emendas ao proxecto de regulamento orgánico do concello de vigo

14 de Marzo de 2016

EMENDAS AO PROXECTO DE REGULAMENTO ORGÁNICO  DO CONCELLO DE VIGO

O pasado 27 de xaneiro a Alcaldía do Concello de Vigo incoou un expediente para a modificación do actual Regulamento Orgánico do Pleno sendo remitida a proposta ao noso grupo municipal o pasado 4 de marzo. Para o noso grupo municipal calquera modificación substancial de algo tan importante como un regulamento orgánico non é algo esencialmente negativo, xa que entendemos a institución municipal como algo vivo e que vai decorrendo conxuntamente coa sociedade na que convive. Baixo esta óptica, polo tanto, as normas que rexen o seu funcionamento teñen que adaptarse ao tempo social actual e xa o propio informe introdutorio a este proxecto de regulamento o argumenta ao dicir que “a credibilidade cidadá nas institucións ten minorado”.

Polo tanto, nun contexto actual onde a cidadanía demanda maior transparencia, democracia , participación e control público cabería esperar que os cambios deste regulamento que rexe o funcionamento do órgano máis importante da democracia municipal foran paralelos a esta demanda cidadá, cousa que este grupo municipal considera que non se fai, mais ben todo o contrario, esta proposta incide na limitación do traballo fiscalizador da oposición e da máis poder presidencialista á figura do presidente do pleno, ao alcalde.

E que coa escusa de adaptación do actual regulamento a Lei 19/2013 de transparencia e a 27/2013 de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local preséntase un novo regulamento que de facto non modifica só as cuestións derivadas destas dúas normas, senón que aproveita para adaptar o Regulamento Orgánico Municipal, a un modelo de xestión municipal antidemocrático e que, seguro ten que ver, co pánico que a algúns lles supuxo a entrada da Marea de Vigo nesta corporación.

Se ben o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Vigo pode ser aprobado no exercicio da potestade regulamentaria e de auto-organización que corresponde ao noso Concello, este grupo Municipal considera que existen marcos xurídicos que establecen tanto o funcionamento do pleno, as atribucións e conformación dos grupos municipais, mesmo como teñen que regularse os órganos complementarios como as Xuntas de Voceiros e que están a conculcarse de xeito flagrante nesta proposta de regulamento. Especialmente grave é a conculcación de dereitos recollidos no Real Decreto 2568/1986 de 28 de novembro que regula a organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

Marea de Vigo considera especialmente graves as limitacións que esta proposta de modificación de regulamento fai aos dereitos dos concelleiros e concelleiras especialmente ao dereito ao acceso á información (artigo 14, 15 e 16) ao introducir o criterio de “eficacia administrativa” como un motivo de “demora no acceso aos expedientes e documentos” sen establecer límite temporal, o que consideramos é un auténtico perigo para a transparencia e democracia municipal. Este artigo 9 proposto neste regulamento é un claro retroceso con respecto ao regulamento actualmente vixente que, se ben é certo “navegaba” na ambigüidade para definir os distintos niveis de acceso á información por parte dos concelleiros e concelleiras, non introducía un criterio tan perigoso como o da “eficacia administrativa” ou a “concreción do obxecto da información” que consideramos limita o dereito de consulta dos representantes públicos.

Do mesmo xeito por primeira vez dende a volta da democracia para constituír grupo municipal no Concello de Vigo será necesario un total de 3 actas fronte ás dúas actuais, o que consideramos unha desproporción máis que evidente nunha corporación municipal de 27 membros. Mentres co 1,4% dos deputados pódese configurar grupo propio no Congreso dos Deputados, 0 6% no Parlamento de Galicia, no Concello de Vigo será preciso de ter máis do 11% das actas para configurar un grupo municipal.

No tocante ao traballo de fiscalización e seguimento do traballo do goberno municipal é especialmente preocupante que desaparecen os criterios de obrigatoriedade de que as mocións pasen previamente polas comisións informativas.

Desaparece a COMISIÓN DE VIXILANCIA DA CONTRATACIÓN que xa estaba sendo sistematicamente postergada a pesar de ser considerada no regulamento vixente unha comisión permanente, órgano que non pode ser substituído en forma algunha polas “mesas de contratación” como insinuaba o alcalde porque estas soamente se abren para concursos públicos en curso e o que é unha COMISIÓN PERMAMENTE é un órgano que fiscaliza todo o que se artella na contratación municipal durante o período de vixencia dos mesmos.

