suxestións ao contido do borrador do pxom e ao documento inicial estratéxico

10 de Agosto de 2020

SUXESTIÓN 1: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO 1) 1.2 VIGO METROPOLITANO
Os datos de poboación sobre os que traballa o borrador proposto toman como referencia os datos poboacionais de Vigo e dos municipios da contorna ate 2011, co argumento de que son os datos máis actualizados do INE.
Propoñemos a actualización dos mesmos en base as cifras máis reais, tanto para o termo municipal de Vigo como os do resto da área metropolitana en base os datos proporcionados polo Real Decreto que declara oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2019: (Real Decreto 743/2019, de 20 de decembro), que é o último publicado.
SUXESTIÓN 2: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO 1) 3. VALORACIÓN DO MEDIO NATURAL. 3.1 PATRIMONIO NATURAL E BIODIVERSIDADE
Na páxina 103 e 104 faise referencia a diferentes ámbitos dentro do Plan de Conservación da Píllara das dunas (Charadius alexandrinus L.) en Galicia. Tal e como teñen informado diversas asociacións ecoloxistas, incluída a Asociación Fontaíña que anualmente fai un censo de aves mariñas nas praias viguesas, propoñemos incluír nese listado de ÁREAS DE DISTRIBUCIÓN POTENCIAL as praias de Foz e A Calzoa, onde foi avistada en numerosas ocasións esta especie a protexer.

 

SUXESTIÓN 3: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO 1) 3. VALORACIÓN DO MEDIO NATURAL. 3.1.5 ÁREAS ESTRATÉXICAS DE CONSERVACIÓN
Ao citarse como ÁREAS ESTRATÉXICAS DE CONSERVACIÓN a delimitación como Espazo Natural de Interese local o Complexo duna e areal do BAO-Baluarte
PROPOÑEMOS se considere a súa ampliación a toda a desembocadura do Lagares xa que se ben a aprobación do Plan de conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte base a Lei galega 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza (LCN), é sen dúbida un logro por tratarse dun espazo de gran riqueza faunística e vexetal pero que ten unha alta presión urbanística e turística que teñen agredido sensiblemente a zona nos últimos anos. A proposta de ampliación formúlase co fin de dar maior extensión ao ENIL e aumentar os precedentes de conservación que permitan nun futuro unha declaración global de LIC de toda a Xunqueira e desembocadura do Lagares e os complexos dunares do Vao. Unha AMPLIACIÓN DO LIC QUE INCLÚA AS PRAIAIS DE FONTAÍÑA, FACHIÑO, CALZOA E FOZ e que permitan polo tanto tamén a súa conservación como espazo natural de interese local, especialmente para paliar os graves impactos ambientais que a habilitación da Praia da Calzoa como Praia de esparcemento canino está a provocar. A actual extensión da proposta de ENIL, cunha lonxitude de 780 metros lineais a carón do Mar e repartindo o total de 114.024 m2 nunha ZONA DE PROTECCIÓN de 14.975 m2, nunha ZONA DE AMORTECENTO de 25.388 m2, nunha ZONA DE USO MODERADO de 64.761 m2 e unha ZONA DE USO XERAL de 8.900 m2 deixa fora os arenais de FONTAÍÑA, FACHIÑO, CALZOA e FOZ, complexos naturais donde sería perfectamente ampliable a declaración tamén de ENIL cun grado de ZONA DE PROTECCIÓN específico aproveitando ademais a súa inclusión no PLAN DE MELLORA AMBIENTAL DO VAO que figura no PXOM vixente actualmente (o do ano 1993).

 

