marea de vigo coas letras galegas

13 de Maio de 2017

O GALEGO. LINGUA PROPIA DE GALIZA

Os idiomas fórxanse ó longo dos séculos. Mestizaxe de culturas e comunidades que habitaron unha mesma xeografía. Un espazo convertido nun enorme crisol onde traballan mulleres e homes, de xeración en xeración, brazo con brazo, en man común.

As adversidades de cada período determinan a saúde dun idioma: a súa normalidade, resistencia ou substitución. O galego, o idioma propia de Galiza, chega deica o presente vivo pero acosado. Prexuízos, desprezos, tópicos, desigualdades, aldraxes, marxinacións… Este é o escenario histórico dun conflito lingüístico latexante nos nosos días.

Houbo quen se atreveron a falar de imposición lingüística. Como non se vai defender un modelo educativo que asuma o 50% das materias en galego, sobre todo cando se trata dunha lingua minorizada? Como non se vai esixir o coñecemento de galego na sanidade cando o paciente ten salvagardados os seus dereitos lingüísticos até pola mesma Constitución? Como non sei vai reclamar o dereito ao uso do galego e a oferta positiva na Administración se son os usuarios quen fan uso dun servizo público e o funcionariado son servidores públicos? Como non sei vai demandar unha Xustiza en galego cando neste país as porcentaxes nos rexistro notariais, pleitos ou actos xurídicos en lingua galega teñen índices míseros malia que existe un número destacado de monolingües en galego?

A Marea de Vigo confírmase na súa defensa integral da lingua de Galiza. Asúmea como propia e promóvea dentro dun amplo proceso de normalización onde participe a Administración e a sociedade civil. Por iso, no noso programa, xa reclamamos o cumprimento e desenvolvemento do Plan de dinamización lingüística aprobado pola corporación. Porque nós pensamos que o galego é unha das meirandes creacións do noso pobo, fabricado dende abaixo e dende o seu interior, nace del e para el. É a máis importante obra de arte milenaria que a nosa nación pode ofrecer ao mundo.

E en definitiva, como se pode impor a un pobo o que lle é propio? Como se pode impor aquilo que está recollido e aprobado por unanimidade na lexislación lingüística vixente? Como se pode impor cando nin se cumpren os mínimos recomendados pola Carta europea de linguas minoritarias?

A Marea de Vigo é consciente do seu rol dentro das instancias políticas (Concello) e a súa obriga de lembrarlle ao actual Goberno, constante no desinterese e na folclorización da lingua, de cumprir a actual lexislación lingüística ((Lei 3/1981 de normalización lingüística; Lei 5/1988 do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais; Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Vigo de 1988; Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias de 2004; Plan xeral de normalización da lingua galega 2004; Plan de dinamización lingüística do Concello de Vigo).

Cremos que o continuado incumprimento desta responsabilidade xera un clima no cal converte en violento o exercicio de reivindicar os nosos dereitos como galegofalantes, aínda estando sob o abeiro da propia lei. Este é o desprezo que existe contra o país e a súa xente, a cultura e lingua.

O galego é produto de ourives populares. Un código comunicativo que nos distingue no mundo (valor positivo da diversidade e multilingüismo) e que, á vez, nos permite o diálogo co ámbito da lusofonía. Esta é a contribución máis valiosa de Galiza ao acervo cultural do mundo.

Mais a normalización lingüística precisa dunha sociedade civil activa, consciente e crítica. Sen esta, a institución política e institucional quedan ao servizo das ocorrencias e oportunidades partidistas. Por este motivo, a cidadanía debe coñecer e exercer os seus dereitos como galegofalantes, en calquera ámbito da vida social, política, económica ou laboral.