mocion decembro 2016. recuperación do lagares

22 de Decembro de 2016

A mellora da situación medioambiental do río Lagares no seu tramo urbano e nos tramos que transcorren no rural vigués, segue sendo unha materia pendente deste Concello. Ao longo dos anos, diversas agresións ambientais pero tamén en forma de infraestruturas e actuacións urbanísticas teñen posto en risco o xa feble ecosistema fluvial que existe no río. Verquidos incontrolados, recheos, modificacións de tramos, e desvíos de canles, teñen posto ao Lagares en colapso ambiental permanente, ao que nunca se lle procurou solución e sempre contou con escaso recorrido orzamentario a nivel local nas diferentes lexislaturas.

En datas recentes, a Comunidade de Montes de Cabral iniciou unhas obras na beira do lagares ao paso pola parroquia que, paralizadas nun primeiro momento por graves incumprimentos ambientais e legais, foron autorizadas de novo neste 2016 coa suposta garantía de que o Concello estaría establecendo medidas de control para que as obras que se levasen a cabo se axustaran ao proxecto autorizado.

En vista deste proxecto, e ao marxe de contar coa preceptiva autorización, colectivos e organizacións ecoloxistas como Os Verdes, Equo e Lagares Vivo alertaron dos perigos desta actuación nas ribeiras do río Lagares e no entorno por varios motivos que expuxeron no seu día, así como as propostas en canto ao desenvolvemento do proxecto que deberían ser tomadas en conta á hora de autorizar actuacións deste calado que reproducimos a continuación:

En primeiro lugar, este proxecto debería ter sido minuciosamente estudado e planificado, e mesmo integrado con outros proxectos parellos (paseo á altura do polígono de Miraflores actualmente tamén proxectado) para cumprir criterios comúns en canto ao deseño e características construtivas, para que no caso de realizar unha conexión de todas esas rutas non se aprecien cambios aparentes no deseño.

Analogamente deberíanse esixir estudos ambientais en todas as intervencións para determinar as áreas de alto valor biolóxico e ecolóxico, co obxectivo de salvagardar os ecosistemas no mellor estado posible e con mínimas modificacións do estado orixinal. Concretamente, as obras levadas a cabo en Cabral deben garantir a preservación íntegra da zona de Chans das Rás, onde, por exemplo, florece entre febreiro e marzo a especie Narcissus cyclamineus, raro endemismo de Galiza e norte de Portugal. É indispensable que as obras do sendeiro manteñan esta paraxe intacta e non se leve a cabo ningunha acción que implique movementos de terras nin ningún outro tipo de acción destrutiva no terreo. Deberíanse, asemade, instalar sinaléctica informativa para que os usuarios do sendeiro coñezan esta especie e valoren a súa importancia ecolóxica.

O proxecto debería ir acompañado dun plan sobre a recuperación do espazo físico público do río, coma os 5 metros dende o punto de máxima crecida, co fin de especificar se se vai expropiar ou facer concesións de uso dos terreos, actualmente ocupado por construcións, naves e estradas e camiños. O obxectivo é crear un “corredor verde” de 10 m de ancho, 5 a cada lado, e unha zona natural nas marxes do río que sirva tanto para un un lugar de lecer e recreo, como para ser garante da función biolóxica de recuperación de fauna e flora.

Sería preciso ademais prohibir calquera intervención que modifique a canle natural do río, debéndose manter un mínimo de 2 metros dende a ribeira habitual do río ata calquera obra, desterro ou construción, co fin de alterar o mínimo posible o seu estado natural.

Deberíase incluír ademais un listado de flora permitida na reforestación de tramos do río, previo estudo das árbores naturais do mesmo, así como un listado de flora e fauna invasora a eliminar para evitar a competencia ca flora e fauna autóctona.

Todos os planos de actuación deberían conter de xeito detallado os mecanismos de mantemento e conservación dos sendeiros que se contemplan.

Alén disto, os promotores dos tramos de senda deben ser os responsables do cumprimento integro de todas estas condicións, sendo por tanto os encargados de notificar calquera punto de vertedura, contaminación ou residuos que atopen durante a construción na zona do permiso para que as administracións competentes poñan solucións a eses puntos negros de contaminación. Tamén é imprescindible que as autoridades competentes realicen un seguimento dos traballos durante a execución dos mesmo para comprobar que estas cumpran os requisitos ambientais estipulados.

As actuacións non poden ser illadas e deben estar inseridas nun plano máis ambicioso de recuperación integral do río en todo o seu curso. Neste sentido, propóñense unha serie de medidas necesarias para ir avanzando nesta dirección, e por elo, o Grupo Municipal da Marea de Vigo traslada esta proposta de

ACORDO

Asumir as seguintes medidas como primeiro paso cara a óptima recuperación do río Lagares:

1.- Declaración do curso alto do río como Espazo Natural de Interese Local.

2.- Posta en valor do patrimonio que se atopa no curso do río coa limpeza das pintadas e a colocación de paneis que informen das súas características e historia, en lugares como a ponte medieval de Castrelos e outros lugares de valor patrimonial.

3.- Acometer con carácter urxente un Plan de recuperación e rexeneración do río no tramo que transcorre pola parroquia de Lavadores, xa que é o que ofrece peor estado, ata o estremo de que en boa parte é imposible o acceso ao rio.

4.- Posta en marcha dun Plan de Prevención e Vixilancia polos verquidos que sofre o río ( na actualidade, a cantidade e intensidade de verquidos que recibe resulta intolerable) que inclúa, como mínimo, os seguintes puntos:

a) A conexión das casas á rede de residuais para evitar verquidos fecais e de deterxentes.
b) O selado de tubaxes que dan ao río e a eliminación dos focos de polución.
c) Control sobre as industrias para que cumpran coa normativa de tratamentos de residuos.

d) Implementación de tecnoloxías limpas nesas mesmas industrias.

e) Control exhaustivo da calidade das augas e do ecosistema fluvial, mediante análises periódicas.