emendas da marea de vigo ante a proposta de modificación das ordenanzas fiscais para o 2021

8 de Setembro de 2020

Que a situación económica que está a provocar a crise da COVID-19 e mesmo as previsións para o vindeiro ano 2021 son dunha clara tendencia negativa para as economías familiares viguesas, para o tecido comercial e empresarial e mesmo para os recursos municipais é xa unha evidencia. Ante isto, o que corresponde e se espera das administracións, por parte do conxunto da cidadanía, é que estas estean xa preparando medidas de contención e de incentivamento da actividade económica.

Curiosamente, e a pesar de que as propostas de modificacións que se nos trasladan inciden nesta situación derivada da crise sanitaria, o Concello de Vigo decide só actuar nunha parte pequena das ordenanzas, taxas e prezos públicos que soportan os vigueses e as viguesas.

Fronte a medidas de forte investimento de recursos públicos, de mobilizar remanentes e superávit para medidas de ampliación de coberturas sociais ou mesmo para afrontar ambiciosas modificacións das principales ordenanzas fiscais que actúan sobre as economías da maioría da veciñanza, IBI e lixo nomeadamente, o Goberno local traslada a modificación dunha serie de ordenanzas que, exceptuando a da tarificación da auga, que vai quedar practicamente igual en canto ao recibo real que recibirán as familias viguesas, non son nin de lonxe as ordenanzas que supoñan unha mobilización económica de recursos.

Non entendemos precisamente, como neste contexto actual, as modificacións propostas polo Goberno non se fan directamente sobre os Impostos Directos, onde é máis fácil establecer progresividade fiscal e políticas de cobertura social: Imposto de Bens Inmobles, Imposto sobre actividades económicas, IVTM ou o de plusvalía.

Como noutras ocasións, calquera proposta de modificación que propoñamos dende a oposición a todas aquelas ordenanzas que non figuran no expediente de proposta para o vindeiro ano 2021, será, con toda seguridade, “non tida en conta ao non figurar no expediente de modificación as ordenanzas referidas”. En todo caso, seguimos a reclamar a revisión anual, e especialmente neste contexto, da totalidade das ordenanzas e especialmente das ausentes nesta ocasión e para as que sucesivamente, o noso grupo municipal ten aportado numerosas aportacións.

Concordamos en non aplicar subas reguladas polo IPC, e facelo de xeito lóxico, como pode ser un escenario de IPC negativo para finais deste ano e mesmo en niveis próximos ao 0% para 2021 segundo as previsións de FUNCAS e a realidade da existencia de prezos ligados aos derivados do petróleo moi baixos. Dicimos lóxico, porque as aplicacións ou non do IPC neste Concello teñen sido empregadas como estratexia electoral nos anos de procesos de votación e mesmo os datos do IPC real neste 2020 quedarán cerca do 0% e non do 2,5% que finalmente soportaron os vigueses e viguesas cando nos meses anteriormente cercanos ao proceso electoral de maio de 2019 anunciáronse conxelacións de taxas e prezos, para, meses despois, anunciar unha suba do 2,5 .

Nesta altura, consideramos relevante lembrar o que expresamos o pasado ano na nosa proposta para as ordenanzas e prezos públicos deste 2020: “a proposta de ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio orzamentario de 2020 deberían ter en conta non os efectos de políticas oportunistas de conxelación ou incremento de prezos e taxas públicas dependendo dos ciclos electorais, senón unha axeitada lectura da situación socioeconómica de Vigo e a súa comarca. O recentemente publicado informe ARDAN recoñece a perda de peso de Vigo e a súa contorna no PIB Galego, pasando de aportar o 23% en 2009 ao 17% actualmente, nun contexto de merma tamén da aportación do conxunto dos salarios á economía local. Non é un tema menor cando as taxas e prezos públicos que se presentan para 2020 aplicarán tanto a economías familiares como ao tecido do pequeño e mediano sector empresarial local que xenera máis do 80% do emprego. A persistencia da situación precaria de moitos empregos, os niveis de pobreza e exclusión social aínda galopantes, deberían ser o factor que marcara o desenvolvemento dos prezos e taxas públicos tanto no que corresponde á atención ás situacións de necesidade derivadas da actual crise económica que continúa a perpetuarse na cidade de Vigo cun moi grave problema de desemprego, e asemade no que corresponde á necesidade de que o Concello de Vigo conte cos recursos económicos suficientes para atender os servizos que presta á veciñanza.” A realidade do que levamos vivido neste 2020 xustificaría unha modificación máis ampla dos prezos e taxas públicas, que por desgraza esta proposta non aborda.

NON SE PROPÓN MODIFICACIÓN ALGUNHA DO IBI. Existindo capacidade suficiente dentro da lexislación de facendas locais para reducir o tipo impositivo que xa ronda o 1,1% (aproximándose ao máximo legal marcado polo Ministerio de Facenda) podería reducirse considerablemente.

