moción en apoio á folga feminista do 8 de marzo

28 de Febreiro de 2018

Os efectos das desigualdades entre mulleres e homes maniféstanse todos os días en practicamente todos os contextos das nosas vidas. Estas desigualdades tradúcense na súa máxima expresión nos case 1000 feminicidios nos últimos 15 anos no ámbito estado ou nas máis de 5000 denuncias recibidas nos xulgados galegos no último ano.

No eido laboral, esta desigualdade, xunto coa precariedade que xa está a sufrir a clase traballadora, multiplícase no caso das mulleres xerando unha fenda salarial de máis do 20%. A parcialidade e a temporalidade, os postos onde historicamente ten colocado o patriarcado ás mulleres (relacionados co traballo reprodutivo e de coidados), seguen impedindo acadar en moitas ocasións postos de responsabilidade, facendo chocar ás mulleres con ese teito de cristal construído nun mundo laboral deseñado por e para os homes baixo unha perspectiva machista. No caso das pensións, as mulleres representan o 65% da poboación mundial que, tendo acadado as idades previstas pola lexislación para percibir unha pensión de xubilación, non a reciben. Ao igual que se falamos de economía somerxida, onde as mulleres, a niveis mundiais, veñen representar un 63%, consolidando así un modelo laboral lonxe dos parámetros dun traballo digno e con dereitos, ao carecer de toda protección.

O traballo reprodutivo e de coidados, alcanza no Estado o 53 % do PIB, o que significa que o propio Estado fai recaer nas mulleres gran parte do que debería estar sendo atendido a través dos servizos públicos. A creación da lei de dependencia no seu día, a pesar de ter un obxectivo positivo en canto ao recoñecemento do traballo de coidados como tal, consolidou o papel das mulleres nos traballos relacionados cos coidados. Os efectos da crise, as ansias de beneficios das empresas privadas e permitir a entrada destas facendo de xeito privatizado o que debería xestionarse desde o público, xeraron unha serie de novos sectores laborais, ocupados maioritariamente por mulleres, que afondan aínda máis nas desigualdades de xénero. Sectores precarizados con grandes niveis de parcialidade e temporalidade.

No ámbito doméstico e dos coidados, as mulleres seguen a ter, coma se dunha cuestión biolóxica se tratara, unha carga desproporcionada de traballo. Traballo non remunerado no que apenas existe un reparto equitativo de responsabilidades. Isto seguirá perpetuándose mentres non se leven a cabo medidas efectivas de conciliación e corresponsabilidade.

É inaprazable polo tanto implementar as medidas necesarias cara a combater a discriminación e a desigualdade, mellorando as condicións laborais das mulleres, implementando medidas reais de corresponsabilidade, recoñecemento do traballo reprodutivo e de coidados dun xeito digno e en igualdade, así como a esixencia de recursos e ferramentas para a loita contra as violencias machistas, tales como a trata de mulleres para consumo sexual, a prostitución, as agresións sexuais e os incesantes asasinatos de mulleres.

Por estas e moitas máis razóns este Concello debe apoiar á Folga Feminista convocada para este 8 de marzo. Este ano as mulleres, a través das diferentes asociacións feministas, decidiron parar en todos os ámbitos das súas vidas: folga laboral, de consumo, estudantil e de coidados. As mulleres queren demostrar así ao mundo que sen elas, o mundo non se move. As mulleres tomarán as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo senón que tamén é necesaria a súa transformación. Unha transformación estrutural e transversal que mude o patriarcado por xustiza e igualdade.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede as seguintes propostas de

ACORDOS:

1. Apoiar a Folga Feminista do próximo 8 de marzo, así como tódalas mobilizacións e accións convocadas co mesmo obxectivo colaborando na súa difusión chamando á veciñanza á participación.

2. Facilitar todos os medios dispoñibles desde o Concello como a adopción das medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito á folga por parte das mulleres traballadoras do Concello que se sumen á mesma.

3. Colocar no Concello a faixa en apoio á folga feminista do 8 de marzo.