moción en apoio ás persoas de “la insurgencia”.

7 de Xuño de 2017

MOCIÓN PARA AMOSAR APOIO DO CONCELLO DE VIGO ÁS PERSOAS DE “LA INSURGENCIA” ACUSADAS POR ENALTECEMENTO DO TERRORISMO POLAS LETRAS DAS SÚAS CANCIÓNS.

Desde a chegada do Partido Popular ao Goberno no ano 2011, as sentencias da Audiencia Nacional por delitos de enaltecemento do terrorismo non paran de crecer ano tras ano, nunha progresión que, se ben se fixo salientable xa no ano 2015, coa celebración de 25 xuízos, dos cales 14 foron por mensaxes en redes sociais, no ano 2016 ten acadado a marca máxima, mais todo indica que pode ser de novo superada este mesmo ano. Foi tamén no 2011 cando ETA renunciou de maneira definitiva ás armas, mais, paradoxicamente, este ano marcou o inicio da vaga represiva (maiormente a través da persecución de publicacións en redes sociais e canción de grupos ou solistas de rap), ditándose cinco sentencias por estes delitos no 2011, dez no 2012, quince no 2013, catorce no 2014, ata as xa mencionadas 25 no 2015. Ademais, no 2011, último ano coa organización terrorista en activo, só se ditaron dúas condenas por enaltecemento do terrorismo, ningún en redes sociais, dato salientable xunto coas escasas cinco condenas contra o terrorismo yihadista. Este tipo de terrorismo é precisamente a xustificación para a modificación do código penal plasmada na 2/2015.

A plasmación lexislativa do talante represor do actual Goberno conseguíu artellarse a través de tres elementos, como foron a reforma do Código Penal, a reforma específica deste referente aos delitos de terrorismo e a aprobación da nova Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como “lei mordaza”. Grazas a esta lei temos á Audiencia Nacional ocupándose de temas tan delirantes e absurdos como os chíos de Cassandra Vera, Guillermo Zapata ou César Strawberry; como podemos ver, estes chíos supoñen un alto grao de perigo para a cidadanía.

O obxectivo desta lei e destas modificacións non é outro que o Estado teña un halo de sacralidade á imaxe e semellanza daquela “correlación de forzas” entre igrexa e estado durante a ditadura franquista na que tanta inspiración parece atopar o goberno actual do Estado, e que, servirían para xustificar moitas das súas actuacións. Obxectivo para o que usa a non poucos intelectuais domesticados, maxistrados escollidos polo propio poder executivo en consonancia coa súa ideoloxía e unhas leis feitas a medida.

E isto mesmo é o que está a ocorrer cun grupo de xente nova que fai arte, música, poesía e rap/hip-hop. En concreto cinco rapaces veciños de Vigo pertencentes ao colectivo musical LA INSURGENCIA, que están actualmente nun proceso xudicial incriminados de maneira inxusta por esta LO 2/2015, que permite poñerlles o alcume de “terroristas” simplemente por facer rap.

Mais, que é a modesta provocación dos rapeiros de Vigo comparada con a petición de prisión desproporcionada da Audiencia Nacional, sumada, iso si a unha petición de inhabilitación para o exercicio da docencia ou cargo público?. No seu día pouca repercusión tivo a inclusión deste tipo de inhabilitacións, que agora usase para disciplinar ao discrepante co réxime saído do 78.

Acaso o aparato estatal e xudicial só consinte liberdade de expresión para expresar aquilo que quere escoitar?. Non é un dos alicerces do rap, do pensamento crítico e da arte en xeral, desenmascarar a hipocrisía dos que ostentan o poder, e o cinismo do poder monolítico que viola abertamente os propios principios de liberdade de expresión e pensamento?

No 2016, España non estivo ao marxe do menoscabo dos dereitos humanos. Así o sentencia o informe anual de Amnistía Internacional, que é moi claro sobre os campos nos que o Goberno español precisa mellorar no que a dereitos humanos se refire: tanto en materia de liberdade de expresión e reunión, como na xestión das denuncias de tortura. No documento acúsase a España de usar o delito de “enaltecemento do terrorismo” para procesar a persoas que exercen o seu dereito á liberdade de expresión.

A AN pretende condenar frases como “He vuelto pero no me había ido, estaba planeando cómo volar el Valle de los Caídos”, “No somos artistas, somos luchadores, no somos letristas, somos agitadores, somos militantes despertando mentes” ou “Esto no es el franquismo pero mucho se le asemeja, los mismos propietarios y los mismos entre rejas. Los mismos entre rejas, los mismos entre rejas, ¡Música de guerra!”. Precisamente nesta última frase que citamos é onde nos atopamos obxectivamente, observando o panorama xudicial do estado español; acusando a rapaces que practicamente non pasan dos 20 anos a 2 anos e 1 día de cárcere e multa de 16 meses cunha cota diaria de 10 euros, inhabilitándoos para exercer a docencia e/ou cargo público; rematando co futuro de moitos deles e excluíndoos do sistema só por defender a liberdade de expresión e pensamento.

Están a sentar no banquillo a cinco rapaces cuxo único delito é discrepar co poder establecido, coas institucións do Estado, coa opinión maioritaria,… O propio Tribunal Constitucional na súa sentenza nº 176/1995 sinala expresamente que a finalidade do artigo 578 do Código Penal en ningún caso é, nin foi nunca, a de prohibir a defensa de ideas ou doctrinas por máis que estas se alonxen ou incluso poñan en cuestión o marco constitucional. Do mesmo xeito que a Constitución non impón un modelo de democracia militante, non se esixe nin o respeto, nin a adhesión ao ordenamento xurídico nin á Constitución.

O proceso contra estes rapaces sóanos dunha época onde os escritores, cantantes, pintores e demais artistas tiñan que xuntarse na clandestinidade para non ser encadeados ou asasinados por facer arte e pedagoxía dende a liberdade de expresión: estabamos no franquismo. Agora estamos en democracia e polo tanto como organización política a Marea de Vigo amosa o frontal rexeitamento a estas condenas totalmente ideolóxicas permitidas polas leis impulsadas polo Partido Popular.

Os Concellos son as administracións máis próximas aos cidadáns. Temos a obriga de actuar en defensa das nosas veciñas e veciños, así actuou xa nesta lexislatura esta corporación, pedindo a derrogación da Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, a presentar un proxecto de lei modificando o IVE cultural ou instando ao Goberno de España a derrogación do infame RDL 16/2012 substituíndoo por outra lei que recoñecese a cobertura sanitaria universal como dereito constitucional en igualdade de condicións para tódalas persoas.

Polo exposto, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguintes

ACORDOS

1. – Apoio explícito do Concello de Vigo aos rapaces pertencentes a “LA INSURGENCIA”, condenados por presunto enaltecemento do terrorismo por facer rap.

2. – Rexeitamento deste Concello á Lei Mordaza (Ley de Seguridad ciudadana 4/2015)

3. – Informar de dito acordo ó Ministerio do Interior, Ministerio de Xustiza e Goberno de España.

4. – Rexeitamento á LO 2/2015, e petición expresa da súa modificación co fin de evitar condenas en base a delitos de opinión ou pensamento. Informar de dito acordo ó Ministerio do Interior, Ministerio de Xustiza e Goberno de España.