SUXESTIÓN 4: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO 1) 3. VALORACIÓN DO MEDIO NATURAL. 3.2.4 VALORES PAISAXÍSTICOS
Propoñemos que o Río Lagares sexa considerado ÁMBITO ESPECIAL DE ATENCIÓN PAISAXÍSTICA non só no treito urbano e periurbano senón tamén se faga mención a súa desembocadura (páxina 152)
SUXESTIÓN 5: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO 1) 3. VALORACIÓN DO MEDIO NATURAL. 3.3 PATRIMONIO CULTURAL
En 2006 aprobouse definitivamente o PEPRI do Casco Vello considerando o ámbito coñecido como A Panificadora como un área sometida a convenio urbanístico dentro do PEPRI do Casco Vello. A pesar de que non está catalogada como BEN DE INTERESE CULTURAL propoñemos que se mencione a Panificadora, se considere como un elemento de interese arquitectónico e histórico a conservar xa que actualmente prohíbese de xeito claro a alteración de calquera elemento senlleiro nos desenvolvementos urbanísticos que se propoñan. Actualmente hai un concurso de ideas arquitectónico celebrado e cunha proposta gañadora de rehabilitación do espazo que leva parello a redacción da modificación do PEPRI do Casco Vello nese ámbito pero que a día de hoxe non está rematada nin hai un prazo para telo feito.
Do mesmo xeito propoñemos un nivel de protección acorde ao Pepri Casco Vello a todo o entorno da rúa Elduayen e Alfonso XII evitando a concreción dun túnel como está proxectado e buscando alternativas sostibles de peonalización.
SUXESTIÓN 6: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 6. OS SISTEMAS DE SOPORTE. SISTEMA DE INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓNS. 6.1 A REDE VIARIA. ACCESO Á CIDADE. CONEXIÓN CO CONTORNO METROPOLITANO
No actual deseño e desenvolvemento da rede viaria interior da cidade hai moitas situacións de indefinición sobre titularidade de diversos viais, cesións por parte de veciños e veciñas de retranqueos, etc.
PROPOÑEMOS que se cite de xeito explícito a necesidade urxente da actualización do INVENTARIO MUNICIPAL DE VIAIS que clarifique as diferentes casuísticas.

 

SUXESTIÓN 7: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 6. OS SISTEMAS DE SOPORTE. SISTEMA DE INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓNS. 6.1 A REDE VIARIA. ACCESO Á CIDADE. CONEXIÓN CO CONTORNO METROPOLITANO. 6.1.2 Características físicas e funcionais
Con respecto ás estradas de acceso que son de titularidade supramunicipal e especialmente no tocante a AP-9 ao seu paso polo térmo municipal no barrio de Teis, a pesar da consideración que se fai de niveis de tráfico con IMDs inferiores a 45.000 vehículos o certo é que o tráfico continuo obriga a que se considere a necesidade da instalación de barreiras sonoras que illen o ruído do tráfico nas vivendas colindantes en canto non se concrete a conversión en vía urbana do último treito da autoestrada dende Torres de Padín. Consideramos que debe figurar esta mención na caracterización que se realiza desta vía.

 

SUXESTIÓN 8: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 6. OS SISTEMAS DE SOPORTE. SISTEMA DE INFRAESTRUCTURAS DE COMUNICACIÓNS. 6.3 TRANSPORTE PÚBLICO. URBANO E METROPOLITANO. INTERMODALIDADE
Na páxina 314 asevérase que a concesión de VITRASA remata en 2020 e o Concello traballa na redacción dun novo prego.
Propoñemos, ante o feito de que finalmente o Concello de Vigo optara pola ampliación en 5 anos máis a actual concesión e polo tanto non hai posibilidade de modificar condicións económicas do contrato e un novo deseño de liñas con outra concepción do transporte figure neste apartado o seguinte: “Que a necesidade de adaptar o contrato de transporte público á nova realidade de intermodalidade do transporte público urbano de viaxeiros obriga a redactar un novo prego e realizar estudos serios de viabilidade económica e modelo de xestión, de necesidades de modificación do actual sistema de liñas e de novos servizos complementarios”.

 

