moción abril 2021. xubilacións anticipadas.

28 de Abril de 2021

Moción promovida pola asociación “jubilación anticipada sin penalizar” ASJUBI40 para a modificación da Lei Xeral da Seguridade Social en materia de xubilación anticipada.

Aínda que a maioría das persoas Xubiladas Penalizadas proceden da época en que os requisitos para poder xubilarse co 100% de pensión era ter 54 anos e ter cotizado 35 anos, hoxe as leis recollen o seguinte:

A Lei Xeral da Seguridade Social, aprobada polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, determina, nos seus artigos 207.2 e 208.2, que toda persoa que, por causa non imputable á súa libre vontade, así como as que, por vontade propia, se xubilen anticipadamente, aplicaráselles uns coeficientes redutores na súa pensión por cada trimestre ou fracción que lle falte ao traballador para cumprir a idade legal de xubilación. Estes coeficientes varían do 1,875% e do 2% con menos de 38,5 anos cotizados ao 1,50% e ao 1,625% con máis de 44,5 años cotizados, respectivamente.

Desta maneira, segundo a regulación, aplícanse reducións que chegan ata o 8% por cada ano anterior á idade legal de xubilación, chegando nalgúns casos a unha penalización do 40% da pensión. Sería razoable que, se se cotizaron xa un total de 40 anos ou máis, non se sufra ningunha penalización ou coeficiente redutor, senón que se entenda que esta persoa xa contribuiu suficientemente ao sistema de pensións.

Por outro lado, esta penalización non finaliza cando o xubilado cumpre coa idade legal de xubilación, senón que se mantén posteriormente; unha medida que carece de lóxica. Pódense dar casos nos que persoas que cotizaran máis anos que outros, estean cobrando menos pensión polo único feito de terse xubilado antes.

A data de hoxe, na provincia de Pontevedra encóntranse unhas 10.000 persoas xubiladas afectadas por estas circunstancias. En ocasións, trátase de persoas que comezaron a traballar moi novas, algunhas incluso á idade de 14 anos e que, despois de botar case toda a súa vida traballando, prefiren rematar antes a súa vida laboral. Pero, noutras ocasións, tamén se trata de persoas que foron despedidas das súas empresas e que, despois de estar un tempo no paro e de non encontrar ningún traballo, tiveron que pedir esta xubilación anticipada de maneira, supostamente, voluntaria, co obxectivo de poder contar cuns ingresos para vivir e tendo que asumir involuntariamente esta penalización na súa pensión.

É preciso, polo tanto, que por razóns de equidade, se modifique a Lei Xeral da Seguridade Social e se solvente este agravio comparativo. Ademais, existen máis argumentos que avalan a necesidade de dar solución a esta problemática. Estes son:

1º.- O artigo 205.1. a) conxuntamente co establecido na Disposición Transitoria Séptima, establece, no ano 2017, como período de cotización necesario para ter acceso á pensión íntegra de xubilación o de 36 anos e 3 meses (tendo 65 anos).

2º.- O artigo e Disposición mencionados no apartado anterior, a partir do ano 2027, permite unha xubilación anticipada de 2 anos, sen penalización, sobre a idade ordinaria de xubilación nos casos de períodos de cotización de 38 anos e 6 meses.

3º.- O artigo 210.1, conxuntamente co establecido na Disposición Transitoria Novena do mencionado texto legal, no período 2013/2019, para o cálculo da pensión impón como tope do período de cotización o de 35 anos e 6 meses.

4.- O artigo 210.2, do citado texto legal, bonifica con porcentaxes adicionais nos casos de acceso á pensión de xubilación a idade superior á ordinaria con períodos de contribución desde os 25 anos (un 2% adicional) ata máis dos 37 anos (un 4 % adicional).

A aplicación de coeficientes redutores con penalizacións vitalicias nas xubilacións anticipadas con longas carreiras de cotización de 40 anos ou máis, respecto ás catro situacións mencionadas anteriormente, supón un agravio comparativo.

A maioría dos parlamentos autonómicos do Estado aprobaron Proposicións Non de Lei a favor da modificación da Lei Xeral de Seguridade Social para deixar de penalizar a este amplo colectivo. Igualmente, aprobáronse no seu día senllas propostas no Congreso dos Deputados e no Senado, sen que desde o Executivo se tomase en conta.
Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:

ACORDOS:

1.- O Pleno do Concello de Vigo  insta ao Goberno do Estado e ás Cortes Xerais a iniciar os trámites para conseguir as modificacións necesarias na Lei Xeral da Seguridade Social, aprobada polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, para que os casos de acceso á xubilación anticipada por vontade da persoa interesada, nos que acredite un período de cotización efectiva de 40 anos, sexan excluídos da aplicación dos coeficientes redutores establecidos no artigo 208 da citada Lei. Aos efectos de acreditación do citado período de cotización efectiva, non se terá en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias e só se computará no período de presentación do servizo militar obrigatorio ou da presentación social sustitutoria, co límite máximo dun ano.

2.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno do Estado e ás Cortes Xerais a realizar as modificacións necesarias na citada Lei porque:
1. Nos casos en que se accedese á xubilación anticipada de maneira voluntaria e nos que se apliquen coeficientes redutores por trimestre ou fracción de trimestre que lle falte ao traballador para cumprir a idade legal de xubilación conforme a aquilo disposto no artigo 205.1.a) da Lei, deixen de aplicarse os coeficientes redutores desde o momento en que o pensionista cumpra a idade legal de xubilación.
2. Que a todos aqueles xubilados anticipados, xa sexan voluntarios ou forzosos, que cotizaran polo Réxime Xeral como traballadores por conta allea, así como polo Réxime de Autónomos, con corenta ou máis anos cotizados e que no momento de promulgarse as correspondentes modificacións da Lei Xeral da Seguridade Social, teñan xa 65 anos ou máis anos de idade, deixen de se lle aplicar os referidos coeficientes redutores e se lles calcule a pensión segundo a súa base contributiva e os anos cotizados.
3. O previsto na presente proposta non se verá afectado polas cláusulas relativas á xubilación forzosa aprobadas por convenio colectivo e será de aplicación, nos mesmos termos, aos supostos de xubilación anticipada por causas non imputables ao traballador previstas no artigo 207.

3.- Trasladar estes acordos á FEMP, aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e aos grupos parlamentarios do Congreso e do Senado.