Especialmente grave é a consideración que esta proposta de modificación fai do desenvolvemento do pleno, limitando a posibilidade de traballo dos medios de comunicación que terán que contar coa autorización da presidencia do pleno para realizar gravacións sonoras ou gráficas das sesións, non poderán existir carteis ou calquera imaxe gráfica considerando estas como “intervencións no pleno” equiparándoas a interrupcións verbais, algo inexistente nos regulamentos das grandes cidades de Galicia e do estado e de difícil explicación democrática.

Os grupos municipais conformados non só terán limitadas as súas capacidades de convocatoria de Xunta de Voceiros, coñecemento das mocións ao pleno, que xa non terán que pasar por comisión informativa, senón que mesmo poderán ser privados de espazos para o recibimento de veciñas e veciños cunha interpretación rigorosa do artigo 22 que di exactamente que “cando o permitan as posibilidades funcionais da organización administrativa municipal, os grupos disporán no Concello dunha sede ou local para reunirse e recibir visitas…” fronte ao anterior texto agora vixente, que fala de que a disposición deses locais é obrigatoria (artigo 33.4).

A xunta de Voceiros convértese nun organismo baleiro de contido, xa que, a pesar de ser meramente consultivo, non ostentar competencias resolutorias nin recibir delegacións de ningún órgano municipal, é un órgano complementario importante, en absoluto conxuntural, e permite organizar o pleno e resolver moitos acordos políticos previos. Neste regulamento só poderá ser convocado polos voceiros que representen a máis da metade do pleno, polo que pode mesmo desaparecer da convocatoria previa ao pleno o que para nós sería contradicir varios dos artigos do RD 2568/1986 como o 29, o 26, e o 82.1.

Do mesmo xeito naturaliza a escasa implicación deste Concello coa normalización lingüística, desaparecendo o criterio de que o idioma do pleno é o galego por unha aposta decidida polo uso diglósico do castelán e o galego, contradicindo a norma que impera en case todas as administracións galegas de ser espazos de traballo para que o galego sexa a lingua de uso de tódolos galegos e galegas. O reforzamento do papel case arbitrario do presidente do pleno que se constitúe en “policía de escano” podendo interpretar ao seu arbitrio mesmo cuestións regulamentares do pleno preocupa especialmente ao noso grupo municipal.

Por todo isto, e entendendo que as modificacións presentes nesta proposta son absolutamente negativas para a democracia e a demanda cidadá de transparencia e participación nas entidades locais o grupo Municipal da Marea de Vigo presenta as seguintes

EMENDAS AO PROXECTO DE REGULAMENTO ORGÁNICO DO CONCELLO DE VIGO

EMENDA 1
Artigo 2. Idiomas do Pleno.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
Suprimir: “Nos debates utilizarase o galego ou o castelán”.
MOTIVACIÓN: O dereito de todas e todos de usar as dúas linguas oficiais de Galiza é evidente, polo que engadir esta parte parece innecesario, independentemente de que as administracións públicas, e polo tanto as e os concelleiros, teñan a responsabilidade de facer o máximo esforzo pola normalización da nosa lingua. Inda máis nunha cidade como a nosa onde a ausencia do galego é notable.

EMENDA 2
Artigo 9. Dereitos de carácter político e representativo.
2. Acceso libre dos concelleiros á información.

EMENDA DE ENGADIDO:
Manter o seguinte texto que figura no regulamento vixente:

Os concelleiros/as, previa solicitude, obterán de Alcaldía, da Xunta de Goberno Local, dos/das presidentes das comisión, dos concelleiros/as delegados/as ou dos/das presidentes dos organismos municipais cantos antecedentes datos ou información obren en poder dos servizos e resulten precisos para o desenvolvemento da función.

A solicitude será resolta motivadamente e notificada nos cinco días naturais seguintes ó da presentación. Entenderase autorizada por silencio se non se dita e notifica resolución no dito prazo.