SUXESTIÓN 9: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 6. OS SISTEMAS DE SOPORTE. SISTEMA DE INFRAESTRUCTURAS DE COMUNICACIÓNS. 6.4 SISTEMA FERROVIARIO.
Co desastre do Prestige no ano 2002 artellouse un programa ambicioso de investimentos que foi coñecido como PLAN GALICIA. Unha gran parte deste investimento proxectado foi destinado á construción do AVE Madrid-Galicia con un prazo de execución que non debía de ir máis aló do 2009 (7 anos). Pasaron xa máis de 18 anos e a conexión de Vigo co sistema de velocidades ferroviarias altas é inexistente. A situación actual que amosa o desenvolvemento do Eixo Atlántico (ate de agora non pode considerarse de Alta Velocidade nin polas velocidades medias nin polos sistemas de electrificación de vías) é a de un proxecto por completar. O eixo Ferrol-Fronteira Portuguesa finaliza en Vigo. Non hai alta velocidade entre Vigo e Compostela, tampouco entre Vigo e Pontevedra e polo tanto non a hai entre Vigo e o entronque co futuro trazado por Cerdedo. Finaliza o eixo en Vigo cunha estación provisional en Urzaiz que soterrou as vías nunha estación de “FONDO DE SACO” (a única destas características no mundo), inoperativa para a cidade e inxustificable polo investimento que supuxo o soterramento e a perforación dos dous tubos no túnel de “As Maceiras”.
Esta situación non só non permite senón que impide a vertebración da zona sur de Pontevedra e máis aínda a conexión con Portugal xa que é obrigado o transbordo de estación, e dende a estación de Guixar para garantir a continuidade da viaxe.
PROPOÑEMOS POLO TANTO: Que se deixe claro que a VARIANTE DE CERDEDO segue atrapada nun trámite hidrolóxico eterno e que para Vigo debe ser prioritaria a saída sur que, con algo menos de 300 millóns de euros, si que garante a conexión directa con Portugal e, a máis, o desenvolvemento da AREA METROPOLITANA facilitando a conexión por Vigo dende o Barbanza e Arousa ate o Condado e o Baixo Miño, dando servizo rápido e de calidade a polígonos industriais como o de As Gándaras, acceso rápido ao Hospital Álvaro Cunqueiro e garantindo a seguridade na circulación ferroviaria en toda a área metropolitana suprimindo pasos a nivel como é o de O Porriño –colo de botella ferroviario histórico-. Todo isto para reclamar, a posteriori, nesta zona sur de Galicia, trens de proximidade, compatibles por esta línea coas velocidades altas, que poden ter frecuencias e tempos de viaxe, de extremo a extremo, non superiores á media hora e que son socialmente moito máis rendibles e necesarios para a nosa comarca.
Rematar a estación de Urzáiz, que tal e como está non é operativa para recibir o AVE e rematar os 12 Km. da saída sur o que permitirá vertebrar a nosa bisbarra e dar servizo ferroviario a toda a área metropolitana ademais de garantir a conexión directa con Portugal.
É incuestionable que hoxe en día non se dan as condicións para a chegada de trens por Alta Velocidade dende Madrid ata Vigo. Non hai garantías ademais de telo a curto prazo se a única aposta ferroviaria é a variante de Cerdedo (80% do trazado en túnel ou viaduto e con máis de 1400 millóns de euros de investimento público a consignar nos orzamentos do estado).
PROPOÑEMOS QUE FIGURE como opción do futuro deseño ferroviario a posibilidade de establecer tempos de viaxe competitivos con Ourense, onde pode dicirse hoxe que empeza a alta velocidade galega, con melloras e cambios de trazado na actual vía do Miño infrautilizada.

 

SUXESTIÓN 10: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 6. OS SISTEMAS DE SOPORTE. SISTEMA DE INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓNS. 6.5 SISTEMA PORTUARIO.
Na páxina 326 o documento fai referencia ao PLAN ESTRATÉXICO do Porto de Vigo, documento que ven elaborándose dende 2016 e cun primeiro borrador feito en 2018. Este documento non é máis que un documento interno da Autoridade Portuaria carente de validez algunha a efectos legais e administrativos, por canto non ten sido sometido aos necesarios trámites procedimentais que avalen a súa lexitimidade, validez e legalidade. Non é máis que un documento publicitario da APV. O que non se cita, na contra, son outros documentos absolutamente necesarios para o presente e futuro desenvolvemento das infraestruturas portuarias do Porto de Vigo: A Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUPPV)- (actualmente anulado por sentenza xudicial) e que cuxa aprobación é a que permita desenvolver Instrumentos de planificación do Porto, o Plan Especial de Ordenación Urbanística, o Plan Estratéxico e o Plan Director de Infraestruturas.
A xerarquía e prevalencia do DEUP sobre os outros instrumentos de planificación portuaria está claramente establecida no Texto Refundido da Lei de portos do Estado e da Mariña Mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, onde di (artigo 56. 1. a), segundo parágrafo): “Antes da formulación do Plan especial ou instrumento equivalente que ordena a área de servizo dun porto, debe delimitarse aprobando a delimitación de os Espazos e Usos do Porto no devandito Porto”

POLO TANTO PROPOÑEMOS SE MENCIONE A EXTREMADA URXENCIA DE DISPOÑER XA de DEUPPV e de Plan Especial de Ordenación da Zona de Servizo do Porto de Vigo.

