moción decembro 2017. rexeitamento proxecto porto cabral

12 de Decembro de 2017

MOCIÓN CONTRA O PROXECTO URBANÍSTICO COÑECIDO COMO “PORTO CABRAL” E ACORDOS COMPLEMENTARIOS.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Dende os anos 90, sucesivas decisións ligadas ao proceso de redacción do planeamento urbanístico fixeron dos terreos forestais da parroquia de Cabral encadrados no ámbito coñecido como Liñeiriños unha “peza” apetecible para intereses inmobiliarios e especulativos.

A principal evidencia disto é a propia inexistencia de clasificación como reserva forestal ou clasificación equivalente tanto nos intentos de ter unhas normas urbanísticas adaptadas á lexislación antes do ano 1993 como no mesmo PXOM do 93 (actualmente vixente) como no do 2008 (anulado en 2015) a pesar de tratarse de terreos pertencentes a unha comunidade de montes e catalogados como comunais dende o ano 1989, estando xa antes da ditadura franquista coa mesma consideración xurídica.

Dende entón sucedéronse varias tentativas de darlle forma a proxectos urbanísticos de todo tipo. Nese sentido en febreiro de 2013 os directivos do fondo de inversión Eurofund, Ian Sandford e Salvador Arenere, reúnense co conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia e posteriormente co alcalde de Vigo Abel Caballero co obxecto de recoller apoios para PortoCabral, o macrocentro comercial e de ocio que presuntamente proxectan desenvolver en Liñeiriños, Vigo, ocupando uns 300.000 metros cadrados de monte comunal.

A receptividade e valoración positiva tanto da Xunta como do Concello de Vigo a PortoCabral son recollidas naquela altura na prensa, así como o total e sospeitoso entendemento coa directiva da comunidade de montes de Cabral a pesar de que o proxecto supoñía a práctica eliminación da maior parte do monte comunal na parroquia.

Para ese fin, era necesario o posicionamento da asemblea de comuneiros e comuneiras, feito que se produce en novembro de 2013, onde, por 344 votos en contra e 297 votos a favor, a expropiación dos terreos e polo tanto o proxecto foi rexeitado a pesar das sucesivas tentativas da xunta reitora de levalo adiante. De saír adiante, Eurofund xustificaría a utilidade pública e faríase cos terreos, que deberían saír a concurso público tras ser expropiados polo concello.

As presas por parte tanto do Concello como de Eurofund para conseguir que os comuneiros de Cabral aprobasen naquela altura canto antes a expropiación dos terreos facíase patente nas súas intervencións recollidas na prensa, onde se chega a falar da creación de 5000 postos de traballo gracias a Porto Cabral (as cifras a este respecto varían segundo a ocasión pero en todo caso superan sempre en varios miles calquera cifra crible), mencionábase o interese de todo tipo de marcas con grande aceptación coma Ikea ou Primark polo proxecto, sen dar en ningún caso ningún tipo de confirmación por parte destas firmas que puidera facer cribles estas afirmacións, e incluso se fala da construción dun lago con olas e dunha pista de neve artificial pero sen referencias concretas que fagan pensar na existencia dun anteproxecto sólido.

Pese a estes anuncios, en ningún momento nin dende a Xunta, nin dende o Concello nin dende Eurofund se transmite aos veciños de Cabral nin ao resto da cidadanía información concreta sobre o proxecto, a pesar de ser solicitada en varias ocasións. Nin planos, nin anteproxecto, nin os requiridos estudios de viabilidade e impacto ambiental. Nada. Pretendíase que os comuneiros de Cabral aprobaran en asemblea a expropiación do monte para a realización dun proxecto do que ninguén tiña (nin ten a día de hoxe) ningún tipo de coñecemento nin dato fiable enriba da mesa.

A anulación do PXOM de Vigo no 2015 supuxo un revés para o proxecto xa que sen planeamento, as expropiacións contidas no ámbito e o proceso de urbanización complicábase polo que para gran parte da sociedade viguesa o proxecto de Porto Cabral morría co plan anulado. Nada máis lonxe da realidade.

