marea de vigo leva ao pleno do vindeiro mércores unha moción instando ao concello de vigo a posicionarse contra as rebaixas fiscais “para ricos” que está aprobando o pp nas ccaa.

22 de Setembro de 2022

Marea de Vigo leva ao Pleno do vindeiro mércores unha moción instando ao Concello de Vigo a posicionarse contra as rebaixas fiscais “para ricos” que está aprobando o PP nas CCAA.

Marea de Vigo denuncia na moción que “eliminar o imposto de patrimonio que actúa sobre 7646 persoas en Galicia que atesoran entre elas máis de 49.000 millóns de euros é unha fiscalidade de desmantelamento dos servicios sociais máis básicos”.

Rubén Pérez: “Non son as familias traballadoras quen contribúe menos que as súas homólogas europeas senón máis ben as persoas de máis elevada renda e patrimonio quen cada vez eluden as súas obrigacións. E fano grazas a medidas normativas e á fraude fiscal”.

Vigo, 22-09-2022. O voceiro do Grupo Municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinala que “semella que tras Murcia, as vacacións fiscais para ricos que promove o PP van vir implantarse en Galicia da man do presidente Rueda”. O que sería, segundo o voceiro, “instaurar o modelo populista de Díaz Ayuso en Madrid, Moreno Bonilla en Andalucía ou López Miras en Murcia”.

A moción denuncia que nos últimos vinte anos a recadación tributaria no conxunto do estado foi claramente inferior á media da Eurozona. “En concreto, hai 6,1 puntos porcentuais de diferenza media en presión fiscal desde 2001 a 2020, feito que ten graves consecuencias. Se España recadase durante este período o 40,5% do PIB como a media da Eurozona, teríanse obtido 1,23 billóns de euros adicionais, un 18% máis” relata Rubén Pérez.

Marea de Vigo lembra que actualmente en Galicia pagan imposto sobre patrimonio (datos de 2020, os últimos dispoñibles) 7.646 persoas con patrimonios medios de 8.7 millóns de euros cada un. “Entre todas suman unha riqueza de 49.464 millóns de euros e pagan por iso ao ano 66,6 millóns – apunta Pérez -. En definitiva, é evidente que o que se recada tanto en Galicia como no conxunto do estado está moi por baixo do que se debería e esta situación é crónica”.

A moción da Marea denuncia “unha verdadeira rebelión dos máis ricos, asistidos polas formacións políticas da dereita e a ultradereita para profundar máis nesta inxustiza fiscal con medidas regresivas recentemente anunciadas en relación co imposto sobre o patrimonio”, un tributo individual que recae sobre as persoas físicas e é complementario do IRPF. Aínda que se trata dun tributo estatal, establecido e regulado polo Estado, o seu rendemento total cédese ás comunidades autónomas, así como tamén se cederon determinadas competencias normativas, de acordo con a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e conforme ao novo modelo de financiamento establecido na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, e modifícanse determinadas normas tributarias.

Marea de Vigo polo tanto instará ao Pleno ordinario de setembro a que esixa Goberno central a “promover unha modificación do actual imposto sobre o patrimonio que inclúa modificación da tarifa estatal do imposto sobre patrimonio para facer máis progresivo o tributo, así como a eliminación da posibilidade de aplicar deducións e bonificacións á cota íntegra do imposto”. Do mesmo xeito insta á Xunta a non eliminalo seguindo a senda de Murcia, Madrid ou Andalucia.

? Texto da moción ??mocion 22 setembro 2022