moción setembro 2018. pola defensa das pensións promovida por modepen.

29 de Setembro de 2018

Moción do Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións (MODEPEN) para instar ao goberno municipal do Concello de VIGO a que se dirixa ao Parlamento Europeo para que rexeite a creación dun produto paneuropeo de pensións individuais (PEPP) proposta pola Comisión Europea.

Exposición de motivos:

En xuño de 2017 a Comisión Europea (CE) remitiu ao Parlamento Europeo (PE) unha Proposta de regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre un produto paneuropeo de pensións individuais (PEPP). Da proposta dedúcese que:

1- O PEPP ten como primeiro obxectivo a creación dun mercado de capitais europeo dentro do “Plan de acción da Comisión para a creación dun mercado de capitais de setembro de 2015”1. A proposta da CE afirma que “Un mercado de pensións europeo de ´terceiro piar´ de maior tamaño impulsaría tamén a achega de fondos de investidores institucionais”. O PEPP non é, polo tanto, un instrumento de protección social, senón un mecanismo de acumulación de capitais.

2- A CE renuncia ao obxectivo de as pensións públicas seren suficientes, “o Informe sobre adecuación das pensións de 2015 concluíu que o aumento dos aforros adicionais … destinados á xubilación podería … mitigar as repercusións dunhas pensións máis baixas dos réximes públicos nalgúns Estados membros … as pensións complementarias poderían desempeñar un papel chave nos ingresos por xubilación, en particular cando as pensións públicas poidan ser inadecuadas”.

3- Para promover a subscrición do PEPP a CE esixe que se estabelezan nos Estados membros desgravacións fiscais, “A fin de animar os Estados membros a concederen unha desgravación fiscal aos PEPP, a Comisión adoptou, xunto coa presente proposta, unha Recomendación sobre o tratamento fiscal dos produtos de pensións individuais, incluído o produto paneuropeo de pensións individuais”. As desgravacións fiscais polas achegas aos plans de pensións individuais son moi regresivas. As traballadoras e traballadores de salarios baixos non poden destinar ningunha cantidade a plans de pensións e polo tanto non desgravan. Son os perceptores de altos salarios e rendas do capital os que poden realizar grandes achegas e desgravar.

4- O PEPP abre un enorme espazo á valoración do capital financeiro. O valor de mercado das pensións individuais é de 0,7 billóns de euros. A CE calcula que, sen a introdución do PEPP, aumentará até 1,4 billóns en 2030 e, de se introducir o PEPP, até 2,1 billóns. O principal obxectivo da CE non é garantir unhas pensións dignas para as traballadoras e traballadores na idade da xubilación, senón como a Proposta repite unha e outra vez, “Obter máis capital e canalizalo cara a investimentos europeos a longo prazo na economía real”. Porén, debería ser o sector público, a través dun orzamento europeo moito maior que o actual, o responsábel de decidir e executar os investimentos necesarios para a economía e a sociedade europeas, por exemplo, para a transición a un sistema enerxético descarbonizado.

5- A Comisión Europea (CE) enmarca o PEPP na promoción da innovación financeira, “promover unha contorna que estimule a innovación no sector de produtos financeiros … o que pode contribuír á súa vez á prestación de pensións axeitadas, seguras e sostíbeis”. Debemos lembrar que a innovación financeira estivo na orixe da crise financeira que estoupou con violencia en 2007 provocando nas economías dos países capitalistas desenvolvidos a maior crise económica e social desde a Segunda Guerra Mundial. Ademais a innovación financeira non garantirá pensións seguras, senón que contribuirá á acumulación de capitais en busca de valoración e á inestabilidade financeira que se desencadeou a partir dos procesos de financeirización da economía capitalista mundial. O despropósito e a irresponsabilidade chega ao máximo cando a CE suxire o investimento en “instrumentos derivados” de altísimo risco e que contribúen a incrementar de xeito exponencial a probabilidade e gravidade das crises financeiras.

6- A CE explica que o PEPP permitirá “garantir que os consumidores sexan plenamente conscientes dos elementos chave do produto”. A rendibilidade, ou a falta de rendibilidade, dos produtos financeiros é esencialmente incerta. Cómpre lembrar que na orixe da crise de 2007 está a creación e venda de produtos financeiros complexos construídos sobre hipotecas subprime. As tres grandes axencias de cualificación, Standar&Poor´s, Moody´s e Fitch, adxudicáranlles a eses produtos a cualificación de AAA, máxima solvencia, semanas antes de que o seu valor se reducira a 0. Alan Greenspan, presidente entón da Reserva Federal e máximo guru das finanzas mundiais, recoñeceu “aínda que era consciente de que moitas de desas prácticas estaban a ter lugar, non tiña nin idea do significativas que chegaran a ser até demasiado tarde”. Con estes antecedentes pretender que as traballadoras e traballadores “sexan plenamente conscientes dos elementos chave do produto” e dos riscos que corren só pode ser incompetencia ou cinismo.

7- A CE enumera os promotores do PEPP, “bancos, compañías de seguros, xestores de activos, fondos de pensións de emprego, empresas de investimento”. De aprobarse polo PE o PEPP, producirase un desvío de posíbeis cotizacións sociais que poderían aumentar os ingresos dos sistemas públicos de pensións a empresas privadas que obterán importantes beneficios.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar os seguintes

ACORDOS:

1.- Instar á Comisión Europea para a retirada desta proposta de Regulamento do PEPP.

2.- Instar ao Goberno Español para que propoña e apoie a retirada desta proposta no Consello Europeo.

3.- Instar aos Grupos Parlamentarios para que rexeiten dita proposta de Regulamento cando saia a debate na Comisión Europea.

4.- Instar ao Goberno Español e aos Grupos Parlamentarios da Comisión Europea para pedirlles que estuden as medidas necesarias para que os sistemas públicos de pensións garanticen unhas pensións dignas e suficientes.

5.- Instar ao Goberno Español e aos Grupos Parlamentarios da Comisión Europea para que promovan a eliminación das desgravacións fiscais das aportacións os fondos de pensións privados.