moción en apoio ao persoal de xustiza

19 de Febreiro de 2018

MOCIÓN EN APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA XUSTIZA DE GALICIA E ACORDOS COMPLEMENTARIOS.

Dende hai moitos anos asistimos a unha situación insostible na xustiza galega en canto a compromiso do goberno da Xunta de Galicia na súa responsabilidade como fonte de inversión pública. Esta situación foi sistematicamente denunciada polas organizacións sindicais da administración de xustiza; denuncia que non tivo resposta proactiva do goberno autonómico e que mesmo foi acompasada cunha degradación do sistema público de administración de xustiza en canto a tempos de tramitación, existencia de salas de xulgados suficientes nas cidades e vilas do país e especialmente en canto á adecuación dos cadros de persoal necesarios nos centros de traballo e mesmo os dereitos laborais dos mesmos.

Lonxe de afrontar esta situación como un goberno responsable, o executivo de Núñez Feijoó, o conselleiro Rueda, o seu director xeral de Función Pública e o de Xustiza “ningunearon” sistematicamente á lexítima representación sindical que alertaba dunha situación laboral precaria e claramente discriminatoria se temos en conta o diferencial cos dereitos de persoal de xustiza noutras comunidades. Agravios que van dende a inexistencia de reforzos suficientes nos xulgados galegos, número de prazas insuficientes nas convocatorias públicas de emprego, dereitos en caso de IT´s e baixas laborais, e cláusulas de revisión salarial que eviten a importante perda de poder adquisitivo dos cadros de persoal dos xulgados galegos.

Esta situación de insostibilidade levou ao conxunto das organizacións sindicais CIG, USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO a convocar diversas xornadas de folga dende o pasado mes de decembro cun seguimento de máis do 90% en Galicia, especialmente na nosa cidade cun 95%, o que amosa unha unidade total nas reivindicacións no colectivo de traballadores e traballadoras da xustiza galega.

Fronte a esta exemplar resposta, o goberno da Xunta despregou unha política de “0 negociación” que soamente foi parcialmente emendada cando a presidenta do Consello galego de relacións laborais (CGRL) asumiu un papel mediador ante a gravidade da situación xerada.

Pola súa banda o goberno galego artellou unha estratexia de criminalización do sector, acusándoo de paralización da xustiza; mesmo empregando unha estratexia comunicativa vitimista e claramente focalizada en poñer á opinión pública galega e viguesa contra os cadros de persoal dos xulgados.

Como lembraban os voceiros dos sindicatos de xustiza nun medio recentemente: “Isto non é unha reclamación económica, esta é unha reclamación contra a discriminación que temos as traballadoras e traballadores da xustiza galega fronte ao resto de traballadores da xustiza no Estado. A día de hoxe, as e os traballadores da xustiza galega estamos discriminadas/os a nivel sanitario fronte a maxistrados, fiscais, secretarios/as xudiciais. En baixas por gripe, varicela ou sarampelo eles non teñen ningún tipo de desconto e a nós descóntannos 50%. Pero os traballadores dos outros territorios do Estado tampouco teñen descontos pola gripe. Nós si”.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede as seguintes propostas de

ACORDOS:

1. O Pleno do Concello de Vigo amosa a súa solidariedade cos cadros de persoal dos xulgados galegos e de Vigo na loita polos seus dereitos e por unha administración de xustiza con recursos para a súa eficiencia.

2. O pleno do Concello de Vigo insta ao presidente da Xunta de Galicia, á Consellería de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a establecer unha canle seria de negociación coa representación sindical dos traballadores e traballadoras da xustiza de Galicia

3. O Pleno do Concello de Vigo denuncia a situación de marxinalidade e discriminación que sofren os traballadores e traballadoras de xustiza de Galicia en canto a: equiparación de baixas médicas con xuíces, letrados xudiciais e fiscais; a non devolución de partidas salariais recortadas entre os exercicios 2013 e 2016; creación de prazas ocupadas por funcionarios de reforzo; uniformidade salarial entre persoal fixo e substituto; e discriminación salarial con respecto a funcionarios do sector noutras comunidades.

4. O Pleno do Concello de Vigo insta á Xunta de Galicia a reverter as externalizacións na administración de xustiza (os orzamentos autonómicos creceron dos 3 aos 11 millóns de euros para estes fins en menos de 5 anos).