MOTIVACIÓN: O texto actual é máis acorde ao expresado no RD 2568/1986 que no seu título I capítulo 1 artigo 14 deixa ben claro o nivel de acceso aos expedientes dos concelleiros e concelleiras.

EMENDA 3
Artigo 9. Dereitos de carácter político e representativo.
3. Copias dos expedientes.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
Eliminar o seguintes parágrafos:

A petición de copias en ningún caso referirase a solicitudes xenéricas e concretará o obxecto da información…..

O exercicio deste dereito non implicará unha lesión do principio de eficacia administrativa; non se librarán copias dos documentos que consten nos distintos portais informáticos do Concello e sexan de libre acceso os concelleiros.

MOTIVACIÓN: A proposta de regulamento inclúe un criterio absolutamente arbitrario ao entender que un criterio de “eficacia administrativa” pode denegar o acceso a un expediente “sine die” a un concelleiro ou concelleira vulnerando así o establecido no RD 2568/1986 que no seu título I capítulo 1 artigo 14 e seguintes.

EMENDA 4
TÍTULO III. DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS
Artigo 21. Composición e Constitución

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Substituir no punto 1:
“Os grupos municipais constarán de polo menos tres concelleiros”
Por
“Os grupos municipais constarán de polo menos dous concelleiros”

MOTIVACIÓN:
O artigo 74.4 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia di claramente que: “Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos.”

EMENDA 5
Artigo 22. Dereitos económicos e funcionais dos grupos municipais.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
ELIMINAR O PUNTO 3 E SUBSTITUILO POR:
3. Cada grupo municipal disporá de un lugar de traballo no edificio do Concello para as tarefas propias de cada grupo. Este espazo terá as condicións de tamaño, recursos e disposición física que figuren na lexislación vixente en materia de seguridade e saúde laboral. A maiores, cando o permitan as posibilidades funcionais da organización administrativa municipal, os Grupos disporán no Concello de espazos propios ou comúns aos grupos para reunirse e recibir visitas dos cidadáns; o concelleiro delegado da Área de Réxime Interior porá a súa disposición unha infraestrutura mínima de medios materiais.

MOTIVACIÓN: Os recursos físicos dos grupos non poden quedar ao arbitrio do espazo existente, consideración que pode resultar na realidade moi parcial e subxectiva.

EMENDA 6
Artigo 29. Réxime xurídico e de funcionamento.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
ELIMINAR O PUNTO 1 E SUBSTITUILO POR:
1. A Xunta de Voceiros reunirase coa mesma periodicidade que o Pleno, con carácter ordinario no terceiro día hábil anterior o de realización das sesións ordinarias ou extraordinarias non urxentes; celebrará sesións extraordinarias cando así o decida o alcalde, a iniciativa propia, ou a petición razoada de calquera dos seus membros.

MOTIVACIÓN: a xunta de voceiros sendo un órgano consultivo, debería tamén servir como espazo para achegar posturas entre os diferentes grupos políticos, polo cal, parece lóxico que calquera dos seus membros poida razoadamente facer unha proposta de convocatoria.

EMENDA 7
Artigo 33. Comisións Permanentes. Atribucións

EMENDA DE ENGADIDO:
ENGADIR NOVO PUNTO D:
D. Nas comisións darase conta das mocións presentadas polos grupos municipais dende a anterior convocatoria das mesmas.

EMENDA 8
Artigo 34. Comisións Obrigatorias

EMENDA DE ENGADIDO: (Engadir unha terceira comisión)
3. A comisión de Vixilancia da Contratación Pública
1. É o órgano de vixilancia da actividade contractual da administración municipal.
2. O obxecto da Comisión é garantir a aplicación efectiva dos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade e eficacia na contratación pública.
3. Nas demais cuestións rexerase polo que determine o seu acordo de creación

MOTIVACIÓN: Se ben a comisión de Seguemento que figura no actual regulamento carece de funcións ao ser o pleno o órgano que ten que facer o devandito pleno non entendemos como pode desaparecer a COMISIÓN DE VIXILANCIA DA CONTRATACIÓN PÚBLICA cuxa función nada ten que ver coa constitución de mesas de contratación xa que estas soamente realizan o proceso administrativo do propio contrato non o seu seguimento e fiscalización.

