moción febreiro 2023, contra a suba dos tipos de interese anunciada polo bce
Por Marea de Vigo

Oriana Méndez Fuentes e Rubén Pérez Correa, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), presentan para o seu debate en Pleno e aprobación, se procede, a seguinte:
MOCIÓN CONTRA A SUBA DOS TIPOS DE INTERESE E EN DEFENSA DE MEDIDAS DE ALIVIO ALTERNATIVAS PARA FAVORECER ÁS FAMILIAS TRABALLADORAS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O BCE continúa coa súa folla de ruta de asfixia ás familias. Decidiu unha nova subida dos tipos de interese na zona euro de medio punto, ata deixar a taxa xeral no 3%, en máximos de finais de 2008.
A pesar de que a inflación está a remitir, Lagarde e De Guindos insisten no endurecemento da política monetaria incrementando o prezo do diñeiro. Como a ameaza de recesión económica non se concretou, o BCE parece que decidiu poñerse a traballar de xeito temerario sen avaliar que poden conseguir que se desate unha crise porque ademais avanzou que volverá subir os tipos noutro medio punto no vindeiro mes de marzo.
Hai 3,7 millóns de persoas con hipotecas no Estado español. Este tipo subiu case catrocentos puntos básicos desde decembro do 2021 ata xaneiro de 2023, trece meses e finalizou o pasado mes no 3,91%. O que agora di o BCE é que seguirá apertando a soga.
A alza no principal índice de referencia está a provocar un forte aumento nas cotas hipotecarias mensuais das familias que se irá estendendo durante os próximos meses a medida que se produzan as revisións periódicas correspondentes.
A porcentaxe dos fogares que dedican máis da metade da súa renda dispoñible ao pago da hipoteca baixou substancialmente, desde o 7,2% en máximos da crise pasada ao 2,5% en 2021. Ademais, a exposición ao risco de tipo de interese da carteira hipotecaria foise reducindo durante os últimos anos, aumentando o peso dos préstamos a tipo fixo. Con anterioridade á subida abrupta dos tipos de interese, tres de cada catro novas hipotecas concedíanse xa a tipo fixo e o prazo medio residual baixou dos dezaoito anos en 2017 a apenas dez a finais de 2021, co que habería marxe para solucionar os problemas incrementando o prazo das hipotecas.
Pero a pesar diso, teremos graves problemas derivados destas decisións de subidas de tipos de interese.
O Real Decreto aprobado en decembro de 2022 amplía o Código de Boas Prácticas vixente, para que poida cubrir a aqueles debedores vulnerables afectados por subas de tipos de interese que alcancen niveis de esforzo hipotecario excesivos. Teoricamente debería protexer ás familias con renda inferior aos 25.200 euros (tres veces o IPREM) que dediquen máis do 50% da súa renda mensual ao pago da hipoteca e debedores de clase media que teñen risco de caer en vulnerabilidade polo aumento das hipotecas cun límite de renda por fogar ata os 29.400 euros anuais. Poderanse adherir a este plan aqueles para os que a carga hipotecaria supoña o 30% da súa renda e tivesen unha subida de polo menos o 20%.
Pero o plan está a fracasar xa que só unhas ducias de operacións foron asinadas e analogamente, (como é decisión libre dos bancos conceder as operacións), quen se acolla ás medidas de alivio do Real Decreto pagarán moitos máis intereses ao final da hipoteca, o cal non constitúe solución ningunha.
O acordo entre o Goberno e o sector bancario inclúe a posibilidade de alongar o prazo de reembolso ata sete anos, de aplicar unha carencia dun, dous ou cinco anos e de reducir o interese durante ese tempo. Para os hipotecados supón reducir substancialmente o importe das súas cotas mensuais, pero tamén ter que pagar máis intereses a longo prazo.
A subida de tipos de interese dos créditos hipotecarios vai provocar unha enorme transferencia de rendas das familias, especialmente as máis vulnerables, cara á banca.
Como o Euribor incrementouse en 3,91 puntos ata final de xaneiro (pasou de -0,502% ao +3,4%) a transferencia de rendas das familias á banca vai superar os 13.000 millóns de euros en 2023 e a das empresas 11.000 millóns adicionais.
A maior parte desta enorme cifra trasladarase directamente a beneficios bancarios, porque o custo do diñeiro apenas aumentou para os bancos porque o prezo do diñeiro non se trasladou aos pasivos dos bancos xa que a banca aínda non incrementou a retribución aos seus clientes polas súas contas e depósitos.
Esto está a comportar beneficios extraordinarios para a banca, pero un elevado custo para as familias, porque esta subida de tipos dispara o custo mensual dos préstamos, situando a moitas delas ante graves dificultades de atender o pago das súas cotas mensuais.
En 2022 a banca española vai conseguir beneficios récord na súa historia. As entidades máis grandes (Santander, BBVA, Caixabank, Sabadell, Unicaja e Bankinter) gañaron máis de 20.000 millóns de euros, un 25% máis que en 2021. E para 2023 o BCE quere seguir subindo tipos o que implica que a previsión de beneficios será aínda maior.
Debemos aprender da experiencia do pasado. O noso país non pode consentir unha nova onda de desafiuzamentos de familias que non poden pagar a súa hipoteca.
Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación, se procede, os seguintes:
ACORDOS
O pleno do Concello de Vigo insta o Goberno do Estado para aprobar un Real Decreto que suspenda ata xaneiro de 2024 a revisión das cotas de todas as hipotecas para vivendas habituais a tipo variable, isto é, deixalas conxeladas ata esa data, para todas aquelas familias que superen o 30% de cota con respecto aos seus ingresos
O pleno do Concello de Vigo insta o Goberno do Estado para suspender a revisión e facer recaer o custo nas marxes das entidades bancarias en base ao diñeiro que estas entidades deben xa que o rescate bancario custounos ata 2020 case 96.000 millóns de euros.
O pleno do Concello de Vigo insta o Goberno do Estado para negociar coas entidades bancarias a redución dos seus enormes beneficios suspendendo a revisión das hipotecas en 2023 (o que é aproximadamente o 50% das súas ganancias).
En Vigo, a 17 de febreiro de 2023.
Oriana Méndez Fuentes Rubén Pérez Correa
Concelleira do Grupo Mixto (Marea de Vigo) Concelleiro do Grupo Mixto(Marea de Vigo)