moción comisión investigación alvia-04155. xullo 2016

25 de Xullo de 2016

Esta moción lévase ó Pleno dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo, a petición da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, dando así o apoio expreso á mesma.

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 leva loitando por esclarecer as circunstancias nas que se produciu o desgraciado accidente do tren Alvia 04155 con destino a Santiago de Compostela o 24 de xullo do 2013. Neste accidente no que morreron 81 persoas resultaron feridas outras 145 é o accidente ferroviario máis grave da historia da democracia española. Dita Plataforma se constituíu coa intención de reivindicar a verdade e a xustiza en sentido amplo, esixindo tamén responsabilidades políticas, polos feitos que rodearon o mencionado sinistro.

Un suceso tan grave non pode nin debe quedar no esquecemento das institucións públicas e dos responsables políticos, e por elo é necesario indagar nas causas e responsabilidades penais e políticas que puideran derivarse de dito accidente ferroviario. Ó marxe das investigacións xudiciais e as responsabilidades penais que poidan derivarse delas, as vítimas sempre reivindicaron a apertura dunha Comisión de Investigación Parlamentaria para depurar as responsabilidades políticas e nun exercicio de responsabilidade é necesario dar o noso apoio a esta iniciativa, tomando posición do seu lado e dándolles o noso apoio expreso.

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 ven de denunciar en reiteradas ocasións a falla de sensibilidade das autoridades e unha incomprensible situación de desamparo que viola os seus dereitos máis básicos como vítimas e familiares deste terrible suceso. Con esta moción non podemos reparar o dano inmenso que estas persoas sufriron, non podemos facer xustiza, nin esclarecer a verdade do acontecido, pero a través do consenso entre todos os partidos políticos con representación no noso Concello, nun acto de responsabilidade e compromiso, contribuiríamos a recoñecer e dignificar ás vítimas e familiares do accidente ferroviario Alvia 04155.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal da Marea de Vigo, presenta para o seu debate e posterior aprobación en pleno a seguinte proposta de

ACORDO

1  –  Dar apoio expreso á Plataforma de Vítimas do Alvia 04155
2 – Que o Concello de Vigo reciba á Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, para coñecer as súas demandas e reivindicacións.
3 – Solicitar ó Goberno do estado que encargue a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do acontecido.
4 – Solicitar ó futuro Goberno do estado a apertura dunha comisión de investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas.