maio 2022. moción sobre a situación administrativa e laboral da concesión do transporte urbano de vigo.

19 de Maio de 2022

MOCIÓN SOBRE A SITUACIÓN ADMINISTRATIVA E LABORAL DA CONCESIÓN DO TRANSPORTE URBANO DE VIGO.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A historia de VITRASA, con máis de 50 anos de presenza na xestión do transporte urbano da cidade, é a historia dunha oportunidade perdida para ter un transporte público de viaxeiros/as con misión e visión pública e socialmente responsable. En 1968, en plena ditadura franquista, a empresa comezou a súa andadura apadrinada polos estamentos do franquismo con 32 autobuses que viñan a xerar unha dura competencia co sistema tradicional de transporte mediante tranvías, que dominaran o espazo urbano da cidade dende inicios de século, especialmente dende 1912 coa creación da Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo.

Dende o inicio da súa andadura, a convivencia do aparato político franquista e a aposta decida polo alcalde do réxime Portanet por priorizar este modelo de transporte sobre o sistema de tranvías foi a tónica xeral. O propio Concello de Vigo xa en plena postguerra, no ano 1946, decidira non habilitar máis liñas ou metros de vía na cidade finiquitando un ambicioso plan da Compañía de Tranvías e apostando xa decididamente en 1964 pola sustitución por autobuses e trolebuses (o propio Portanet quería que esta sustitución fora inmediata, en nada menos que catro anos). No Faro de Vigo do 2 de agosto de 1967 o alcade dicía: “Queremos la supresión de los tranvías. Bajo mi responsabilidad personal y oficial afirmo que el tranvía es un bicharraco arcaico y demodé. Lo vamos a sobrepasar. Tranvías dejará de existir en el plazo más rápido”.

Con esta intencionalidade, ese mesmo ano foron expropiadas as cocheiras da compañía de tranvías sitas naquela altura nos terreos actuais da Praza de América coa Avenida de Castelao e tamén foi licitado o prego para a concesión privada da nova compañía de autobuses á que se presentarían tres compañías: Coviasa, Transportes de Vigo, e VITRASA, sendo esta última a que resultaría gañadora do concurso. Vigo nunca tivo en mente, nin entón nin en etapas posteriores, a creación dunha empresa municipal de transporte do mesmo xeito que xa operaba naquel momento e en anos posteriores na maior parte das grandes cidades do estado español.

Xa entón as dúbidas sobre a transparencia no proceso foron recurrentes e mesmo as acusacións públicas de favoritismo cara a VITRASA por parte da corporación local encheron páxinas nos medios de prensa locais e debates no propio Pleno do Concello. O conflito coa empresa de tranvías que se resistía a súa liquidación foi longo e non exento de conflitos legais e políticos durante varios anos.

A evidente convivencia do aparato municipal franquista e a empresa foi dende o inicio da concesión, dende a compra previa á licitación dos autobuses por parte de VITRASA, como se fose coñecedora da adxudicación, ata a trama con ramificacións políticas que abastecía de repostos, combustibles e pneumáticos que devengou entre outras cousas en que o 2 de decembro de 1969, a Audiencia Provincial de Pontevedra procesara a 11 concelleiros do Concello de Vigo que nada máis aprobarse a concesión a VITRASA recibiran regalos da empresa por valor de 25.000 pesetas cada un deles, un auténtico capital nesa época, sendo cesados anos despois sete deses concelleiros e suspendidos durante anos o resto.

Ademais desta realidade concesional, as sucesivas subas do prezo do billete e a conflictividade laboral da transición fóron un contínuo escenario que viviu a concesión de VITRASA ata ben entrados os anos 80 especialmente no conflicto “pases pro bus” onde miles de mozos e mozas esixían un prezo asequible para un transporte que dende a crise do petróleo de 1973 non paraba de encarecerse con respecto aos salarios e renda dispoñible media dos vigueses e viguesas e que soamente foi solucionado a partir do ano 1984 coa chegada dos bono-buses que marcarían xa a partir de entón o sistema tarifario da concesión.