 

SUXESTIÓN 11: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 7. O SISTEMA XERAL DE INFRAESTRUTURAS BÁSICA. 7.1 ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE.
No documento faise referencia ao AVANCE DO PLAN DIRECTOR DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE DE VIGO, na súa maioría construído en base á información subministrada pola empresa que actualmente presta o servizo de xeito concesionado na cidade.
Non se fai mención pola contra á contratación en data recente (febreiro de 2020) por parte do Concello de Vigo dun servizo de consultoría e asistencia técnica para o “Estudo e análise técnica das infraestruturas e servizos vinculados á rede de abastecemento e saneamento do Concello de Vigo” e que está actualmente en elaboración. Este informe, que avaliaría o estado das redes, investimentos necesarios, ect… avalía os seguintes aspectos: estado actual da rede, melloras, análise das unidades de consumo, análise da poboación e padrón de aboados, análise de caudais, e a análise da xestión do servizo toda vez que remata en 2020 o contrato de abastecemento e saneamento subscrito con Aqualia.
SUXESTIÓN 12: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 7. O SISTEMA XERAL DE INFRAESTRUTURAS BÁSICA. 7.1 ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE.
Do mesmo xeito non se cita que finalmente o Concello de Vigo terá que adaptar a tarificación actual do servizo de abastecemento de auga potable ao desenvolvemento regulamentario do mandato legal disposto no artigo 12 da Lei 9/2019, de 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia que obriga á adaptación da Ordenanza reguladora vixente de forma que “diferenciará os tramos en función da auga consumida”, e todo isto, “sen prexuízo da existencia dunha cantidade fixa polo feito da prestación do servizo”. Esto ten un efecto importante nas pautas de consumo de auga na cidade e poden ser unha oportunidade para artellar políticas de consumo responsable.

 

SUXESTIÓN 13: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 7. O SISTEMA XERAL DE INFRAESTRUTURAS BÁSICA. 7.4 REDES DE TELECOMUNICACIÓNS
Sobre a ampliación da rede de telecomunicacións na periferia da cidade PROPOÑEMOS engadir a consideración do establecido na lei 9/2017 do 10 de maio de Telecomunicacións xa que, aínda sendo o Ministerio o competente para a utilización do dominio público radioeléctrico as competencias para a protección da legalidade urbanística son municipais para evitar a proliferación de infraestruturas de comunicacións sen licenza municipal, como ocorre con algunhas infraestruturas de recente construción como a colocada na rúa Ramón dos Pinos por Amena Retevisión Móvil.

 

SUXESTIÓN 14: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 8. O SISTEMA DE EQUIPAMENTOS E ZONAS LIBRES.
Ante as eivas que o propio documento introduce en canto a equipamentos educativos, socioculturais, oferta de ensino público, etc… e especialmente a distribución dos mesmos entre as diferentes parroquias e barrios, CONSIDERAMOS NECESARIO facer mención a que o PXOM incorpore unha proposta de plan de dotacións e equipamentos que tome como referencia as delimitacións distritais formalmente (aínda que non legalmente) existentes. Que exista unha distribución equitativa entre os 9 distritos da cidade para evitar as diferenciacións que o propio equipo redactor do PXOM recoñece no documento.

 

SUXESTIÓN 15: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO II) 8. O SISTEMA DE EQUIPAMENTOS E ZONAS LIBRES. 8.4 DIAGNOSE E AVALIACIÓN DE DÉCIFITS
A ampliación de zonas verdes e espazos libres nun, cando menos 62%, para dar acubillo á superficie residencial xa existente, supón un dos grandes retos deste PXOM. So temos 1,45 millóns de metros sendo necesarios entre 2,2 e 2,5 millóns de metros cadrados para cumprir o legalmente establecido.
PROPOÑEMOS A CONCRECIÓN DUN PLAN ESPECIAL DE ESPAZOS LIBRES E ZONAS VERDES con vixencia e desenvolvemento calendarizado durante a vixencia do PXOM, evitando que se indiquen en plano e finalmente non se desenvolvan estas actuacións na cidade. O plan debería contar cun Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade que permita levar a cabo unha planificación global e así preservar, mellorar e potenciar o patrimonio natural e a biodiversidade da cidade de Vigo. Sería un plan que permitira encaixar na visión estratéxica da cidade a planificación da súa infraestrutura verde urbana así como os seus servizos ecosistémicos.

