emendas da marea de vigo á proposta de modificación de ordenanzas fiscais para o 2018

10 de Agosto de 2017

Os incrementos de taxas e prezos públicos na cidade de Vigo de novo volve a ser indolente coa realidade socioeconómica que viven os nosos veciños e veciñas. Indolente porque non existe unha recuperación económica que vaia parella a unha realidade de aumento da renda dispoñible das familias que xustifique aplicar agora esta terceira suba continuada dende o inicio da lexislatura.

De novo non existe tampouco unha suba salarial media que poida compensar esta suba proposta xa que, tomando como referencia os convenios colectivos de aplicación tamén na nosa cidade, o propio Ministerio de Emprego para os tres primeiros meses de 2017 fala dun 1,26% de suba salarial pactada.

Como recoñece o propio informe de intervención xeral que acompaña a estas modificacións de ordenanzas fiscais “se ben o apartado 1º do artigo 44 do TRLRFL establece que o importe dos prezos públicos deberá cubrir como mínimo o custo do servizo prestado ou da actividade realizada” o disposto no apartado 2º di que “cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, a entidade poderá fixar prezos públicos por baixo do límite previsto no apartado anterior”. Consideramos que estas razóns son suficientes para pedir unha conxelación de todas as taxas e prezos públicos durante o 2018.

É certo que o propio INE informaba xa en xaneiro de 2017 que o IPC xeral estaba xa no 3%, especialmente instigado pola suba brutal da electricidade, se ben a taxa subxacente, a que exclúe elementos máis volátiles do índice como son precisamente a enerxía e os alimentos frescos, situouse no 1% anual.

De aplicar este 3% do IPC a todos os prezos e taxas públicas estaríamos considerando que o custo enerxético sería o principal custo de todos os servizos públicos; cousa que é rotundamente falsa especialmente no caso de servizos públicos municipais. Tomando tamén como realidade que o Goberno do Estado para este 2018 establece o criterio de non aplicar de xeito mimético o IPC a todos os prezos de bens e servizos en base a unha tardía aplicación da Lei de Desindexación aprobada en 2015 e o RD aprobado en xaneiro que prohibe actualizar co IPC xeral excepto para os produtos vinculados á enerxía e subministros.

Polo tanto, xa non existindo ese criterio do IPC e obrigando aos concellos a desagregar custos propios para establecer taxas e prezos públicos, consideramos que Vigo debería facer un esforzo para auditar os custos propios e de concesionarias que acaban repercutindo nos prezos e taxas públicas.

Por terceiro ano consecutivo este grupo municipal considera que o criterio para incrementar os prezos e taxas públicas corresponde a un exercicio de arbitrariedade e que Vigo sitúase en incrementos moi por enriba das grandes capitais do estado que en ningún caso superan este 2,2 %.

Marea de Vigo tamén quere abordar que este ano tampouco se trate a necesaria modificación, xa requirida en Pleno por este Grupo Municipal, da Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas por Aproveitamento Especial ou Utilización Privativa do Dominio Público Local, co obxectivo de clarificar ou definir a existencia de terrazas de uso hostaleiro permanentes a efectos de tarificar as taxas das mesmas (hoxe inexistente na ordenanza vixente que soamente recolle o escenario de terrazas desmontables non permanentes).

Para a Marea de Vigo tamén sería positivo a inclusión da nova Ordenanza de Mobilidade Sostible á que fomos convidados os Grupos Municipais a aportar propostas a principios de 2017. Ademais da necesidade de artellar novas ordenanzas como a que propuxemos no seu día de Ordenanza Reguladora da concesión de subvencións públicas que clarifique e defina os criterios á hora de asinar convenios e outorgar subvencións entre o Concello e as entidades sociais e veciñais (proposta de articulado aportada xa no pasado ano polo Grupo Municipal da Marea de Vigo ).