Nun escenario de profunda opacidade das contas da compañía, o Concello, entón presidido polo alcalde Manuel Soto, realizou auditorias a VITRASA, negociacións duras nas que quedou claro que a implementación sociolóxica do franquismo no sistema concesional estaba aínda presente e que “VITRASA mandaba moito no Concello”, como popularmente dicíase nas rúas viguesas.

A concesión administrativa, que finalizaba en 1993, foi convenientemente denunciada polo Concello de Vigo no ano 1992 para iniciar a nova licitación, que buscaba, en teoría, adaptar o servizo de transporte ás novas realidades de cidade: conexións ao CUVI, necesidade de clarificar o billete de transferencia, novas rutas e, especialmente, buscar un sistema de cálculo tarifario que permitira amortizar os investimentos de xeito claro e garantir a continuidade da do cadro de persoal e os dereitos laborais acadados nos longos conflictos laborais dos anos 70 e 80.

Fronte á posibilidade manifestada por forzas políticas como Esquerda Unida, Esquerda Galega ou BNG de optar pola creación dunha empresa pública municipal (modelo que era a opción maioritaria nas grandes cidades e capitais de provincia do estado), ou dunha empresa mixta como solicitaba a Federación de AAVV; un pacto PP e PSOE, escenificado no pleno do 28 de xuño de 1992, optou por que VITRASA seguira sendo un sistema concesional privado como fora deseñado durante o franquismo polas élites do réxime na cidade.

Pese a que o Concello xa tiña todo disposto para a nova concesión, no ano 1993, o Consello Municipal de Transportes, formado por partidos, sindicatos e AAVV, sorpresivamente decidiu, influenciado polo Goberno local, ampliar 5 anos máis a concesión, nun claro xesto para facilitar a VITRASA a adaptación ao novo tipo de licitación pública. O escándalo foi maiúsculo e varios membros do PSOE no Pleno desmarcáronse de esta decisión xa que, entre outras cousas e como finalmente foi certificado polo secretario do Pleno, coa denuncia previa do convenio, a execución da prórroga era ilegal, polo que en xaneiro de 1994 foron aprobadas as bases do novo concurso, cunha concesión de 25 anos con prórroga de 5 anos. Concesión que é a que actualmente, con diversas modificacións de alcance, está vixente. Naquela altura VITRASA xa coaccionaba polo que entendía que era un agravio económico do novo prego aínda que a fórmula de cálculo do billete era absolutamente vantaxosa para a empresa e mesmo obrigaría a compensar con recursos públicos municipais para evitar un prezo de billete ordinario á veciñanza abusivo. Sistema que perdura hoxe en día trala ampliación de 5 anos acordada en 2020.

No ano 2000 VITRASA e Auto-res (compañía de transporte interurbano) crean o Grupo Avanza ao que se irán unindo concesión de transporte urbano de varias cidades, entre elas Zaragoza ou Ourense, creando un gran grupo privado de transporte onde VITRASA xoga un papel determinante dende entón. En 2004 o grupo é adquirido por un grupo inversor mexicano que actualmente obstenta a maioría accionarial. Este grupo é o que dende entón tensiona permanentemente á concesión facendo entre outras cousas lobby de presión para malograr a integración de Vigo no transporte metropolitano, condicionando a nova licitación do transporte que remataba xa no 2019 e establecendo como presión permanente o sistema de fórmula polinómica para calcular o prezo do billete que consagrou o contrato concesional de 1994.

Dende a existencia deste contrato do ano 1994 sucederonse diversas modificacións, dende a chegada do billete de transferencia, renovacións permanentes de flotas, novas liñas ao CUVI e Alvaro Cunqueiro, e máis recentemente, a PASSVIGO, que, paralelo ao servizo, condicionan o equilibrio económico da concesión polo que se implementou o sistema perverso de compensación á empresa de non acadarse a prognose de viaxeiros/as que se ten movido dende 2008 nos 20 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras.

