marea de vigo apoia as mobilizacións contra a lomce

9 de Marzo de 2017

Marea de Vigo apoia as mobilizacións e folgas do día 9 de marzo convocadas polo alumnado contra a LOMCE.

Marea de Vigo apoia rotundamente as mobilizacións convocadas neste día 9 de marzo. Aínda que o Congreso xa instou ao goberno a paralizar a LOMCE e buscar unha alternativa para a mesma, seguimos a ter unha lei de educación retrógrada que non garante os dereitos do alumnado; é por iso que Marea de Vigo quere amosar a súa absoluta repulsa ante a LOMCE e apoia ó alumnado galego que secunda as folgas este día.
Hoxe non só loitamos contra a LOMCE, tamén loitamos contra os recortes en educación que o goberno do Partido Popular vén aplicando na súa lexislatura a golpe de austeridade. Nós apostamos por unha educación pública, de calidade, onde o alumnado estude en igualdade de condicións; unha educación que non segregue nin discrimine. Querémoslle lembrar a este goberno, que a educación é un investimento e non un gasto.
Para Marea de Vigo, resulta inaceptable que nun estado aconfesional, a relixión sexa unha materia que contabilice para a nota media; así como a perda de peso das humanidades, tan importantes para formar unha cidadanía crítica que pense por si mesma.
Por todo isto, animamos e secundamos a folga e as mobilizacións do estudantado e esiximos ao goberno unha alternativa á LOMCE o antes posible; o alumnado non ten tempo para que solucionen os problemas que atinxen ao seu futuro próximo.