proposta da marea de vigo: plan de choque municipal ante a crise do coronavirus

21 de Marzo de 2020

A pandemia de COVID-19 provocou unha situación excepcional de emerxencia sanitaria que esixe unha resposta colectiva tamén excepcional que nos permita saír xuntas e unidas, que non deixe a ninguén fóra.

Dende a Marea de Vigo, como xa temos expresado, estamos en plena disposición para a cooperación leal coas medidas tomadas polos distintos niveis da Administración para conter os contaxios e dar resposta á crise. Ao mesmo tempo, consideramos que é preciso poñer especial atención nas persoas e nos colectivos máis vulnerables, pois son quen corren un maior risco de saír perdendo, aínda máis, con esta crise, afondando na brecha da desigualdade.

Por iso, defendemos que o Concello de Vigo actúe como un escudo social que coide e protexa a toda a cidadanía, dentro das súas competencias, reforzando e non mermando dereitos. O Real Decreto-Lei aprobado polo Consello de Ministros abre a porta a que os Concellos dispoñan o seu superávit ao servizo dos fogares e das persoas que o precisan para saír desta con dignidade e con unidade.

É o momento de tecer rede, de facer do Concello de Vigo unha comunidade de solidariedade e apoio mutuo que non deixe a ninguén atrás porque desta só podemos saír entre todas.

1.- Máxima protección fronte ao contaxio

Esixir ás empresas concesionarias e subcontratas municipais que adopten protocolos de prevención e faciliten ao seu persoal medidas de protección axeitadas: Servizo de Atención a Domicilio, atención en rúa a persoas sen fogar, SEMUS, etc.

Paralización das obras públicas non esenciais, que non respondan a situacións de risco.

Visita da Polícia loca a todas as obras para verificar e precintar no caso de non cumprirse os criterios de seguridade e saúde laboral.

Visita da policía local a aquelas empresas nas que os traballadores teñan denunciado non dispoñer das medidas de seguridade e saúde laboral necesarias na medida das súas competencias.

2.- Plan de Choque Social – Atención ás persoas

Garantir o coidado de persoas maiores e dependentes a través do Servizo de Atención a Domicilio ante o peche dos centros de día.

Localizar e apoiar ás persoas maiores ou dependentes que viven soas, ampliando o rexistro de casos dos servizos sociais. Pode que non precisasen axuda en condicións normais, pero a súa situación é susceptible de empeorar durante a corentena.

Reforzo do CIM ante posibles situacións de emerxencia vinculadas co confinamento.

Habilitacion dun segundo albergue de emerxencia empregando dependencias municipais ou análogas.

Seguimento dos casos rexistrados de mulleres vítimas de violencia de xénero que poidan estar a convivir co seu maltratador. É preciso garantir a súa seguridade durante o confinamento.

Convocar ás entidades sociosanitarias que están a prestar atención para crear sinerxías, especialmente coas que traballan no eido do senfogarismo.

Asegurar e garantir a adquisición polo Concello de alimentos e outros produtos de primeira necesidade con destino aos servizos sociais.

3. Plan de Choque Social – Medidas económicas:

Aumentar inmediatamente, mediante modificación de crédito, o fondo de axudas municipais de emerxencia e axilizar a xestión telefónica permitindo, de xeito excepcional, a flexibilidade nos criterios administrativos especialmente para as familias que non eran usuarias dos servicios sociais e que, nesta situación de excepcionalidade, teñen que solicitar axuda.

Garantir o comedor escolar aos nenos e nenas becados ao longo do curso escolar actual e a familias en risco agora pola crise.

Manter os contratos de prestación de servizos e xestión indirecta de instalacións municipais, evitando que as empresas concesionarias executen despidos no seu persoal.

Impulso dun modificativo de crédito para incorporar o superávit de 2019 e prescindir de gasto non necesario para facer fronte á emerxencia.

Estudo e elaboración dun plan de exencións en tributos locais para o conxunto da cidadanía, incluíndo autónomos e autónomas, comercios e empresas.

4. Coordinación e xestión:

Uso de ferramentas informáticas para mellorar a coordinación. Creación dun cadro de mando que reúna toda a información necesaria para xestionar a emerxencia sanitaria, dispoñer de información en tempo real e coordinar os servizos municipais e ao voluntariado.

Impulso dunha mesa de diálogo con todos os grupos municipais e os principais axentes sociais e económicos da cidade, dende os sindicatos até as organizacións empresariais e o comercio local, para abordar a saída desta crise.