moción decembro 2018. moción polo cumprimento do acordo plenario de xaneiro e a convocatoria da comisión de vixilancia da contratación pública.

15 de Decembro de 2018

En setembro e decembro do 2015, apenas sen previo aviso, pechaban os aparcadoiros da Porta do Sol e da Praza de Portugal respectivamente, deixando a once familias na rúa e cun futuro laboral moi incerto. No propio mes de decembro dese ano, o Grupo municipal da Marea de Vigo rexistraba unha moción que ía ao Pleno no mes de xaneiro do 2016, na que se pedía que se respectara o dereito de subrogación da totalidade do cadro de persoal de ambos centros de traballo en base ao convenio colectivo de aplicación, o artigo 44 do ET e un acordo plenario do ano 1996, no que xa daquela altura quedaba aprobada a imposición da subrogación en dereitos e obrigas coas adxudicatarias de servizos municipais. A moción da Marea de Vigo, aprobada por unanimidade en xaneiro do 2016, garantía que, con independencia do tempo que pasara, este persoal volvería ao seu centro de traballo cando este fora concesionado de novo.

Finalmente, nos pasados días, o aparcadoiro da Praza de Portugal volveu abrir as súas portas tras un proceso de contratación no que quedou como empresa adxudicataria Dornier-Empark, a mesma empresa que ten o contrato da Xestion de Estacionamento Regulado, cuxo persoal, de non mudar nos próximos días a situación, levará xa nunha folga indefinida 117 días na data de celebracion deste Pleno. Mais o persoal asociado ao centro de traballo, as 5 persoas que quedaban en decembro do 2015 na rúa, continúan na mesma situación, a pesar de todos os actordos plenarios que lles terían que ter garantido o seu posto de traballo, e a pesar de figurar como persoal asociado a ese centro de traballo na propia documentación pertencente ao expediente do recente proceso de adxudicación do devandito aparcadoiro.

Somos conscientes de que pasados estes anos, pasados os varios procesos xudiciais aos que se tivo que enfrontar o persoal, e pasada a manifesta falta de vontade política que provocou esta situación, resulta case imposible que se poida dar unha situación de subrogación nos termos nos que tería que ter sucedido na súa altura, mais tamén somos conscientes da existencia de alternativas cuxo resultado é a contratación destas persoas no mesmo centro, e é por isto que, do mesmo xeito que o mesmo partido que hoxe está no goberno, no ano 1996 desde a oposición presentaba unha moción pola garantía de subrogación do persoal das concesións de servizos públicos que era rexeitada polo goberno para, un mes máis tarde, asumila desde o propio Goberno nunha correcta rectificación, entendemos que, se desta volta aparece a vontade política e a coherencia por parte do Goberno do PSOE cara a un colectivo de traballadores especialmente perxudicado baixo a responsabilidade deste Concello, poderemos atopar solucións.

Do mesmo xeito, e como ferramenta cara a mellora do control das concesións públicas e mellora das condicións laborais dos seus cadros de persoal, sobre as que existe unha grande e evidente eiva neste Concello, desde a Marea de Vigo reiteramos a necesidade da convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación, obrigatoria segundo o Regulamento do Pleno pero que xamais se convocou no que levamos de lexislatura.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguintes

ACORDOS:

1.- Convocar de xeito inmediato a comisión de vixilancia da contratación pública segundo o artigo …. do Regulamento do Pleno.

2. – Cumprir co obxectivo do acordo plenario de xaneiro do 2016 e a propia documentación do expediente de contratación do aparcadoiro da Praza de Portugal levando a cabo todas as accións encamiñadas á contratación do persoal asociado ao aparcadoiro por parte da empresa adxudicataria.