVACIÓN: O regulamento inclúe un criterio absolutamente arbitrario ao entender que un criterio de “eficacia administrativa” pode denegar o acceso a un expediente “sine die” a un concelleiro ou concelleira vulnerando así o establecido no RD 2568/1986 que no seu título I capítulo 1 artigo 14 e seguintes.
EMENDA 4
TÍTULO III. DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS
Artigo 21. Composición e Constitución

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Substituir no punto 1:
“Os grupos municipais constarán de polo menos tres concelleiros”
Por
“Os grupos municipais constarán de polo menos dous concelleiros. Por acordo dos grupos municipais poderán para un maior funcionamento democrático e orgánico constituirse grupos de candidaturas municipais que só obtivesen un concelleiro”

MOTIVACIÓN:
O artigo 74.4 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia di claramente que: “Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos.”
EMENDA 5
Artigo 22. Dereitos económicos e funcionais dos grupos municipais.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
ELIMINAR O PUNTO 3 E SUBSTITUILO POR:
3. Cada grupo municipal disporá de un lugar de traballo no edificio do Concello para as tarefas propias de cada grupo. Este espazo terá as condicións de tamaño, recursos e disposición física que figuren na lexislación vixente en materia de seguridade e saúde laboral. A maiores, cando o permitan as posibilidades funcionais da organización administrativa municipal, os Grupos disporán no Concello de espazos propios ou comúns aos grupos para reunirse e recibir visitas dos cidadáns; o concelleiro delegado da Área de Réxime Interior porá a súa disposición unha infraestrutura mínima de medios materiais.

MOTIVACIÓN: Os recursos físicos dos grupos non poden quedar ao arbitrio do espazo existente, consideración que pode resultar na realidade moi parcial e subxectiva.
EMENDA 6
Artigo 29. Réxime xurídico e de funcionamento.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
ELIMINAR O PUNTO 1 E SUBSTITUILO POR:
1. A Xunta de Voceiros reunirase coa mesma periodicidade que o Pleno, con carácter ordinario no terceiro día hábil anterior o de realización das sesións ordinarias ou extraordinarias non urxentes; celebrará sesións extraordinarias cando así o decida o alcalde, a iniciativa propia, ou a petición razoada de calquera dos seus membros.

MOTIVACIÓN: a xunta de voceiros sendo un órgano consultivo, debería tamén servir como espazo para achegar posturas entre os diferentes grupos políticos, polo cal, parece lóxico que calquera dos seus membros poida razoadamente facer unha proposta de convocatoria.
EMENDA 7
Artigo 33. Comisións Permanentes. Atribucións

EMENDA DE ENGADIDO:
ENGADIR NOVO PUNTO D:
D. Nas comisións darase conta das mocións presentadas polos grupos municipais dende a anterior convocatoria das mesmas.
EMENDA 8
Artigo 34. Comisións Obrigatorias

EMENDA DE ENGADIDO: (Engadir un punto D)
3. A comisión de Vixilancia da Contratación Pública

d.) a súa convocatoria será formalizada mensualmente previa á convocatoria de pleno ordinario

MOTIVACIÓN: Se xa no borrador do anterior regulamento plantexouse a súa eliminación, cousa que finalmente non era posible tal e como argumentou o grupo Marea de Vigo, non entendemos como esta non se convocou en ningunha das últimas lexislaturas polo que propoñemos calendarizar a súa convocatoria real pola importancia dos temas que aborda.
EMENDA 9
Artigo 49. Publicidade das sesións.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
No 2º parágrafo do punto 1 eliminar: “nin exhibira carteis, pancartas ou similares”.

MOTIVACIÓN. Esta manifestación por parte do público, nin interrompe nin perturba o normal desenvolvemento do Pleno.
EMENDA 10
Artigo 49. Publicidade das sesións.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
No punto 5 eliminar: ” ningún medio, sen atoparse expresamente autorizado pola Presidencia, realizará gravacións gráficas ou sonoras das sesións”.