NON SE PROPOÑEN MODIFICACIÓNS DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE TRACCIÓN MECÁNICA que tivo xa un incremento o pasado ano do 2,5% para turismos, tractores, remolques e semiremolque, ante as diversas propostas de modificación e redución de cota propostas pola Marea de Vigo (-15% a turismos de menos de 8 cabalos fiscais, -10% aos de máis de 8 e ate 11,99 e -10 aos de 12 a 15,99 cabalos fiscais).

NON SE PROPÓN UNHA MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE ACTIVIDADES ECONÓMICAS que actuasen agora nesta situación de incertidume de moitas empresas como mecanismo de incentivar o mantemento dos empregos en base a inclusión dunha escala de bonificacións a aquelas empresas que, obrigadas ao pago do imposto, acreditaran o mantemento ou un incremento do cadro de persoal.

NON SE ABORDA A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA RECOLLIDA DO LIXO. Simplemente se adapta o contido da mesma aos criterios da ordenanza fiscal xeral, en canto a delimitación de familia monoparental e bonificacións e os coeficientes a aplicar en caso de desemprego de persoas con cargas familiares. Unha modificación substancial con bonificacións máis ambiciosas xa foi demandada pola veciñanza e especialmente polas organizacións de comerciantes, hostaleiros e diversas asociacións patronais, ao ter que pagar durante meses esta taxa tendo os seus negocios pechados. Para este 2020, Marea de Vigo xa propuxera unha nova estructura tarifaria en base ao tamaño e membros das vivendas, que hoxe significaría un pequeño aforro nas economías dos vigueses e viguesas.

NON SE ESTABLECEN CRITERIOS DE BONIFICACIÓNS ANTE A SITUACIÓN DA CRISE DA COVID 19 EN NUMEROSAS TAXAS E PREZOS PÚBLICOS. Consideramos que aspectos como a mobilidade en tempos de crise sanitaria obrigan, por exemplo, a artellar bonificacións para familias nos usos do taxi como alternativa ao transporte público colectivo en situación de ser manifesto grupo de risco, feito que obrigaría a levar a cabo a modificación da ORDENANZA DO TAXI, realizar modificacións profundas nos prezos das TAXAS DAS ESCOLAS DE PRIMEIRA ETAPA DE EDUCACIÓN INFANTIL, nas de INSPECCIÓN SANITARIA E DESINFECCIÓN, permitindo á veciñanza e negocios da cidade maiores cautelas sanitarias.

No caso dos prezos das ESCOLAS MUNICIPAIS, podería artellarse un sistema de bonificacións como urxencia pola situación devengada da COVID-19 excepcionalmente para o ano 2021, co obxectigo de estudar nesa altura a súa consolidación definitiva nos prezos e taxas públicas.

Ao non incluirse estas posibles modificacións no actual expediente, como xa dixemos, calquera aportación que fagamos desde os grupos municipais da oposición, nin será tida en conta, polo que chamamos a repensar a decisión de non abrir o proceso da súa adaptación ás novas casuísticas da situación provocada pola COVID-19.

Pola contra, proponse a modificación de ordenanzas que, salvo no caso concreto da de subministro e saneamento, teñen pouca incidencia nas economías de familias e mesmo de negocios. Hoxe en día, as taxas como a taxa por mesas e cadeiras son unha parte residual do gasto anual dos negocios hostaleiros.

En todo caso Marea de Vigo quere formular as seguintes emendas e suxerencias ao expediente proposto:

EMENDAS Á MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL XERAL

1- Marea de Vigo propón na Ordenanza Fiscal Xeral que se contemple a figura do aprazamento sine die nos pagos fraccionados da débeda no entanto o suxeito pasivo acredite atoparse no desemprego ou non percibir ingresos superiores ao SMI. E, de xeito análogo, en todas as ordenanzas fiscais que o permitan legalmente, se introduza a progresividade mediante un índice corrector do pago que atenda á renda per capita da unidade familiar.

2- Toda vez que xa está operativo o rexistro municipal de soares o Grupo Municipal de Marea de propón penalizar aos propietarios de soares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar así como rebaixar o límite do valor catastral para poderen ser gravados, ata co dobre da cota do IBI.

EMENDAS Á MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POR APROVEITAMENTO ESPECIAL OU UTILIZACIÓN PRIVATIZA DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL

3- EMENDA AO ARTIGO 1.2:

Toda vez que o criterio de “especial interese municipal” é absolutamente arbitrario propoñemos engadir ao final do primeiro parágrafo o seguinte:

. “A declaración incluirá un informe emitido polos servizos municipais correspondentes onde figure claramente o prezo das actividades e os ingresos estimados, o número de persoas contratadas e xustificación da necesidade de exonerar do pago de taxas municipais polo tipo de actividade”.