EMENDA 9
Artigo 49. Publicidade das sesións.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
No 2º parágrafo do punto 1 eliminar: “nin exhibira carteis, pancartas ou similares”.

MOTIVACIÓN. Esta manifestación por parte do público, nin interrompe nin perturba o normal desenvolvemento do pleno.

EMENDA 10
Artigo 49. Publicidade das sesións.

EMENDA DE SUPRESIÓN:
No punto 5 eliminar: ” ningún medio, sen atoparse expresamente autorizado pola Presidencia, realizará gravacións gráficas ou sonoras das sesións”.

MOTIVACIÓN: Sendo o pleno un acto por natureza público, existen xa diversas sentenzas xurídicas con sancións incluídas ás corporacións que nalgún momento trataron de limitar as gravacións de imaxe ou son,xa non só a medios, senón a particulares.

EMENDA 11
Artigo 54. Nomenclatura.

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
No punto 1. Intervencións no Pleno dos cidadáns.
SUBSTITUIR: ” a súa intervención, de ser autorizada, realizarase polo tempo que determine o alcalde e a través dun único representante, a intervención figurará na Orde do Día como primeiro punto da sesión.”

POR: “as intervencións que teñan relación cun dos puntos da orde do día, entenderanse aprobadas por norma xeral, pola súa orde de chegada, co único limite por funcionalidade, de dúas intervencións por pleno, a súa intervención,terá unha duración determinada polo alcalde de entre 5 e 10 minutos e e a través dunha/dun único representante, a intervención figurará na Orde do Día como primeiro punto da sesión”

EMENDA 12
Artigo 66. Preguntas

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
Eliminar o Punto 5 e substituílo por:
A formulación de preguntas limitarase a un máximo de 4 por cada grupo político municipal que non forme parte do equipo de goberno, os/as concelleiros/as non adscritos poderán formular unha pregunta en cada sesión.

MOTIVACIÓN: O novo criterio de 9 preguntas por pleno incluíndo no reparto ao grupo municipal do que forma parte o goberno é un intento de limitar de xeito evidente o traballo e capacidade fiscalizadora da oposición ao goberno.

EMENDA 14
Capítulo II Procedemento de aprobación dos Orzamentos
Artigo 83. Emendas

EMENDA DE ENGADIDO:
Engadir no final do punto 1:
Ao proxecto de orzamentos poderanse tamén presentar emendas á totalidade solicitando a devolución da proposta que terán que estar fundamentadas nun escrito que será debatido previamente ao debate das emendas parciais.

EMENDA 15
Capítulo II Da iniciativa regulamentaria do Pleno e dos Veciños
Artigo 88. Da iniciativa regulamentaria dos veciños

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:
No punto 1 onde di “….pola porcentaxe do 10% de veciños do municipio” substituilo por “….pola porcentaxe do 8% do censo electoral municipal”

MOTIVACIÓN: Esta proposta de regulamento confrontaría co regulamento de Participación Cidadá vixente que no seu artigo 35.2 di “Tamén se poderá celebrar consulta cidadá a petición colectiva, asinada por un mínimo de veciños non inferior ao 8% do censo electoral municipal, logo da resolución dos acordos interesados.”

EMENDA 16

EMENDA DE ENGADIDO:
ENGADIR NOVO Artigo 89. Do “Escano Cidadá”.

Finalizada a sesión do Pleno, o/o Presidente/a abrirá unha quenda de rogos e preguntas sobre temas concretos de interese municipal entre o público asistente.

Corresponde ao/ao Presidente/a ordenar e pechar esta quenda.

Cada rogo ou pregunta deberá ser presentado por unha única persoa. No caso de corresponder a un colectivo, intervirá no seu nome e representación un único representante do mesmo.

Cada intervención terá unha duración máxima de tres minutos.

Non se permitirán expresións descalificatorias, ofensivas ou inxuriosas cara a persoas ou entidades, correspondendo ao/ao Presidente/a, no seu caso, a potestade de retirar o uso da palabra.

As intervencións faranse desde o escano cidadán, que será posto a disposición da veciñanza na primeira sesión plenaria na que se exercite o dereito de intervención.

O/o Presidente/a ordenará, no seu caso, as intervencións do Goberno e a oposición que se produzan á mantenta de cada unha das intervencións.