marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción para a implantación de zonas de baixas emisións na cidade.

24 de Setembro de 2021

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción para a implantación de Zonas de Baixas Emisións na cidade.

Oriana Méndez: “Vigo xa tiña que estar desenvolvendo Zonas de Baixas Emisións, en consonancia con todo o desenvolvemento normativo que xa está en marcha, pero non é así e o tráfico intraurbano segue aumentando”.

Vigo, 24-09-2021. Marea de Vigo considera unha evidencia que o modelo actual sustentado no automóbil leva moito tempo xa empeorando a calidade de vida nas nosas cidades, “nomeadamente en Vigo, onde ademais está constituíndo un factor de inseguridade para peons, ciclistas, e mesmo dificultando o propio transporte público colectivo así como ocupando grandes espazos públicos” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

É xa un consenso na Unión Europea, na acción do Goberno central e nos traballos da propia Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), “cuxo presidente é o alcalde de Vigo”, a necesaria concreción de Zonas de Baixas Emisións con limitacións de tráfico. “Vigo xa tiña que estar nesta concreción, en consonancia con todo o desenvolvemento normativo que xa está en marcha, pero non é así, nin de momento se ten concretado na nosa cidade ningunha zona de baixas emisións” afirma. “Deberiamos atender, polo tanto, á Declaracion de Emerxencia Climática e ao propio Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, e por suposto á Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que establece de maneira taxativa que os municipios de máis de 50.000 habitantes, deberán establecer de zonas de baixas emisións” engade.

Dende a Marea de Vigo critícase que dende os distintos Gobernos locais, “nomeadamente o actual”, levan dado poucos pasos nesta vía, “se cadra accións máis efectivas mediáticamente que realmente sostibles” sentencia a concelleira. “Se nos fixamos simplemente no que atinxe ao transporte público, hoxe temos menos frecuencias de autobús que antes da pandemia, as lanzadeiras ao CUVI non teñen sequera horarios fixos, as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro seguen a ser deficientes”, e ante isto, Marea de Vigo considera que “hai que atender ao que esta sinalando o propio movemento ecoloxista vigués, nomeadamente Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, que veñen de presentar unha Guía para a Implantación de Zonas de Baixas Emisións nas rúas de Vigo e desa maneira poder desenvolver unha verdadeira mobilidade sostible cando na actualidade o que temos son conxestións de tráfico que están provocando retrasos no transporte público, altas emisións de contaminación e saturacións de ruído por enriba das recomendacións da OMS” detalla a concelleira.

Por iso, Marea de Vigo proporá no vindeiro Pleno do Concello que o Goberno local defina e estableza zonas de baixas emisións que inclúan restricións totais ou parciais ao tráfico. “Defenderemos tamén, coma sempre facemos de xeito transversal a todas as políticas, o diálogo permanente coa sociedade viguesa mediante a revitalización do Consello Municipal de Mobilidade Sostible, con participación activa da cidadanía para o seguimento destas medidas desas zonas de baixas emisións na cidade” matiza Oriana Méndez.

O Grupo municipal da Marea de Vigo solicitará tamén que o Goberno local e a Consellería de Educación estuden o desenvolvemento de camiños escolares seguros que xa están funcionando de xeito positivo en varias cidades do estado e que permiten a mobilidade peonil e en bicicleta aos diferentes centros educativos da cidade. “Neste sentido – apunta Oriana Méndez -, en canto á mobilidade en bicicleta, tamén proporemos o estudo para desenvolver un Plan de liñas de carril bici integral e estrutural, que teña carácter vinculante no que é o desenvolvemento urbanístico no vindeiro PXOM”. Marea de Vigo instará ao Goberno local, o vindeiro mércores no Pleno, á aprobación inmediata a Ordenanza Reguladora de Mobilidade Sostible que estaba en elaboración “e quedou suspensa sine die á espera de nova lexislación en materia de novas fórmulas de mobilidade, actualmente xa lexislada pola DGT” conclúe a concelleira.

📌 Le aquí o texto da moción 👇🏽

Mocion setembro zonas de baixa emision