O propio alcalde calificaba de desfasado o contrato en 2019 e apostaba por non ampliar a concesión (opción recollida no prego actual) e redactar novos pregos e concurso concesional. As declaracións naquela altura do alcalde de Vigo, Abel Caballero, desbotaban ampliar a concesión a pesar de figurar no prego formalizado no ano 1995 a posibilidade de prorrogar a concesión por 5 anos ate un máximo de 35 (incluído o prazo fixo concesional).

Mais, pese a que o Concello de Vigo decidiu o 28 de decembro de 2018 denunciar a prórroga da concesión para “evitar a prórroga tácita do actual contrato”, coa excusa da situación creada pola crise sanitaria da pandemia da COVID-19, o Goberno local decidiu ampliar 5 anos a concesión pero eliminando a compensación anual por número de pasaxeiros/as e ligando o prezo do billete e as cuestións de compensación económica á concesionaria exclusivamente ao prego do ano 1994, algo que é a todas luces unha temeridade porque deixa aberto un escenario de negociación posterior coa empresa sen contido garantísta no acto administrativo da concesión.

Con esta acción, o Concello invalida de facto o preceptivo regulamento do servizo aprobado en 2019 ante o que Marea de Vigo entendía que a aposta polo servizo concesionado indirectamente a unha empresa privada era un profundo erro e apostaba por deixar aberta a posibilidade da xestión pública directa do mesmo como é na maior parte das grades cidades do estado.

Sendo certo que a crise provocada pola aparición da COVID-19 tivo, dentro dos múltiples impactos, un evidente efecto sobre o transporte público da cidade, non só en canto a limitacións de mobilidade cidadá con impacto directo no transporte como no propio aforo dos autobuses e recadación, tamén o é que VITRASA claramente sabía que este problema era menor ao ter garantido a cifra de 20 millóns de pasaxeiros/as do ano precrise que figura no contrato actualmente vixente; feito pese ao cal dende o primeiro momento a concesionaria actuou de xeito vitimista para condicionar a futuro posibles indemnizacións económicas.

Igualmente, e consciente deste impacto, o Goberno do estado aprobou o Real Decreto-Lei do 8/2020 de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias, para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 polas medidas tomadas durante o estado de alarma, que entre outras cousas contemplaba “o dereito dos titulares das concesións de servizos ao restablecemento do equilibrio económico do contrato mediante a ampliación da duración inicial do contrato ata un máximo dun 15% o mediante a modificación das cláusulas de contido económico incluídas no contrato”.

Porteriormente, e rematado o estado de alarma, o Goberno do estado artellou unha proposta, incluída no Real Decreto lei 27/2020 de 4 de agosto, que pretendía regular a fórmula que determinaba a contía do reequilibrio para o ano 2020, que, a pesar de ser rexeitado polo Congreso, abriu a porta a un acordo posterior de uso de remanentes que permitía aos concellos empregar recursos para a compensación e equilibrios económicos financeiros dos servizos públicos de transporte, feito que o Concello de Vigo decidiu non empregar, tal e como fixeron outros concellos como o caso de Sevilla.

Neste contexto chegamos ao mes de decembro de 2020 cando VITRASA xa amosa as súas intencións de empregar a situación laboral do persoal como mecanismo de presión na negociación das condicións económicas ligadas á ampliación concesional.

Nesa altura decide unilateralmente non aboar a paga extra do mes de decembro argumentando que o Concello de Vigo non compensou as perdas provocadas pola situación sanitaria, provocando a sorpresa do cadro de personal e o impago de nóminas por primeira vez na historia do transporte urbano da cidade de Vigo. Esta situación desbloquéase o día 21, despois da decisión do Goberno local de aboar 2.194.963,56 euros fronte aos 8.240.712 reclamados pola empresa privada. Unha diferenza que amosa o descontrol e disparidade de criterios interpretativos entre Goberno local e empresa concesionaria.