Alén do xa exposto, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo resulta importante a ausencia dunha proposta de modificación da Ordenanza Reguladora do Imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza Urbana, xa que sigue sen figurar a adaptación dos criterios de exención cando a venda non produciu plusvalía, figurando soamente as exencións por realizar obras de conservación e as bonificacións existentes noutros exercicios fiscais.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo propón as seguintes emendas á actual proposta de ordenanzas fiscais para 2018:

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABLE, REDE DE SUMIDOIROS, SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

1ª.-

Conxelación das taxas e prezos mantendo as do 2017.

2ª.-

ARTIGO 10 EXENCIÓNS:

(incluír un segundo apartado):

Tributarán por tramo cero, nos consumos domésticos, os contribuíntes beneficiarios da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado. Polo tanto estas persoas quedarán eximidas do CONSUMO MÍNIMO de 15m3/mes establecendo o consumo mínimo gratuíto ate 4m3/mes (cota 0 proposta). Do mesmo xeito quedan excluídos da COTA DE ABONAMENTO, DE SANEAMENTO e DE UTILIZACIÓN DE CONTADORES DE MEDIDA

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA RECOLLIDA DO LIXO

3ª.-

Conxelación das taxas e prezos mantendo as do 2017.

4ª.-

ARTIGO 4 BENEFICIOS FISCAIS

(novo punto 2): Estarán exento de pagamento da taxa de lixo da vivenda que constitúa a residencia habitual do solicitante cando este sexa beneficiario da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) ou de réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado

(xustificación: trátase de simplificar o proceso administrativo para este colectivo de persoas evitando as casuísticas e procedementos descritos no artigo 4)

5ª.-

ARTIGO 5 COTA. PUNTO 2 ESTRUTURA TARIFARIA:

proponse escalado da cota anual de VIVENDA en base á superficie da vivenda e de acordo cos seguintes tramos:

Tamaño vivenda                                    Cota                                            % cota anual

VIVENDAS ATE O 90 m3                        68,04€                                         80%

VIVENDAS DE 91 m3 A 150 m3             76, 54 €                                        90%

VIVENDAS DE 151 m3 a 300 m3           85,05€                                          100%

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO DE BENS INMOBLES

6ª.-

Non incrementar o tipo de gravame para os bens urbanos, rústicos e BICE´s (que pasan nesta proposta do 0,882%, 0,662% e 0,813% a 0,901%, 0,677% e 0,831%).

Xustificación: Para o caso do IBI urbano colocaría a Vigo preto do máximo legal 1,1% sendo posiblemente o tipo de gravame máis alto das grandes cidades do estado. Non se pode xustificar pola sentenza que obriga a volver a rústicos os terreos urbanos sen ordenación detallada un incremento do gravame polo que propoñemos manter os gravames de 2017 e iniciar o estudo da redución dos mesmos ao ser excesivamente altos.

7ª.-

Proposta de novo artigo na ordenanza fiscal número 2, regulamentadora do imposto sobre bens inmobles:

Establecerase un gravame sobre as vivendas baleiras desocupadas con carácter permanente no IBI do 50%, en base á Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003 que no artigo 72.4, que establece o seguinte: “Tratándose de inmuebles de uso residencial que se encuentren desocupados con carácter permanente, por cumplir las condiciones que se determinen reglamentariamente, los Ayuntamientos podrán exigir un recargo de hasta el 50% en la cota líquida del impuesto”.

8ª.-

ARTIGO 6. BONIFICACIÓNS

Sistema de bonificación do 50% da cota para as vivendas (excepto das de nova construción) que instalaran sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar para autoconsumo sempre e cando a instalación sexa realizada polo suxeito pasivo con carácter voluntario e non responda a obrigacións derivadas da normativa vixente.

9ª.-

Establecemento de penalización aos propietarios de solares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar e, rebaixar o límite do valor catastral para poder ser gravados, até co dobre da cota do IBI.

10ª.-

Penalización aos propietarios que non conserven ós seus inmobles e provoquen a posterior declaración de ruína duplicando a taxa de declaración de ruína.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA

11ª.-

Non aplicar a suba do 2,2% no 2018 nas cotas anuais para turismos, autobuses, tractores, remolques e semiremolques ao igual que se vai realizar coas motocicletas de ate 125 cc. de cilindrada.