 

SUXESTIÓN 16: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO III) 12. AVALIACIÓN DAS DETERMINACIONS ESTABLECIDAS POLOS INSTRUMENTOS, INICIATIVAS E POLÍTICAS SECTORIAIS. PLAN SECTORIAL EÓLICO DE GALICIA
Se ben é certo que na documentación do Plan Sectorial Eólico de Galicia na documentación gráfica aparece grafado un rectángulo como SERRA DO GALIÑEIRO 20MW a realidade é que este plan atópase parado polo que propoñemos se indique que:
O Concello de Vigo ten manifestado a súa oposición a este proxecto e o Concello de Gondomar ademais de solicitar a información urbanística sobre o mesmo proxecta unha ampliación do Parque Natural do Monte Aloia que podería afectar de xeito definitivo ao proxecto de parque eólico.

 

SUXESTIÓN 17: MEMORIA INFORMATIVA (TOMO III) 15. ANÁLISE DAS NECESIDADES DE VIVENDA E SOLO PARA ACTIVIDADES PRODUTIVAS
O documento recoñece 15.125 vivendas baleiras que polo seu estado poderían ser susceptibles de ser ocupadas (10,53%) do parque. Consideramos que hai en marcha políticas activas de mobilización de este parque que non fan supoñer a non saída ao mercado de venda ou alugueiro que sostén o documento.
Actualmente o Plan estatal de vivenda 2018 – 2021 establece axudas especialmente dentro de tres dos nove programas que se puxeron en marcha. Programa 5: Fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade nas casas Programa 6: Fomento da conservación, mellora da seguridade e accesibilidade nos fogares. Programa 7: Fomento da rexeneración e renovación urbana e rural. Dentro do plan, hai outros programas dirixidos a promover o alugueiro, axudar á mocidade e minimizar o risco de desafiuzamento e que xestiona directamente a comunidade autónoma.

 

SUXESTIÓN 18: MEMORIA XUSTIFICATIVA
Trátase de recuperar a escala dun desenvolvemento posible que priorice as opcións da estratexia de actuación cara a retomar o concepto de cidade continua, complexa e integrada que non aposta polo crecemento ilimitado como motor do seu desenvolvemento e que devolva o papel directivo á política municipal. O principio de preservación e de desenvolvemento sostible, coa experiencia xerada nos últimos anos neste campo, deben ser eixes reitores dunha nova estratexia urbanística transversal baseada na multifuncionalidade e nunha regulación flexible que posibilite a rápida administración dos cambios de tendencia que un instrumento que se pretende de vixencia indefinida debe experimentar, e todo isto sobre a formulación dunha estrutura xeral e orgánica clara, eficiente e que integre as diferentes realidades do territorio municipal.

 

SUXESTIÓN 19: MEMORIA XUSTIFICATIVA. 2.2 DEFINICIÓN DOS OBXECTIVOS DE ORDENACIÓN
No documento establécense as oportunidades no marco da Rexión Urbana da existencia no contorno metropolitano multirecursos que pode “servir para a consolidación dos espazos de actividade metropolitana existentes no ámbito municipal”, como son o eixe Campus Universitario-Parque Tecnolóxico-Novo Hospital, os nodos de actividades empresariais de A Pasaxe e Puxeiros, ou o espazo de actividades dotacionais e de servizos que comeza a emerxer no ámbito do Gorxal-Meixoeiro-Baruxáns”
PROPOÑEMOS que se aclare de xeito evidente que a ampliación proxectada no Polígono da Pasaxe (so existe a ordenación actual do ámbito existente aprobada recentemente) non existe no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, e que máis aló do anuncio de Zona Franca e Concello, a ampliación cara a superficie habitada eliminando zona verde e vivenda preexistente non está documentada en ningún proxecto concreto (só hai RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2011 pola que se fan públicas a aprobación definitiva e as disposicións normativas do proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe nos concellos de Gondomar e Vigo, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de maio de 2011).
Tal e como recolle o propio documento hai que explorar a rexeneración de áreas industriais ociosas (terreos de Álvarez en Lavadores e Coruxo por exemplo) ou mesmo solucións metropolitanas antes de gañar terreo industrial a costa do espazo habitado da cidade.

