moción centenario irmandades da fala

4 de Abril de 2016

O Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade no mes de abril deste ano instar á Xunta de Galicia a celebración e conmemoración do centenario das Irmandades da Fala. Un feito, a unanimidade nos votos dos distintos grupos parlamentarios, que revela a importancia na historia recente de Galiza desta institución que pulou polo progreso, o idioma e a toma de conciencia da identidade que nos retrata como galegos e galegas.

Devagar fóronse sumando outras institucións (políticas, sociais e culturais) ao anunciaren novos actos. Recentemente, no mes de setembro, a Deputación de Lugo aprobaba (tamén por unanimidade) impulsar unha serie de actividades para recoñecer o labor das Irmandades; a Deputación da Coruña, xunto ao concello herculino e a Real Academia Galega anunciaron a colaboración para celebrar a efeméride. O Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Vicente Risco ou asociacións de base anunciaron distintos actos co mesmo obxectivo de poñer en valor o feito polos nosos devanceiros.

Por este motivo, o grupo municipal Marea de Vigo, insta ao pleno e ao Goberno do Concello de Vigo a tomar o seguinte

ACORDO

Que se sume a esta grande homenaxe polo centenario das Irmandades da Fala e promova, coas actividades que estime oportunas, a súa louvanza e recoñecemento públicos.
De entre elas queremos propor para a súa aprobación no pleno a colocación dunha placa conmemorativa nas columnas do antigo Teatro Tamberlick de Vigo (actual rúa Eduardo Iglesias) para perpetuar na memoria que alí, os días 16, 17 e 18 de abril de 1921 se celebrou a III Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que xuntou a sinalados intelectuais da nosa cultura como Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade ou Manuel Antonio.