moción de apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo e outros acordos de memoria histórica

4 de Setembro de 2020

En xullo de 1936, a sublevación militar encabezada por Francisco Franco derrocou o Goberno lexítimo da II República e instaurou un réxime totalitario baseado na persecución e aniquilación física dos defensores e defensoras da liberdade, da xustiza social e dos dereitos humanos.

Este réxime ditatorial foi sostido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a máis feroz represión de calquera oposición, empregando para tal fin medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o pobo. Trala morte de Franco, co empuxe e a forza que a loita popular viña exercendo en Galicia e no resto do Estado, así como tamén grazas á presión internacional, produciuse un cambio de réxime, pero a chamada Transición garantiu a impunidade do franquismo.

Dende o ano 2010, unha xuíza arxentina leva adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos por delitos de xenocidio e lesa humanidade, delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de “lei de punto e final”. Aínda sendo tramitada desde instancias internacionais, esta querela vén quebrando e regañando ese muro de impunidade do franquismo contra o que tantas persoas, tamén veciños e veciñas de Vigo, investigadores e organizacións sociais e políticas vimos combatendo. Resulta, pois, un feito de importancia transcendental na loita pola Xustiza, a Verdade e a Reparación dos danos causados ás centos de miles de vítimas do franquismo.

Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:

1. O Pleno do Concello de Vigo condena a sublevación militar-fascista dirixida polo Xeneral Franciso Franco Bahandome en xullio de 1936 contra o réxime republicano lexitimamente constituído no ano 1931. Igualmente, condena o réxime ditatorial posterior que durante corenta anos reprimiu a sangue e lume todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos humanos.
2. Nesta liña de compromiso, o Pleno do Concello de Vigo manifesta o seu apoio e adhesión á Querela 4591/10 do Xulgado Nº1 de Buenos Aires, República Arxentina, que leva adiante a maxistrada María Servini de Cubría por delitos de xenocidio e lesa humanidade contra os responsables da conculcación dos dereitos humanos durante o Franquismo.

3. O Pleno do Concello de Vigo solicita a incorporación á Rede de Cidades pola Xustiza e a Memoria, plataforma de concellos de todo o Estado comprometidos a impulsar accións xudiciais para rematar coa impunidade da ditadura franquista.

4. Creación dunha Oficina Municipal de Memoria Histórica que se organice en dúas mesas de traballo -unha Mesa Técnica e unha Mesa de Participación- co obxectivo de abordar, de xeito planificado e sistematizado, as principais medidas que precisa Vigo neste ámbito.

5. Revisión da simboloxía franquista dos edificios de titularidade municipal co obxectivo de eliminala e instar a outras Administracións a que fagan o propio nos edificios da súa titularidade, tendo en conta o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica e tamén a recente aprobación da eliminación do escudo do Santa Irene. A presenza do monumento fascista coñecido como a cruz do Castro, inaugurada polo mesmo ditador como homenaxe aos caídos dun bando, continúa a exercer violencia simbólica sobre miles de vigueses e viguesas; polo que propoñemos a súa eliminación.
6. Sinalización, mediante placas ou outro tipo de soporte, dos escenarios representativos da memoria de Vigo: Porta do Sol, Pereiró, cárcere no actual MARCO, Frontón de María Berdiales, porto de Vigo, Lavadores, entre outros. A partir desa sinaléctica, podería elaborarse un “Roteiro da Memoria de Vigo”. Cómpre identificar os lugares referenciais da historia para evitar que se convertan en lugares de esquecemento, como paso previo á súa conversión en lugares de negación.

7. Recoñecemento específico a tres vigueses, loitadores pola liberdade e pola democracia, que estiveron entre os últimos asasinados polo franquismo: José Humberto Baena Alonso, José Luis Sánchez-Bravo Solla e Xosé Ramón Reboiras Noia. Propoñemos a colocación dunha placa ou monumento conmemorativo.

8. Recoñecemento institucional aos 226 funcionarios municipais represaliados pola Comisión Depuradora do Concello no período inicial da ditadura e iniciación, xunto con cantos grupos, entidades e cidadáns queiran sumarse, do traballo necesario para a interposición dunha querela ante os Xulgados de Instrución de Vigo a efectos de que por parte de estes se investigue os crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista que afectaron a veciños e veciñas deste concello.

9. Revisión das condecoracións da cidade outorgadas durante o réxime franquista, na medida en que moitas delas responderon a criterios antidemocráticos de afección ao réxime.