 

SUXESTIÓN 20: MEMORIA XUSTIFICATIVA
O documento considera central o desenvolvemento da “directriz de desenvolvemento leste-oeste onde cobra singular importancia o curso do río Lagares como charnela entre a cidade consolidada e densa e un territorio que, a pesar de estar fortemente comprometido pola dispersión edificatoria, mantén trazos e tramas de singular interese.”
PROPOÑEMOS que ese desenvolvemento vaia parello ao recoñecemento ambiental do percurso do río, recuperando o Plan especial de rexeneración do corredor natural do río Lagares.
Este plan (adscrito ao PXOM do 93 actualmente vixente) está sen completar e diversas actuacións nas beiras do río, con respecto a actuacións urbanísticas lindantes, non se incorporan de xeito claro ao contido de este documento. Este Plan de rexeneración do corredor natural do río Lagares, “propón a protección do bosque de ribeira, a plantación de especies autóctonas, a realización de traballos de limpeza no leito do río, a osixenación das súas augas …” Se ben algunhas actuacións se levaron adiante aínda quedan varias infraestruturas e decisións importantes por abordar.
O documento de referencia pode consultarse en:
https://xmu.vigo.org/docs/planeamento/PlaneamientoEspecial/PE%20RIO%20LAGARES/MEMORIA/NORMATIVA.pdf
SUXESTIÓN 21: MEMORIA XUSTIFICATIVA. 2.2. DEFINICIÓN DOS OBXECTIVOS DE ORDENACIÓN
Compartimos a proposta de abordar o solo industrial dende unha perspectiva metropolitana, pero iso obrigaría para nós a repensar de xeito evidente algunhas das actuacións empresariais previstas que non responden á intencionalidade principal que se establece no solo industrial da cidade de “acoller a industrias e servizos máis tecnolóxicos e funcionalmente imprescindibles por razóns da proximidade que demandan as cadeas establecidas”
Con respecto a Ampliación anunciada por Concello de Vigo e Zona Franca do Polígono de A Pasaxe o certo é que este NON FIGURA nas previsións do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia e a demanda deste solo perfectamente tería encaixe na reordenación do Polígono de Balaídos, ou mesmo na rexeneración de espazos industriais dentro na trama urbana como as antigas instalacións de Álvarez ou o espazo portuario desafectado de Beiramar.

 

SUXESTIÓN 22: MEMORIA XUSTIFICATIVA. 3. CLASES E CATEGORÍAS DE SOLO. CRITERIOS DE DELIMITACIÓN
O documento di claramente que “para o solo urbano as determinacións seguen a ser a caracterización urbanística dos servizos, e na súa ausencia as condicións de consolidación, e na pertenza ao concepto de malla urbana”
Con todo, a clasificación de urbana nos planos que acompañan a este documento segue a ter unha evidente aleatoriedade en moitos casos, feito xa herdado do PXOM de 2008.
A sentenza 2159/2014 do Tribunal Supremo, Sala do Contencioso-Administrativo, da a razón a un recurso fronte a unha previa resolución do tribunal económico-administrativo daquela Comunidade Autónoma, declarando que, a efectos catastrais, os terreos urbanizables sectorizados carentes de instrumento de desenvolvemento aprobado tributarán como rústicos. Non é, nin moito menos, a única decisión xudicial favorable aos contribuíntes recaída ultimamente, pois xa outros Tribunais Superiores de Xustiza pronunciáronse en similares termos. Este feito debe ser un condicionante para evitar a catalogación de urbanos (co consecuente incremento e pago de IBI elevado) que se ven dando na cidade en moitas fincas clasificadas como urbanas e sen servizos e mesmo en ocasións atrapadas en unidades de actuación ou figuras urbanísticas herdadas dos antigos PERI´s. PROPOÑEMOS que os terreos do termo municipal de Vigo clasificados no PXOM como urbanizables sectorizados residenciais e industriais -que carezan de instrumento de plan de desenvolvemento aprobado-pasen a contribuír como bens inmobles de natureza rústica, deixando de facelo na súa inapropiada condición de urbanos, instando a tal fin os procedementos administrativos e tributarios que foran precisos.

