moción creación parque de vivendas municipal. maio 2016

27 de Maio de 2016

Levamos vivindo e asistindo nestes últimos tempos a graves situacións nas que se ven inmersas unha gran cantidade de familias, nosas e nosos veciñas e veciños que, por diferentes motivos, se ven en situacións de emerxencia social e habitacional, enfrontándose en moitos casos a circunstancias tan lamentables como desafiuzamentos; circunstancias que requiren dunha resposta colectiva e inmediata. Dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo, consideramos que, ó marxe das competencias autonómicas en materia de vivenda; os Concellos, institución máis próxima á veciñanza, posúen o apoio legal suficiente que permite a creación de ferramentas para afrontar a conxuntura actual de crise habitacional.

A Lei 7/85 reguladora das Bases do Réxime Local, modificada pola Lei 27/2013, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local establece que os Concellos poden promover toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal. Igualmente especifica que estes exercerán en todo caso como competencias propias a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

O artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, dispón que os Municipios exercerán competencias na atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social, competencia obrigatoria de acordo co artigo 26.1.c) da devandita Lei.

Para dar cumprimento a estes aspectos, o Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa ven de propoñer aos demais Grupos Municipais unha proposta de regulamento para tal fin, e insta a esta Corporación Municipal, a través de esta moción, a súa materialización, propoñendo os seguintes

ACORDOS

1 – Aprobación da proposición sobre a creación dun parque municipal de vivendas para familias desafiuzadas co obxectivo de proporcionar solucións habitacionais para familias que se atopen nunha situación de risco de exclusión social por perda da súa vivenda habitual, xa sexa en propiedade ou aluguer e precisen de intervención pública inmediata.
2 – A elaboración dun Regulamento en cumprimento e desenvolvemento da devandita proposición e aos efectos de establecer a constitución, composición, organización, funcionamento e beneficiarios do parque municipal de vivendas.