4- EMENDA AO ARTIGO 1.4:

Propoñemos engadir ao final do artigo:

.“De tratarse dunha actividade fomentada por algunha asociación sen ánimo de lucro, a actividade terá que ser gratuita ou o prezo xustificarse para a cobertura económica xusta do custo da programación da actividade”

5- EMENDA AO ARTIGO 4.A.5:

Propoñemos incrementar a taxa de ocupación de caixeiros automáticos adosados a edificios con aproveitamento especial da vía pública quedando as categorías das rúas e os importes de tal xeito:

1 categoría: 201

2 categoría: 162

3 categoría:132

4 categoría:131

5 categoría: 118

6 categoría: 101

EMENDAS Á MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POR LICENZAS DE ACTIVIDADES E INSTALACIÓNS.

6- EMENDA Á DISPOSICIÓN TRANSITORIA:

Propoñemos incrementar e exención para o exercicio 2021 nas actividades de superficie inferior a 200 metros cadrados, entendendo que neste tramo atópanse na actualidade numerosos locais comerciais e hostelerios nunha situación dificil para o mantemento da actividade.

EMENDAS Á MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA CONCESIÓN DE LICENZAS DE CONSTRUCCIÓNS, OBRAS E INSTALACIÓNS

7- EMENDA Á DISPOSICIÓN TRANSITORIA:

Propoñemos incrementar para o exercicio 2021 as exencións de obras de reforma ou adaptación de locais para as actividades de superficie inferior a 200 metros cadrados, entendendo que neste tramo atópanse na actualidade numerosos locais comerciais e hostelerios nunha situación dificil para o mantemento da actividade.

EMENDAS Á ORDENANZA DE PRESTACIÓNS PATRIMONIAIS DE CARÁCTER PÚBLICO POLOS SERVIZOS DE SUMINISTRACIÓN DE AGUA POTABLE, REDE DE SUMIDOIROS, SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AGUAS RESIDUAIS

A LEI 9/2019 de 11 de decembro establece claramente a necesidade de diferenciar de xeito claro os tramos en función da auga consumida e sobre todo deixa claro que a estrutura tarifaria deberán recollerse os servizos efectivamente prestados e deberá deseñarse o sistema tarifario para que responda aos principios dun uso eficiente da auga, consumo responsable, equidade, transparencia e recuperación dos custos destes servizos.

Non establece que teñan necesariamente que imputarse todos os custos e investimentos realizados para garantir o servizo directamente na factura á persoa abonada e pode perfectamente unha administración pública asumir o investimento, tal e como se asume o investimento en obra pública.

Por este motivo, discrepamos de que se traslade o custo de investimentos a acometer en varios anos xa no cáculo inicial do sistema tarifario, dando por feito que os investimentos valorados en 100 millóns de euros se van a acometer na súa integridade e polo tanto instaurando xa un cambio tarifario que pasa dos 7,6 euros de custe fixo facturado bimensualmente aos 28,62 euros da proposta actual, que realmente o que fai é trasladar os importes dos antigos 30 metros cúbicos facturados como consumo mínimo a este concepto de coste fixo, baixando, evidentemente os custos de abastacemento, saneamento e depuración que quedan en cifras máis pequeñas.

Un cambio que se xustifica por uns investimentos pero que significa que os importes de ingresos para o 2021 serán os mesmos que para o 2019 e 2020.

Do mesmo xeito, no informe recoñécense que as necesidades de investimentos deberíanse prever antes na necesaria actualización do PLAN DIRECTOR DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO e non nunha simple estimación como a que acompaña a esta modificación do servizo.

Lamentamos que Vigo non poida, ao igual que outras cidades do estado, establecer un mínimo de consumo humano (como recomenda a ONU) exento pola determinación que figura na actual lei que dí que para o cumprimento dos principios antes indicados, a estrutura tarifaria do servizo de abastecemento, sen prexuízo da existencia dunha cantidade fixa polo feito da prestación do servizo, diferenciará os tramos en función do volume de auga consumida, sen que se poidan establecer mínimos exentos que desincentiven o consumo responsable da auga.

Ante a discrepancia co sistema tarifario proposto propoñemos:

8- SE CLARIFIQUE O CRITERIO EMPREGADO PARA ESTABLECER OS TRAMOS DE CONSUMO. En todo o expediente non figura explicación de porque se adopta o sistema de tramos de 0 a 6, de 6 a 10, de 10 a 20 e máis de 20 para os consumos domésticos/persoa así como o motivo do salto evidente entre os dous tramos e o tramo comprendido entre 10 e 20. Sería necesario cando menos establecer un criterio de proporcionalidade nos consumos toda vez que non existe un consumo mínimo vital exento.

9- Se considere as persoas perceptoras de RISGA ou de RAI, ou IMV exentas do pago da auga por debaixo de consumos de 3 metros cúbicos persoa/mes.

10- Se estableza no sistema de bonificacións a BONIFICACIÓN POR USO EFICIENTE. Unha tarifa especial reducida aplicable soamente no caso de que se acredite fehacentemente o número de habitantes no domicilio e que o consumo sexa menor de 3 m3/persoa/mes.