proposta de declaración institucional polo día do orgullo lgtbi.

26 de Xuño de 2020

Os Dereitos Fundamentais que se substancian na igualdade ante a lei -sen que poida prevalecer discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal- e tamén no dereito ao libre desenvolvemento da personalidade -sempre que non se vulneren os dereitos doutra persoa- están recollidos no ordenamento xurídico do Estado español. Polo tanto, de acordo estes Dereitos Fundamentais, é obriga das Administracións e dos poderes públicos velar polo seu cumprimento e garantir, pois, que non se produce discriminación de ningún colectivo cidadán, entre eles, as persoas LGTBI.

Malia o moito que, indubidablemente, temos avanzado nos últimos tempos en materia de políticas de igualdade que favorecen a integración, visibilización e, en definitiva, normalización das persoas LGTBI, aínda nos atopamos nun marco no que os delitos de odio e o acoso por LGTBIfobia teñen unha presenza, e incluso repunte, preocupante.

Os movementos sociais permanecen vixiantes ante os continuos novos casos de discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, combaténdoos mediante a pedagoxía e a atención ás necesidades das persoas LGTBI e das súas familias, incluso redactando Leis que presentan nas Comunidades Autónomas ou que levan ao Congreso dos Deputados. Deste xeito, inténtase paliar a escalada de agresións e continuar o traballo inesgotable de visibilizar e normalizar a existencia das persoas LGTBI; persoas cara ás que aínda existe un fondo rexeitamento social que se manifesta de distintas formas afondando na división dunha cidadanía de primeira e dunha cidadanía de segunda.

O acoso laboral por orientación sexual, a exclusión do mercado laboral ás persoas transexuais, as agresións físicas e psicolóxicas ás que demasiadas persoas LGTBI se teñen que enfrontar practicamente a diario, son algúns exemplos de situacións que se padecen día a día e que, ademais, todas coñecemos.

Estamos convencidas de que o traballo debe fluír entre as asociacións e as institucións, deben colaborar asumindo as súas responsabilidades e traballar, conxuntamente, co obxectivo de erradicar calquera tipo de discriminación. Ao Concello de Vigo, pois, correspóndelle dispor dos recursos necesarios para facer da nosa unha cidade máis igualitaria e xusta, fundamentada no respecto á diversidade.

Polo exposto, a Corporación Municipal de Vigo comprométese a defender os dereitos das persoas LGTBI e dar cumprimento efectivo a medidas concretas que garantan a igualdade de trato a gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e intersexuais. Medidas que contemplan a creación dunha área específica LGTBI con dotación orzamentaria e persoal, a fin de poder desenvolver e aplicar, no ámbito das competencias municipais, todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, así como a creación dun Plan de Diversidades Sexuais no ámbito do municipio, coa finalidade de deseñar, de xeito planificado e estruturado, unha metodoloxía para erradicar calquera tipo de LGTBfobia da nosa sociedade, tanto no ámbito escolar, coma no familiar, laboral e social.