posición da marea de vigo ante o nomeamento da/o cronista oficial da cidade

12 de Marzo de 2017

A figura dos cronistas oficiais vén de vello en Vigo. Nicolás Taboada Leal foi o primeiro, a inicios do século XIX. A súa función era escribir a historia dunha cidade emerxente que viña de romper co pasado do Antigo Réxime e abríase paso no liberalismo progresista.

Dende entón houbo outros nomes senlleiros para os estudos historiográficos locais: Avelino Rodríguez Elías (cuxa obra sobre Vigo segue sen publicarse), Xosé María Álvarez Blázquez ou Lalo Vázquez Gil. Todos eles teñen demostrado un sólido currículo investigador con publicacións en revistas académicas ou monográficos.

Tras o recente nomeamento do Cronista Oficial da Cidade, Marea de Vigo considera que o proceso de proposta de nomes para ocupar este cargo honorífico deberá mudarse. Este nomeamento non pode depender da opinión particular dun alcalde. Non é representativo do Pleno. E, á vez, pode entenderse como un demérito para o cronista non contar publicamente coa aprobación deste cargo en Pleno, que é o órgano de representación democrática do pobo.

O cronista oficial de Vigo debe reunir unha talla intelectual constatada e un coñecemento pormenorizado da historia da cidade, a proposta tería que contar co aval de institucións académicas (locais e nacionais) que certifiquen o traballo rigoroso, académico e intelectual da persoa candidatada. Desta maneira, evitaríamos dúbidas ou sospeitas sobre a solvencia do futuro cronista.

No caso particular de Vigo e do xornalista Ceferino de Blas, cremos que é unha torpeza que o seu nomeamento sexa única e exclusivamente decidido polo Alcalde, nunha decisión unipersoal, sen escoitar a opinión dos grupos municipais e arrogándose un rol impropio do seu cargo.

Esta vontade personalista xera dúbidas sobre o propio candidato, pois o Alcalde asume as función propias dun Pleno, ao cal considera un órgano subalterno, e impide que se poña a debate os méritos e capacidades do futuro cronista, que neste intre nós non poñemos en discusión.

A Marea de Vigo non cuestiona a posibilidade de que Ceferino de Blas poida ser un candidato oportuno para ocupar o cargo de Cronista Oficial. Pola contra, si esiximos a posibilidade de discutir no Pleno esta proposta e termos a posibilidade de presentar o nome doutra persoa. Entón, a partir desta exposición poderemos cotexar os méritos e os currículos de todos eles. Desta maneira, non existirá ningunha sombra nin suporá un demérito para a persoa escollida.

Porén, a decisión do Alcalde sementa a dúbida pois o uso do “dedazo” é, loxicamente, unha forma impropia e antidemocrática que deita incertezas e xera opinión arredor dos intereses que ten o Alcalde ao actuar de maneira individualista. Incluso o Alcalde Abel Caballero converteu o propio nomeamento de Ceferino de Blas nun acto particular onde brillou pola súa ausencia unha exposición motivada e fundada dos méritos investigadores do cronista.

Por outra parte, a Marea de Vigo considera que o posto de cronista oficial de Vigo debería ser ocupado por unha persoa que, ademáis de ilustrarnos sobre a historia da nosa cidade, defenda a nosa lingua. O Cronista, como cargo honorífico ligado á Administración local de Galiza, debe respectar a lexislación lingüística. Neste sentido, tanto a do Concello de Vigo como a Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

A Marea de Vigo elaborará unha proposta para o proceso de nomeamento da persoa Cronista Oficial da cidade, que contará cos mecanismos necesarios para facer deste proceso un feito participativo, aberto e democrático.