MOTIVACIÓN: Sendo o pleno un acto por natureza público, existen xa diversas sentenzas xurídicas con sancións incluídas ás corporacións que nalgún momento trataron de limitar as gravacións de imaxe ou son,xa non só a medios, senón a particulares.

EMENDA 11
Artigo 54. Nomenclatura.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
No punto 1. Intervencións no Pleno dos cidadáns.
SUBSTITUIR: ” a súa intervención, de ser autorizada, realizarase polo tempo que determine o alcalde e a través dun único representante, a intervención figurará na Orde do Día como primeiro punto da sesión.”

POR: “as intervencións que teñan relación cun dos puntos da orde do día, entenderanse aprobadas por norma xeral, pola súa orde de chegada, co único limite por funcionalidade, de dúas intervencións por pleno, a súa intervención,terá unha duración determinada polo alcalde de entre 5 e 10 minutos e e a través dunha/dun único representante, a intervención figurará na Orde do Día como primeiro punto da sesión”

EMENDA 12
Artigo 55. Debate dos asuntos de tramitación ordinaria

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Propoñemos manter o Regulamento tal e como figura actualmente e rexeitamos a proposta de incorporar ao debate ademáis da quenda do goberno unha quenda máis para o grupo de goberno, engadindo eso si ao final o seguinte texto:

“No caso en que o goberno local estivese formado por varios grupos municipais por acordo dos mesmos poderán dividirse as intervencións do goberno local”

EMENDA 13
Artigo 66. Preguntas

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Eliminar o Punto 5 e substituílo por:
A formulación de preguntas limitarase a un máximo de 4 por cada grupo político municipal que non forme parte do equipo de goberno, os/as concelleiros/as non adscritos poderán formular unha pregunta en cada sesión sen prexuizo de que este número se poda incrementar por acordo plenario

MOTIVACIÓN: O novo criterio de 9 preguntas por pleno incluíndo no reparto ao grupo municipal do que forma parte o goberno é un intento de limitar de xeito evidente o traballo e capacidade fiscalizadora da oposición ao Goberno.

EMENDA 15
Capítulo II Da iniciativa regulamentaria do Pleno e dos Veciños
Artigo 88. Da iniciativa regulamentaria dos veciños

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
No punto 1 onde di “….pola porcentaxe do 10% de veciños do municipio” substituilo por “….pola porcentaxe do 8% do censo electoral municipal”

MOTIVACIÓN: Esta proposta de regulamento confrontaría co regulamento de Participación Cidadá vixente que no seu artigo 35.2 di “Tamén se poderá celebrar consulta cidadá a petición colectiva, asinada por un mínimo de veciños non inferior ao 8% do censo electoral municipal, logo da resolución dos acordos interesados.”

EMENDA 16

EMENDA DE ENGADIDO:
ENGADIR NOVO Artigo 89. Do “Escano Cidadá”.

Finalizada a sesión do Pleno, o/o Presidente/a abrirá unha quenda de rogos e preguntas sobre temas concretos de interese municipal entre o público asistente.

Corresponde ao/ao Presidente/a ordenar e pechar esta quenda.

Cada rogo ou pregunta deberá ser presentado por unha única persoa. No caso de corresponder a un colectivo, intervirá no seu nome e representación un único representante do mesmo.

Cada intervención terá unha duración máxima de tres minutos.

Non se permitirán expresións descalificatorias, ofensivas ou inxuriosas cara a persoas ou entidades, correspondendo ao/ao Presidente/a, no seu caso, a potestade de retirar o uso da palabra.

As intervencións faranse desde o escano cidadán, que será posto a disposición da veciñanza na primeira sesión plenaria na que se exercite o dereito de intervención.

O/o Presidente/a ordenará, no seu caso, as intervencións do Goberno e a oposición que se produzan á mantenta de cada unha das intervencións.