intervención da concelleira marga l. barreiro sobre zonificación escolar no pasado pleno do 22 de febreiro.

24 de Febreiro de 2017

Cando o PSdeG do concello de Vigo fala de zonificación, a Marea de Vigo, responde:

Na Marea de Vigo somos conscientes dos problemas que está xerando esta situación para moitas familias de Vigo.

Non é de xustiza que, por exemplo, que o Centro de Educación Infantil e Primaria Castelao, situado no barrio de Navia, deixe de estar adscrito ao IES Alexandre Bóveda, moi preto deste barrio, e pase a estar adscrito ao IES de Valadares situado moito máis lonxe, cando existen dous institutos de secundaria na contorna e ben próximos.

O que se está a facer é fortalecer o ensino privado fronte ao público, xa que con estas medidas aos nenas e nenos do ensino concertado facilítaselles estudar secundaria no propio barrio, mentres que o alumnado do ensino público debe viaxar preto de 20 quilómetros diarios.

Isto é similar ao que se fai na sanidade: podes operarte se aceptas que cho fagan nun centro privado, agora ben, se queres que te operen nun centro público, por exemplo dun xeonllo, non cho fan e aínda por riba penalízante baixándote ao fondo da lista, co cal, podes agardar un par de anos máis. Estas son as políticas dos concertos.

Pero temos que saber, señoras e señores do partido socialista, que estas medidas non só son froito das políticas do PP, pois o seu partido tamén é responsable da existencia dun extenso sector privado sostido con fondos públicos que segrega o alumnado segundo a súa procedencia socioeconómica e promove tamén unha división territorial da oferta educativa.

En decembro de 1985, José María Maraval Herrero, ministro de educación do goberno presidido polo Sr. González Márquez, publicou un Real Decreto polo que se aprobaba un Regulamento de Normas Básicas sobre Concertos Educativos. Este RD abriu a porta á proliferación indiscriminada de concertos polos que as administracións educativas se obrigaban a financiar, con partidas procedentes dos orzamentos, a creación e o funcionamento de centros privados, a maioría xestionados e dirixidos por ordes relixiosas. Naquel momento argumentaron que só se concederían concertos alí onde non houbese prazas públicas suficientes. Mais co paso do tempo concertáronse unidades en zonas nas que había unha oferta pública abonda. Crearon vostedes un instrumento, lexitimado coa súa orixe “socialista”, que sería utilizado polo PP para financiar centros privados, nalgúns casos promovidos por seitas ultraconservadoras e integristas, e que, en calquera caso, selecciona o alumnado pola procedencia socioeconómica.
A división é tamén territorial. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o ensino privado/ concertado, é amplamente maioritario nas zonas urbanas, mentres que o ensino público é maioritario no rural. Ninguén pon en dúbida que o Centro de Vigo é patrimonio do ensino concertado. Centros que na súa maioría son dirixidos por ordes relixiosas.
É evidente que a dupla rede pública /concertada, dificulta unha planificación correcta da oferta educativa ao tempo que, en moitos casos, implica duplicar gasto, financiándose unidades concertadas a carón de Centros Públicos onde existen postos escolares vacantes.
Por outra parte, os centros privados financiados con diñeiro público defenden os seus intereses particulares diante da administración educativa, representada neste caso polo xefe territorial de educación de Pontevedra, en contra das necesidades da rede pública, facendo imposible unha zonificación racional.

Tamén queremos manifestarlle ao grupo municipal do PSdG a nosa preocupación pola posibilidade de acordaren vostedes unha reforma da LOMCE coas dereitas segregadoras, elitistas e centralistas do PP e de Ciudadanos. Cómprenos unha lei educativa que aspire a facer real a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, que recoñeza o ensino público de calidade como un factor esencial na formación intelectual da maioría e na loita pola igualdade social e que recoñeza o carácter plurinacional do Estado Español . Esa lei á altura da democracia, da aspiración á igualdade e dos desafíos do tempo no que vivimos, só pode provir dun acordo no que as ideas de progreso social e igualdade teñan un peso determinante. Os posibles pactos aos que poida chegar a gran coalición PP-PSOE –Ciudadanos, só beneficiarán a minoría antisocial defensora das privatizacións, da segregación social e da desigualdade.

Outra das críticas que queremos facer ao PSdG é pola súa falta de compromiso co uso normal da nosa lingua. Un compromiso que fixera seu durante décadas o concello de Vigo. Foron e son milleiros as docentes e as familias que entenderon de xustiza promover o uso normal dunha lingua perseguida por séculos. Mais os esforzos neste senso foron a menos. Analice, Sr., alcalde, a súa actitude e cumpra coa obriga que as leis, desde o Estatuto de Autonomía ata as ordenanzas locais, lle atribúen. De certo que o fará en sintonía con miles de docentes que traballan na nosa cidade e con miles de familias veciñas de Vigo.