moción abril 2018. moción para garantir un ingreso mínimo por persoa acorde co arope.

17 de Abril de 2018

MOCIÓN PARA GARANTIR UN INGRESO MÍNIMO POR PERSOA ACORDE CO AROPE.

O Goberno galego tramita actualmente o desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia que vai regular a medio prazo a prestación da RISGA e outras axudas de inclusión social.

A Carta Social Europea, a Rede Galega e Europea contra a Pobreza, entre outros organismos e colectivos, defendemos que as prestacións sociais deben achegarse ao indicador AROPE que mide o mínimo de ingresos por persoa.

A Unión Europea é quen desenvolveu este indicador que establece en 684 euros mensuais por persoa e 1680 euros/mes para un fogar de dous adultos e dous menores para medir o risco de pobreza e/ou exclusión social.

Pensamos que o salario mínimo interprofesional, establecido para 2017 en 735,90 euros, debe marcar o horizonte individual a conseguir para reducir a pobreza.

Segundo o Informe “O estado da pobreza en Galicia”, elaborado en 2017 pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), a partir de datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), do Instituto Galego de Estadística (IGE) e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, había en Galicia, a finais de 2016, 690.505 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, que representa o 25,4% da poboación.

En Vigo, esta cifra situábase en 61.400 persoas, o que representa o 21% da poboación.

A actual prestación económica da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) non cumpre os criterios da lexislación en vigor (Decreto 99/2012 de Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento modificado polo decreto 228/2014 da Xunta de Galicia) pois segue mantendo aos beneficiarios no limiar da pobreza, da exclusión social e non cubre as necesidades básicas provocando estados de pobreza crónicos herdados por fillas e fillos. Do mesmo xeito tampouco a RISGA axuda a solucionar os problemas de aloxamento, pois o complemento de aluguer previsto é equivalente ao 10% do IPREM (situado hoxe nos 537 euros), é dicir, pouco máis de 50 euros ao mes. Isto leva en ocasións a situacións case esperpénticas, obrigando a abandonar a súa vivenda á persoas perceptoras da RISGA que están a compartir vivenda precisamente polas súas dificultades económicas, como unha forma de aforro.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede a seguinte proposta de

ACORDO:

Instar ao goberno da Xunta de Galicia a que o Proxecto de Decreto de Desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social en trámite, incorpore as medidas para que as cuantías da RISGA achéguense ao indicador AROPE que mide o mínimo de ingresos por persoa.

Instar á Xunta de Galicia a artellar un complemento de vivenda se a persoa titular ten que pagar un aluguer ou hipoteca que supere ampliamente os 50 euros actuais (aproximadamente 200-225 euros).

Instar á Xunta de Galicia a elaborar unha CARTA DE SERVIZOS SOCIAIS que simplifique e garanta un alcance universal e accesible ao contido da carteira de Servizos Sociais de Inclusión (Decreto 61/2016)

Instar á Xunta de Galicia a realizar as modificacións necesarias no proxecto de decreto de desenvolvemento da lei 10/2013 de inclusión social de Galicia para:

Que sexa persoal e polo tanto independentemente da existencia ou non doutra persoa perceptora nun mesmo domicilio.

Que se poida percibir a partir dos 18 anos (actualmente a partir dos 25)

Garantir que se poida percibir ao estar empadroado/a independentemente da situación administrativa (eliminar o requisito de “residencia legal”)