As sucesivas medidas promovidas pola Xunta de Galicia para paliar os efectos da anulación do PXOM en Vigo dende a tentativa de modificar a nova Lei do solo mesmo durante o seu trámite parlamentario ate a final decisión de artellar unha lei específica de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia o excepcional interese, pasando pola Lei de acompañamento aos Orzamentos do 2017 para darlle percorrido a determinados ámbitos urbanísticos contidos nos PXOM´s anulado en cidades e vilas non clarifica se determinados proxectos como o de Porto Cabral poden ser reais en base a esta sorte de planeamento especial e mesmo temporal.

Máis recentemente, unha suposta iniciativa veciñal e empresarial alentada dende a xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral pretende que algún grupo do parlamento de Galicia ampare unha Proposición non de lei (con mero valor de declaración de intencións) para darlle adiante ao proxecto de Porto Cabral pola vía de proxecto de interese supramunicipal ou proxecto de excepcional interese público, argumentando os supostos postos de traballo permanentes que crearía o proxecto. O pasado 1 de decembro foron presentadas 70.000 firmas con diversas irregularidades. Irregularidades en canto a censo (figuran mesmo persoas falecidas) ou con firmas de persoas mesmo non residentes no ámbito da comarca de Vigo ou mesmo doutras provincias.

Vigo é agora mesmo unha cidade saturada por centros comerciais presentes ou futuros como o que a propia ADIF artella na estación intermodal de Urzáiz, con un aumento importante de peches de comercios dentro das áreas comerciais existentes. A apertura dun macrocentro de ocio e comercio destas características nas aforas da cidade funcionaria, xa non só como destrutor de pequeno e mediano comercio, senón tamén como barreira disuasoria para a entrada de miles de clientes potenciais na propia cidade.

Este proxecto, que sistematicamente queren rescatar dos sucesivos paros legais que sofre o urbanismo vigués, é lesivo para a cidade de Vigo polas seguintes razóns:

En primeiro lugar, un macrocentro comercial (se fora esta a finalidade dos terreos) construído a expensas dun monte comunal atentaría contra a conservación e protección do medio natural, suporía o beneficio dunhas poucas mans privadas a costa da expropiación dun monte que é de todos.

Segundo, porque afogaría ao comercio local. Está demostrado que, debido á liberalización de horarios e a precariedade laboral imposta por este tipo de grandes superficies, os efectos na comarca son a diminución de capacidade adquisitiva e o empeoramento das condicións laborais e polo tanto a destrucción neta de emprego a medio e longo prazo.

E en terceiro lugar, o xeito no que Eurofund e Concello de Vigo están levando a cabo a súa folla de ruta, con absoluta falta de transparencia e total opacidade, asinando presuntamente convenios económicos dun xeito completamente arbitrario con asociacións que se verían beneficiadas co desenvolvemento de Porto Cabral.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes

ACORDOS:

O Concello de Vigo solicita que a Xunta de Galicia estude e de ser necesario estableza unha moratoria sobre calquera solicitude de licenza para a construción de centros comerciais que se presente no Concello de Vigo, moratoria que irá vinculada á redacción do novo PXOM e con vixencia a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Concello de Vigo comprométese a que o ámbito de Liñeiriños presente no anterior PXOM anulado do ano 2008 desapareza e este espazo importantísimo, parte do Monte Comunal de Cabral sexa por primeira vez clasificado como “reserva forestal” e quede fóra de calquera uso residencial, comercial, industrial, etc…

Non aprobar, en tanto en canto a aceptación da ordenación provisional para o SUC permite un máximo de 3,5 anos de redacción e aprobación do novo PXOM de Vigo, ningunha solicitude urbanística para este ámbito.

Instar á Consellería de Medio Rural, Dirección Xeral de Montes a garantir o dereito dos comuneiros e comuneiras á participar nas asembleas, a ser parte das decisións que hoxe de xeito ilegal aproba exclusivamente a xunta reitora da Comunidade de Montes e, en definitiva, aplicar a Lei de Montes de Galicia sobre o Monte Comunal de Cabral e evitar a excepcionalidade que se está a producir.