 

SUXESTIÓN 23: MEMORIA XUSTIFICATIVA. 3. CLASES E CATEGORÍAS DE SOLO. CRITERIOS DE DELIMITACIÓN
Analogamente ao exposto na suxestión anterior, existen numerosos propietarios catastrais que acreditan suficientemente as “caracterizacións urbanísticas dos servizos, e na súa ausencia as condicións de consolidación, e na pertenza ao concepto de malla urbana” das súas propiedades e nos planos actuais as súas fincas son clasificadas como rústicas con diferentes niveis de protección. Estamos a falar de propiedades catastrais lindantes con outras clasificadas como SOLO URBANO CONSOLIDADO e que teñen acredita polos subministradores de servizos esenciais: saneamento, acometidas eléctricas, viais. Etc… e que se desenvolven de xeito amplo en toda a malla periurbana da cidade. A extensión do solo urbano consolidado delimitado no Borrador de Plan Xeral acada as 3.966,95 ha; o que supón o 36,35% da superficie total, pero é evidente que esta extensión é maior atendendo aos criterios que o propio documento recoñece para a súa clasificación.
PROPOÑEMOS se categorice de xeito claro os criterios a cumplir para a consideración do SOLO URBANO CONSOLIDADO en canto a requerimentos para clasificalo deste xeito.

 

SUXESTIÓN 24: MEMORIA XUSTIFICATIVA . 3. CLASES E CATEGORÍAS DE SOLO. CRITERIOS DE DELIMITACIÓN
En canto ao SOLO URBANIZABLE para acoller o futuro desenvolvemento urbanístico a través de procesos de nova urbanización, tanto de carácter residencial como para novas actividades económicas ou dotacionais estando de acordo con definir correctamente este solo, evitando a consideración de reparto de cargas urbanísticas para acometer futuras actuacións que consagraba o PXOM do 2008 (Liñeiriños por exemplo) queremos facer as seguintes consideracións:
EN CANTO AOS CATRO ÁMBITOS PARA O DESENVOLVEMENTO DO SOLO RESIDENCIAL:
Samil-Alcabre como ámbito preferente: PROPOÑEMOS que se estableza un incremento da vivenda con algún tipo de protección pública especialmente nestes ámbitos (40%). Que non exclusivamente se considere a 2º modificación parcial do PAU de Navia como o espazo para a vivenda con protección pública deixando o resto do eixo de crecemento ao segmento da vivenda de categorías medias e altas. O espazo debe ter unha continuidade tamén sociolóxica evitando crear grandes urbanizacións privadas no espazo que tamén coincide coas zonas de previsión de crecemento en canto a zonas verdes e espazos naturais a conservar.
Arquitecto Palacios-avenida de Madrid-Ofimático, tal e como figura no Plan de Mobilidade Sostible do Concello de Vigo aquí debe acometerse un dos grandes aparcadoiros disuasorios que eviten a entrada de vehículos privados no centro da cidade. Esta actuación debe ser prioritaria e condicionar calquera desenvolvemento urbanístico proxectado.
San Xoán-Calvario-Lavadores, completar o ámbito de rexeneración ambiental e urbano do Lagares, establecendo un corredor natural continuo co río, abordando se é necesario un proxecto que retranquee vivendas e garanta a presencia de espazos libres na contorna.
Clara Campoamor e a avenida de Castrelos, Estudo da conversión de toda a Avenida de Clara Campoamor nunha vía mixta (vehículos e carril bici/peatonal aillado) que garanta un vial sostible. Estudo da afección do tráfico que está a provocar precisamente en parroquias como Beade e Castrelos estes “eixes de expansión propios da deslocalización de actividades de forte direccionalidade (Hospital Álvaro Cunqueiro, Parque Tecnolóxico, Campus Universitario)”

 

SUXESTIÓN 24: MEMORIA XUSTIFICATIVA. 3. CLASES E CATEGORÍAS DE SOLO. CRITERIOS DE DELIMITACIÓN. 3.3.2. XUSTIFICACIÓN DOS DESENVOLVEMENTOS RESIDENCIAIS PROPOSTOS.
O documento ven a soster a mesma tese que o Concello de Vigo trasladou á Xunta de Galicia durante o proceso de aprobación do Regulamento da Lei do Solo de Galicia de que a fórmula para o cálculo do stock de vivenda necesaria (artigo 68 do RLSG), deixaba para Vigo uns números moi insuficientes para atender tanto as necesidades de nova tipoloxía de vivenda (de menor tamaño)
Vivendas novas necesarias: 36.837 / 2,15 = 17.133 vivendas.
Vivenda secundaria: 10% das vivendas novas necesarias = 1.713 vivendas.
Vivenda baleira (censo 2011): 18.588 vivendas.
NRVN = 17.133 + 1.713 – 18.588 = 258 vivendas.
Se ben concordados que esta cifra é insuficiente e que é certo que gran parte do parque de vivenda baleira é vivenda que non cumpre os criterios de habitabilidade discreparamos profundamente do expresado en que “a mellora das variables socioeconómicas do termo municipal a partir do desenvolvemento das determinacións do Plan Xeral, o que incrementaría a demanda residencial, ou que o enchido total das vivendas baleiras non é posible”.
Os datos de crecemento do prezo de vivenda nova, a propia preferencia da poboación expresada nos rexistros de demandantes de vivenda pública de optar pola opción de alugueiro (en todo caso con opción de compra) poden ser determinantes para que políticas de mobilización da vivenda ociosa en forma de alugueiro con soporte público sexan determinantes no futuro con respecto á adquisición e compra de vivenda libre.
PROPOÑEMOS QUE SE REDUZA NUN 40% A CAPACIDADE RESIDENCIAL PREVISTA NOS SOLOS URBANIZABLES AUMENTANDO NELES OS ESPAZOS LIBRES, DOTACIONAIS E VERDES. Nin os datos macroeconómicos da cidade, nin as previsións máis optimistas de crecemento poboacional nin as dinámicas urbanísticas de concellos limítrofes xustifican que neses ámbitos sexan necesarias 17.119 vivendas nos 16 anos de vixencia do PXOM. O PXOM ven a considerar que o parque de vivenda baleira será substancialmente o mesmo durante todos estes anos cando é posible que a súa mobilización sexa o centro das políticas públicas de vivenda, xunto coa rehabilitación de vivenda nos cascos vellos de Bouzas, Casco Vello alto e Casco Vello baixo, cunha demanda evidente.

 

SUXESTIÓN 25: MEMORIA XUSTIFICATIVA 5. DETERMINACIÓNS DE ESTRUTURA
5.1. SISTEMA XERAL DE COMUNICACIÓNS 5.1.1. A infraestrutura viaria.
O documento recolle correctamente os compromisos públicos de converter en tramo urbano o treito AP-9V Bos Aires-Estación de Urzáiz, en fase de estudo polo Ministerio de Fomento, recoñecendo que o gran valor é como corredor urbano e que “a súa funcionalidade de viario de alta capacidade carece de sentido”
PROPOÑEMOS que a proposta urbanística sexa precisamente a que xerou consenso tanto nos grupos municipais do Concello como entre o movemento asociativo de Teis, nomeadamente a súa AAVV que non é outro que A CONVERSIÓN EN VÍA URBANA DENDE O PUNTO COÑECIDO COMO “TORRES DE PADÍN” ATE O CENTRO DA CIDADE e non soamente dende o enlace de Bos Aires como recolle o documento.
SUXESTIÓN 26: MEMORIA XUSTIFICATIVA
O documento fala da “mellora da permeabilidade no 2º Cinto, á altura de Navia, de tal xeito que permita unha permeabilidade peonil actualmente inexistente entre o novo enclave residencial”. Este feito debe ir parello a dar solución tamén o que supón esta infraestrutura ao seu paso polo ámbito do PAU de Navia en canto a mobilidade, accesos e especialmente ao volume de tráfico e o ruído xerado.
Por iso propoñemos que se recolla a necesidade de PROXECTO DE SOTERRAMENTO DA VG-20 ao paso polo barrio de Navia para reducir tanto as emisións de tráfico no tramo final, eliminar o ruído e buscar fórmulas que permitan a conexión do PAU co resto da cidade.