12ª.-

ARTIGO 4.- EXENCIÓN E BONIFICACIÓNS

(APARTADO 5)

Engadir bonificación do 100 por 100 ós vehículos da clase “turismo” ou “motocicleta” con antigüidade mínima de 25 anos….

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE ACTIVIDADES ECONÓMICAS

13ª._

Non aplicar a suba do 2,2% no 2018 na escala de coeficientes que ponderan a situación física do local

14ª.-

ARTIGO 6.- BONIFICACIÓNS E REDUCCIÓNS

Inclusión dunha escala de bonificacións a aquelas empresas que, obrigadas ao pago do imposto, acrediten un incremento de plantilla mediante contratación indefinida no ano anterior (a acreditar mediante presentación dos TC1 e TC2):

Incrementos entre o 1 e o 10%  –   20%

Incrementos superiores ao 10%  –  30%

Incrementos superiores ao 20%  – 40%

Incrementos superiores ao 30% –  50%

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DOS PREZOS PÚBLICOS DAS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS

15ª.-

Mantemento das tarifas do 2017.

16ª-

Declarar exentos dos Prezos Públicos Regulados na Escola Municipal de Música, E-TRAD e na Escola Municipal de Teatro, aos membros de familias beneficiarias da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA INMOBILIZACIÓN, RETIRADA, DEPÓSITO E CUSTODIA DE VEHÍCULOS

17ª.-

Mantemento das taxas do 2017 no tocante a inmovilización e cota diaria por depósito en todas as categorías.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DOS DEREITOS OU TAXAS POLA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DOS CEMITERIOS MUNICIPAIS

18ª.-

Manter as taxas do 2017 no tocante a servizos de concesións, renovación das mesmas, expedición de títulos, exhumacións, mantementos e limpezas.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DOS PREZOS PÚBLICOS POR UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS EPENDENTES DA CONCELLERÍA DE DEPORTES

19ª.-

Manter as taxas do 2017 no tocante a prezos públicos das instalacións deportivas.

20ª.-

Declarar exentos dos Prezos Públicos Regulados, aos membros de familias beneficiarias da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado.

21ª.-

ARTIGO 5. EXENCIÓNS NOS PREZOS

Engadir a exención no caso de clubes deportivos promovidos polas ANPAS dos centros públicos escolares de Vigo.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS DOS SERVIZOS QUE PRESTA O VIGOZOO

22ª.-

Mantemento das taxas do 2017 no tocante a prezos públicos das instalacións e servizos do VIGOZOO

23ª.-

Declarar exentos dos Prezos Públicos Regulados, aos membros de familias beneficiarias da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS RELATIVAS AO SERVIZO DE TAXI NA CIDADE DE VIGO

24ª.-

Mantemento das taxas do 2017 no tocante a prezos públicos da revisión de vehículo, dereitos de exame, expedición ou renovación dos permisos ou duplicados.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLOS SERVIZOS ESPECIAIS POR ESPECTÁCULOS E TRANSPORTES

25ª.-

Mantemento das taxas do 2017 no tocante a prestación de servizos (persona e vehículo).

26ª.-

ARTIGO 4. EXENCIÓNS

Engadir a exención do pago a aqueles servizos derivados de espectáculos ou entretemento organizado por ONGD´s sen ánimo de lucro.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA PRESTACIÓN DOE SERVIZOS DE SANIDADE PREVENTIVA, DESINFECCIÓN….

27ª.-

Mantemento das taxas do 2017 no tocante a prestación de servizos.

PROPOSTA DE EMENDAS Á ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLOS DOCUMENTOS QUE EXPIDA OU QUE ENTENDA A ADMON. DO CONCELLO….

28ª.-

Mantemento das taxas do 2017 na base, na cota tributaria e na totalidade das tarifas.

29ª.-

Eximir do pago das copias de documentación que obre en poder do Concello (planos, informes, etc. ) ás entidades que consten inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello e non teñan ánimo de lucro.

30ª.-

Declarar exentos dos Prezos Públicos Regulados, aos membros de familias beneficiarias da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e os acollidos a réximes protectores de carácter público análogos ao mencionado.