o municipalismo galego diante da incautación do aforro dos concellos

4 de Agosto de 2020

image_2020-08-04_12-46-36

O MUNICIPALISMO GALEGO DIANTE DA INCAUTACIÓN DO AFORRO DOS CONCELLOS

Os concellos galegos, como administracións máis próximas á cidadanía, están a dar desde o primeiro
momento respostas desde o sector público á actual crise provocada pola COVID-19. A pesar dos constantes
ataques á autonomía municipal e o seu debilitamento, as entidades locais demostran ser a primeira trincheira
na loita contra as desigualdades e o espazo desde o que se desenvolveron nos últimos anos as políticas
transformadoras máis avanzadas, sempre e cando existiu vontade política para isto.

Hoxe máis ca nunca, nun contexto de crise, os concellos están obrigados a reforzar as súas políticas sociais,
axudar aos sectores económicos máis vulnerables e contribuír con políticas audaces ao cambio de modelo
que a emerxencia climática esixe. Para todo isto terán que destinar moitos recursos a ámbitos que non son da
súa estrita competencia e colaborar con outros niveis administrativos, algo que xa comezaron a facer sen que
os gobernos da Xunta e do Estado teñan habilitado fondos extraordinarios para os municipios.

Neste contexto, o aforro dos concellos debe servir para facerlle fronte dende a proximidade ás consecuencias
da pandemia da COVID-19, que lamentablemente están aínda lonxe de remitir. Deben usarse estes recursos
para que os gastos excepcionais que están a realizar as entidades locais non se traduzan nun desequilibrio
orzamentario. Esta idea aínda se reforza máis se temos en conta que a porcentaxe de débeda pública dos
concellos non chega ao 2% da débeda pública total do sector público en España.

No ámbito europeo, por fin se están a cuestionar as regras fiscais austericidas. O 20 de marzo, o presidente
da Comisión Europea anunciou a suspensión do Pacto de Estabilidade e Crecemento para que os países
puidesen gastar libremente segundo as súas necesidades. Era o momento de que o Goberno do Estado
afrontase con valentía a axenda municipalista e acometese a derrogación da normativa que afoga as
entidades locais, dándolles plenas capacidades de gasto e soberanía sobre os seus recursos.

Hoxe, no Estado español, os concellos seguen coas mans atadas pola Lei Montoro, aprobada polo goberno
do PP. Son as únicas administracións obrigadas a non endebedarse e a gastar menos do que ingresan.
Resulta desalentador que, no canto de camiñar cara á eliminación deste corsé normativo, profundicemos nas
trabas á autonomía e á capacidade económica municipal. As propostas presentadas polo Ministerio de
Facenda dende o 15 de xullo non van na dirección reclamada polo municipalismo nos últimos anos. Non só
non dan pasos firmes cara á derrogación ou reforma radical da Lei 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade
orzamentaria e sustentabilidade financeira, senón que propoñen converter os organismos locais nunha
especie de entidades financeiras para o Estado, entregándolle o seu aforro nun préstamo a devolver en dez
anos dende 2022.

O plan do Ministerio de Facenda, aprobado hoxe pola FEMP, pisotea as competencias municipais, adoece
dun marcado carácter centralista e supón un desprezo para o traballo dos concellos. Cuestiona o espírito do
artigo 140 da Constitución Española e rebenta a xa moi tocada autonomía municipal. Pretende tutelar os
concellos como se fosen menores de idade. Non hai escusa para coutar o gasto e o investimento locais
cando se trata de protexer ás persoas, sobre todo ás máis vulnerables. Non se pode gobernar de costas ás
administracións locais, que son as máis próximas á xente e as primeiras ás que se acode.

Non podemos admitir que o goberno español obrigue aos concellos a seren bancos para o Estado. Todo o
contrario, o que necesitamos é blindar a autonomía municipal e reforzar o seu financiamento, tanto desde os
fondos estatais como autonómicos e europeos, e cun marco financeiro estable que permita que as entidades
locais desenvolvan o seu traballo sen estaren supeditadas a negociacións ou acordos anuais que,
lamentablemente, sempre acaban por limitar a súa capacidade de maniobra. Acordos como o que vén de
acadarse, sen precedentes na administración pública e que axudará a que o Estado cadre as súas contas
ninguneando ás administracións locais.

O municipalismo galego sempre se mostrou contrario á chamada Lei Montoro e a que fosen os concellos os
que pagasen a factura dunha crise que non provocaran. En 2008, o Estado endebedouse para converter a
débeda privada en pública, e fíxoo trasladando o custo desa operación ás entidades locais, ás que aplicou
restricións orzamentarias e de contratación de persoal camufladas de control e estabilidade. É por isto que
seguimos reivindicando ao Estado a supresión da Lei de Racionalidade Orzamentaria e Sustentabilidade
Orzamentaria, coñecida como “Lei Montoro”, de maneira que se eliminen o teito de gasto e a taxa de
reposición do persoal das administracións municipais.

Por todo o anterior as candidaturas municipalistas galegas abaixo asinantes propomos:
1. Que o Goberno do Estado permita aos concellos o uso da totalidade do seu superávit do 2019,
así como os seus remanentes de tesouraría, e utilizar a capacidade de endebedamento
segundo a súa capacidade económica garantindo a solvencia financeira dos propios concellos
e que isto non sexa impedimento para acceder aos fondos estatais para paliar as
consecuencias da COVID-19.

2. A derrogación urxente dos artigos que afectan á autonomía local da LRSAL e a Lei de
Estabilidade Orzamentaria e eliminación da regra de gasto.

3. Transparentar o marco financeiro resultante dos orzamentos municipais do 2020 e seguintes
tendo en conta os acordos entre o Goberno español e a Federación Española de Municipios e
Provincias (FEMP) sobre o uso de remanentes de tesouraría.

4. Unha interlocución directa co Goberno central por parte da FEGAMP como representante dos
intereses dos concellos galegos e participación directa na definición e distribución dos fondos
europeos para lle facer fronte á crise da COVID19.

Marea Atlántica
Marea de Vigo
Compostela Aberta
Ferrol En Común
Alternativa Canguesa de Esquerdas
Sadamaioría
Son de Teo
Ribeiro en Común
Marea de Noia
Xuntos por As Pontes
Veciñanza de Cuntis
Unidade Veciñal de Dodro