propostas para ser introducidas nas ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio orzamentario 2016
Por Marea de Vigo


PROPOSTAS PARA SER INTRODUCIDAS NAS ORDENANZAS FISCAIS PARA O VINDEIRO EXERCICIO ORZAMENTARIO 2016
A proposta de ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio orzamentario de 2016 teñen que combinar para o Grupo Municipal da Marea de Vigo dous requisitos: a esixencia de aumentar a atención as situacións de necesidade derivadas da actual crise económica que continúa a perpetuarse na cidade de Vigo cun moi grave problema de desemprego, e asemade a necesidade de que o concello conte cos recursos económicos suficientes para atender os servizos que presta á veciñanza.
Marea de Vigo é consciente do marxe limitado dos concellos para decidir políticas fiscais pero existen análogamente marxes para decidir que fiscalidade se quere aplicar, dende a definición do tipo impositivo do IBI, as bonificacións, tributos e tasas propias e mesmo a través do gasto no orzamento.
O Grupo Municipal de Marea de Vigo considera que no contexto actual hai que acentuar as políticas fiscais que reduzan a carga impositiva ás e ós traballadores que se atopan na situación de desemprego ou precaridade e hai que pór o acento en dotar da meirande progresividade fiscal aos tributos municipais nos que é posible legalmente facelo.
Por este motivo o Grupo Municipal da Marea de Vigo non entende a aplicación xeneralizada da suba do IPC nun 1,1% (calculado pola media do mesmo entre abril de 2012 e abril de 2015) nun contexto no que o IPC anunciado para abril de 2015 é do 0,2%. Unha suba moi por debaixo dos incrementos mediais salariais por negociación colectiva que apenas chegan ao 0,74%. E non entendemos esta suba agora, no primeiro exercicio despois do proceso electoral de maio despois de anos de conxelación, curiosamente nos exercicios previos ás eleccións municipais. A situación económica na nosa cidade non é mellor que en 2013 ou 2014 para argumentar agora esa suba nin antes a conxelación por intereses exclusivamente electorais.
Marea de Vigo saúda que se corrixa a grave situación, expresada dende fai meses en varias denuncias a través do rexistro xeral do Concello, dos embargos por impagos de impostos en contas de persoas receptoras de axudas sociais ou sen ingresos pero segue a considerar que existe unha situación permantente de falla de resposta municipal ante as emerxencias sociais no ámbito da política fiscal. Esperamos que as modificacións nas ordenanzas corrixan definitivamente este agravio.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo, consonte ó exposto, achega as seguintes propostas para conquerir unha mellora na actual proposta de ordenanzas fiscais para 2016:
Primeira.-
Non aplicar a suba do IPC proposto do 1,1% no 2016 e aplicar progresivamente incrementos a partir 2017 en base a un criterio exclusivamente de renda, e nunca por enriba do IPC que se publique nese ano e sucesivos, quedando en todos os exercicios exentas da suba as rendas inferiores ao SMI.
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón na Ordenanza Fiscal Xeral que se contemple a figura do aprazamento sine die nos pagos fraccionados da débeda no entanto o suxeito pasivo acredite atoparse no desemprego ou non percibir ingresos superiores ao SMI.
Segunda.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón que, en todas as ordenanzas fiscais que o permitan legalmente, se introduza a progresividade mediante un índice corrector do pago que atenda á renda per capita da unidade familiar. Como proposta de traballo propoñemos o criterio de baremacion por valor catastral da vivenda e o número de fillos.
Terceira.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón que, en todas as ordenanzas fiscais nas que sexa legal facelo, se contemple un tratamento impositivo favorable para as unidades familiares monoparentais en razón da súa problemática específica. Sen ánimo de exhaustividade, incorporar a figura das unidades familiares monoparentais como suxeitas beneficiarias da mesma bonificación que as familias numerosas, segundo se recolle no artigo 6 da ordenanza fiscal número 2.
Cuarta.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón que se exima do pago das copias de documentación que obre en poder do concello (planos, informes, etc. ) ás entidades que consten inscritas no rexistro de asociacións do concello e non teñan ánimo de lucro.
Quinta.-
O Grupo Municipal propón un artigo novo na ordenanza fiscal número 2, regulamentadora do imposto sobre bens inmobles, que grave as vivendas baleiras desocupadas propiedade de entidades de crédito cun incremento no IBI do 50%, aproveitando a posibilidade que neste sentido recolle a Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003.
Non aplicar a exención do IBI aos bens inmobles propiedade da igrexa e non destinados ao culto.
Non considerar o novo hospital Álvaro Cunqueiro titularidade íntegra do SERGAS e polo tanto non aplicar a bonificación do IBI correspondente.
Sexta.-
Do mesmo xeito propón un sistema de bonificación do 50% da cota para as vivendas (excepto das de nova construcción) que instalaran sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar para autoconsumo sempre e cando a instalación seña realizada polo suxeito pasivo con carácter voluntario e non responda a obligacións derivadas da normativa vixente.
Setima.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón penalizar aos propietarios de solares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar e, rebaixar o límite do valor catastral para poderen ser gravados, até co dobre da cota do IBI.
Oitava.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón penalizar aos propietarios que non conserven ós seus inmobles e provoquen a posterior declaración de ruína duplicando a taxa de declaración de ruína cando é o propietario quen a promove.
Novena.-
O Grupo Municipal de Marea de Vigo propón o establecemento dunha exención total, na ordenanza número 52, pola utilización de instalacións deportiva, a todas as asociacións deportivas que traballen con menores de idade e que estean radicadas en Vigo, ao obxecto de fomentar o deporte de base no noso concello.