moción agosto 2018 (pleno setembro) de petición de comisión de investigación accidente do marisquiño.

5 de Setembro de 2018

O acontecido o pasado domingo 12 de agosto na contorna do Paseo das Avenidas durante a celebración do evento coñecido como O Marisquiño pode ser un dos accidentes máis relevantes que teñen sucedido no termo municipal de Vigo nas últimas décadas, en canto ao volume de persoas feridas (afortunadamente sen lamentar vítimas mortais) e en canto ao impacto mediático e social ao producirse durante un evento que pode ser cualificado de ampla repercusión mediática incluso a nivel internacional.

O accidente ten xerado de xeito inmediato un gran debate na sociedade viguesa, unha serie de dilixencias xudiciais e actuacións de aseguradoras e despachos de avogados/as que lamentablemente non teñen unha resposta análoga por parte do parlamento dos vigueses e viguesas que non é outro que o Pleno do Concello.

E non a ten porque de xeito inmediato, tanto Concello de Vigo como Autoridade Portuaria comezaron o que semella unha manobra evasiva para evitar asumir as posibles responsabilidades de cada ente, ofrecendo cara ao público unha serie de declaracións que consideramos demasiado prematuras sen os informes técnicos e policiais precisos. Deberían ter ofrecido, de xeito responsable, a información relacionada coa xestión da infraestrutura onde se produciu o accidente ou sobre as propias xestións administrativas da solicitude de celebración do propio evento en canto a permisos, seguros, Plan de Autoproteción, emerxencias, etc…información coa que ademais ambas administracións contaban e que, moitos días máis tarde foron aportando a base de reiteradas peticións.

Estamos ante un suceso que transcorre nun ámbito concreto, con administracións públicas sinaladas e con marcos normativos claros en canto a lexislación local e autonómica, polo que establecer un traballo pausado e normal de aclaración polo acontecido non debería significar ningún problema como outros concellos fixeron en accidentes semellantes, o concello de Madrid no Madrid Arena por exemplo, ou comisións ante procesos xudiciais abertos ou cuestións políticas importantes.

Non pode ser a vía xudicial ou a folla de ruta das aseguradoras privadas a que marque a reflexión política e moito menos a espera das mesmas a que xustifique non buscar as causar e remediar posibles accidentes no futuro en espazos públicos froito dunha mala xestión administrativa, polo que o grupo municipal da Marea de Vigo considera imprescindible abrir un espazo de debate e traballo dos grupos municipais para ditaminar a casuística e os factores a corrixir no futuro no tocante á xestión municipal no accidente de O Marisquiño. Analogamente Parlamento de Galicia e Ministerio de Fomento-Autoridade Portuaria deberían realizar o mesmo procedemento interno, aínda que, a día de hoxe, o primeiro intento para poder esclarecer o acontecido xa foi frustrado por parte do Partido Popular e o Partido Socialista, ao ter votado en contra da apertura dunha Comisión de Investigación Parlamentaria no Parlamento galego solicitada polo grupo parlamentario de En Marea.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO

A apertura dunha Comisión Especial de Investigación para elaborar un ditame sobre o accidente do Marisquiño, no tocante aos aspectos que atinxen á xestión municipal en canto a responsabilidades sobre o espazo portuario cedido para a celebración do evento, permisos e licenzas, Plan de Emerxencia e Plan de Autoproteción, xestión durante as horas posteriores ao accidente e mecanismos para evitar no futuro accidentes semellantes.