moción xullo 2018. apoio ao persoal tcae do hac.

26 de Xullo de 2018

Se algún sector público foi furado polo mercantilismo privado, ese é o conglomerado público da Sanidade. Os consecutivos gobernos neoliberais que pasaron tanto polo congreso como polo parlamento galego, converteron nun “queixo gruyère” un dos piares fundamentais da sociedade.

Cada comunidade autónoma dispuxo do seu particular plan para privatizar a Sanidade, quizais o madrileño ou o valenciano son os casos máis ostentosos de privatización pero sen dúbida o de máis alcance foi o galego impulsado polo goberno de Feijóo.

O plan de penetración do privado na Sanidade Pública desenvolvida polo Partido Popular non consiste en grandes contratos de externalización da atención médica senón nun sibilino pero constante furar que logrou que a cidadanía descoñeza realmente o alcance das consecuencias das políticas privatizadoras que foron e están aplicándose.

Boa parte da sociedade pensa que a bata branca segue sendo pública aínda que haxa derivacións masivas aos hospitais privados xa que estas sempre son xustificadas como alivio ás crecentes listas de espera, unhas listas que non cesan de incrementarse debido á paulatina redución de persoal sanitario na Sanidade Pública.

Pero o que hai detrás da bata branca na Sanidade galega está infestado de contratos con empresas privadas que van moito máis alá da limpeza, lavandería, cociñas ou mantemento dos centros de saúde ou hospitais. Non falamos de contratos menores cando nos referimos ao Laboratorio Central de Galicia, adxudicado a Unilabs; a historia clínica electrónica, que agora xestiona Indra; as telecomunicacións do Servizo Galego de Saúde de Galicia (SERGAS), do que se encarga Telefónica; a Plataforma Electrónica e o teléfono de cita previa, encomendados a Netaccede; así como o Servizo de Subministracións e Loxística, tramitado por Severiano Servizo Móbil; o mantemento de equipos sanitarios, dilixenciado por Ibérica de Mantemento SA; e as contratacións do SERGAS, das que se ocupa Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, participada por Microsoft, Telefónica e Indra.

Pero a gran posta en escena do modelo de colaboración público-privada foi a construción e xestión do novo hospital de Vigo (Álvaro Cunqueiro) cun sobre-custo do centro, que pasou de 450 a 1750 millóns, asumido polo erario público sen que isto carrexase melloras, xa que se rebaixaron o número de camas, os quirófanos, ou a superficie de Urxencias e os servizos de radioloxía.

Este binomio público-privado ensaiado polo Partido Popular para o Hospital Álvaro Cunqueiro foi altamente contestado na área sanitaria de Vigo con manifestacións históricas pola alta participación da cidadanía. Para contrarrestar esta alarma social, a administración autonómica utilizou todos os resortes para vender unha imaxe de normalidade para este macro centro hospitalario, desde campañas de prensa ata purgas do persoal médico máis contestatario. Un relato de normalidade que non calou do todo entre unha cidadanía moi sensible a calquera noticia que deixase patente a excepcionalidade deste hospital, que foi un fervedoiro de mobilizacións desde a súa posta en funcionamento e case todas elas para denunciar como a dirección política privilexia aos xestores privados en detrimento do público.

O último conflito ten como protagonistas ás TCAEs, auxiliares de enfermería, que, fartas de ser as mulas de carga viron como a súa demanda de incrementar o persoal foi respondida pola Dirección do hospital cun NON e a continuación co aumento das tarefas diarias asumindo cargas de traballo que claramente correspondían á empresa privada concesionaria da xerencia do hospital, froito ademais dunha nefasta xestión entre ela e as sucesivas empresas privadas que xestionan servizos no HAC, como a de limpeza.

O detonante das mobilizacións foi a orde ás TCAEs de asumir a tarefa de trasladar as bolsas de roupa sucia das e dos pacientes cando o persoal auxiliar de enfermería xa está desbordado ao ser obrigado a desempeñar labores tamén impropios como a de camareiras/os. A administración quere poñer o acento sobre a desobediencia das TCAEs presentándoo como un feito puntual e que a negativa para recoller ditas bolsas é froito só desa ociosidade enfermiza arraigada no funcionariado que tan interesadamente instauraron no imaxinario popular, nada máis lonxe da realidade.

Por suposto, non faltou a aplicación da consabida receita de apertura masiva de expedientes disciplinarios nun van intento de desarticular as mobilizacións e do uso das forzas policiais para invisibilizar as protestas retirando pancartas, carteis ou ameazando con multas nas diversas mobilizacións nas que este persoal fixo visible o seu conflito.

Pero estas bravas mulleres non se van a amedrentar porque saben que son, ante o letargo sociopolítico provocado polo canto de sereas mediático, a primeira barricada contra o espolio do ben común.

Para que as TCAEs non sexan a primeira e única barreira contra o latrocinio do ben común é necesario que dende as institucións as forzas políticas expresemos o noso apoio ás súas demandas .

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede a seguinte proposta de

ACORDOS:

1 – O Pleno do Concello de Vigo expresa a súa solidariedade coas TCAEs e o apoio ás súas reivindicacións dentro da loita pola defensa da Sanidade Pública, e rexeita ás coaccións exercidas pola Dirección do HAC contra este persoal.

2 – Instar á Xerencia do HAC á retirada dos expedientes que foron trasladados á inspección do SERGAS co obxectivo de estudar as sancións ás traballadoras.

3 – Instar á Xerencia do HAC a que faga responsable novamente desta función á sociedade concesionaria, a cal recibe, xunto ás empresas que contrata para a realización de diversas funcións, cuantiosas remuneracións anuais de cartos públicos