Evidentemente a partir desta actuación queda en evidencia que VITRASA emprega de xeito interesado a situación COVID coma complemento dunha situación de franca vantaxe que xa de por si atesora co contrato, pero amosa tamén, e é o máis grave, que o Concello de Vigo ten que se desdicir da denuncia do contrato e decidir unha prórroga de 5 anos que nada ten que ver con ese 15% de aumento que recolle o Real Decreto-lei do 8/2020 de 17 de marzo.
Porque o Goberno local non emprega, por así dicilo, a “fórmula COVID” para compensar a VITRASA, senón que sorpresivamente emprega a cláusula que figura no contrato do ano 1995, a de 5 anos prorrogables a un máximo de 35 contando o periodo concesional inicial. Decisión que para Marea de Vigo está evidentemente motivada porque ese 15% do Real Decreto non compensa, xa non as perdas de pasaxeiros e pasaxeiras por debaixo dos 20 millóns que ten que garantir a cidade, senón tamén o “pozo sen fondo” que é esta concesión, pozo sen fondo ao que os gobernos locais lanzan todo tipo de proxectos: publicidade noutras cidades para promocionar a cidade, cartas a toda a veciñanza de Vigo anunciando a Pass Vigo coa cara do alcalde, ou a inxustificada renovación e compra en vez de renting de vehículos cada poucos anos. Todo un elenco de decisións que logo VITRASA anota e coloca no “pendente de amortizar” na concesión. Unha ruína para a cidade pero un “negociazo” para a empresa, que a día de hoxe esgrime ter pendente 16 millóns de euros de amortización en forma de terreos das cocheiras, vehículos e outros conceptos.

Nesta situación de permanente lea entre VITRASA e Concello, motivada ao noso entender por ampliar de xeito caótico e sen previsión clara de que sistema se vai a empregar para realizar o equilibrio económico e financeiro da concesión; VITRASA, pese a que no ano 2021, e como figura na Conta Xeral do Concello dese ano, recibiu 21 millóns de euros de axudas públicas e compensacións por parte das administracións do estado fronte aos 27 millóns que lle custa a explotación do servizo, anota un novo capítulo de tensión anunciando a inviabilidade económica da concesión e argumentando a necesidade dun descolgue salarial do 30% das nóminas do persoal e un aumento anual de xornada. De novo a presión negociadora co Concello co uso dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras.

Hai unha evidente responsabilidade empresarial nestas decisións e noutras como a arbitraria supresión de liñas vendida como unificación das mesmas, pero tamén hai especialmente unha responsabilidade do Goberno local primeiro na tutela pública sobre as concesións administrativas que aproba, no seu seguimento e no cumprimento dos pregos concesionais; pero tamén no feito de que a esta situación se chega por decisións tomadas en Xunta de Goberno local, especialmente dende a decisión de activar a prórroga actual de 5 anos, de non clarificar na mesma que criterios marcan os futuros e presentes importes de reequilibrio económico concesión así como de non exercer responsablemente a auditoria e control dos servicios públicos esenciais para os vigueses e viguesas.
Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a abrir un expediente informativo en base aos pregos concesionais do servizo de transporte público de pasaxeiros e pasaxeiras de substanciarse o descolgue salarial e o cambio de condicións laborais recollidas no convenio colectivo de aplicación.

2.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a denunciar ante a Inspección de Traballo os graves e reiterados incumprimentos en materia laboral da empresa VITRASA.

3. – O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a anular a decisión de activar a prórroga do contrato de xestión do transporte público de Vigo e facer valer a única decisión xurídicamente válida que é a denuncia do mesmo do 28 de decembro de 2018 que invalida a prórroga posteriormente anunciada.

4.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a estudar de xeito inmediato e ante a ameaza de quebra concesional, a xestión pública directa do servizo e a modificar o regulamento de transporte aprobado en 2018 no relativo ao epígrafe que consagra a xestión indirecta concesional do servizo.

5.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á convocatoria inmediata do Consello Sectorial de Transportes da cidade de Vigo para dar audencia a empresa, organizacións sindicais e colectivos veciñais e sociais da cidade para abordar esta situación na concesión.

6.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a realizar inmediatamente unha auditoria externa, con concurso previo de cando menos tres consultoras e criterios obxectivos e independientes tal e como figura preceptivo no contrato actual de transporte urbano colectivo así como dos destinos finais dos máis de 21 millóns de euros de subvencións públicas recibidas pola empresa no ano 2021 e que figuran na proposta de Conta Xeral do Concello dese exercicio.