os concelleiros da marea de vigo contra o bloqueo a cuba

11 de Abril de 2020

No momento actual de emerxencia sanitaria debido á pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2, urxe, máis ca nunca, esixir a fin do bloqueo criminal e inhumano que o goberno dos Estados Unidos, aínda nesta circunstancia mundial extraordinaria, mantén contra o pobo de Cuba.

Nestes momentos, o bloqueo estadounidense constitúe un impedimento fundamental para Cuba á hora de adquirir os medicamentos, equipos e materiais precisos para afrontar a pandemia, así como tamén dificulta as posibilidades de prestar e de recibir axuda internacional.

Ante esta situación, Rubén Pérez Correa e Oriana Méndez, concelleiros da Marea de Vigo, solidarizámonos co pobo de Cuba e alzamos a voz para esixir a fin do bloqueo de xeito inmediato e para sempre. Queremos tamén lembrar as palabras pronunciadas polo presidente Fidel Castro, en 1975, explicando a solidariedade de Cuba con Angola, que naquel momento loitaba pola súa independencia: “non buscamos ningún interese particular, só estamos cumprindo un elemental deber internacionalista cando axudamos ao pobo de Angola”.

A solidariedade internacionalista foi e é o principio que rexe as actuacións de Cuba no mundo. Vímolo no pasado e vémolo no presente, pois Cuba está poñendo o seu coñecemento científico e os seus recursos médicos ao servizo da humanidade nun enorme xesto de dignidade, de solidariedade e de amor pola vida.

Non será doado devolverlle a Cuba todo o coñecemento, dende o ámbito científico ata o ámbito artístico e cultural, que Cuba entregou ao mundo, pero si debemos e podemos esixir respecto para Cuba. Un respecto que comeza coa fin inmediata do bloqueo.

Vigo, 10 de abril de 2020.

(foto de AztecaAmerica | Reuters)