moción por un inicio de curso escolar seguro.

24 de Agosto de 2020

MOCIÓN POR UN INICIO DE CURSO ESCOLAR SEGURO.

Atendendo ás datas oficiais previstas, o día de 10 de setembro dará comezo o curso escolar en Educación Infantil e Primaria, e o 16 en Secundaria. Mentres, seguimos a atravesar unha crise sanitaria dabondo coñecida. Ante esta situación, as novas que seguen chegando dende a Consellería de Educación da Xunta de Galicia sementan preocupación e inseguridade en toda a comunidade educativa: persoal docente e de administración nos centros, alumnado dos distintos niveis académicos e familias.

En plena pandemia, non se pode pretender que o regreso do alumnado sexa a custo cero. Tras meses de negarse a escoitar, Feijóo improvisa agora cambios no Protocolo de volta ás aulas para cumprir sobre o papel o acordo co Ministerio de Educación. Chegan tarde para ser aplicadas correctamente no inicio do curso, o 10 de setembro, e chegan sen recursos, deixando todo o traballo en mans do profesorado, alumnado e familias. Nin se contrata máis persoal docente e de servizos, nin se toman medidas para o cumprimento das novas normativa.

Dende o mes de marzo, diversos colectivos do profesorado, Asociacións de Nais e Pais de Alumnado, así como sindicatos de Educación, veñen reclamando diálogo para establecer:

-Unha planificación rigorosa para unha volta segura ás aulas en setembro.

-Contratación de novo profesorado con incorporación efectiva dende o primeiro día de curso.

-Consecuente baixada da ratio nas aulas (número de estudantes por aula) para garantir a seguridade.

Distancia interpersoal acorde ás recomendacións sanitarias. 1,5 metro entre pupitres cando menos. -Continuidade nos servizos de comedor, que en Vigo a afecta a máis de 2.000 estudantes; de madrugadores e das actividades extraescolares. Uns servizos que, dende hai máis de 20 anos, en Vigo veñen xestionando as ANPAS.

E, tamén dende o mes de marzo ata hoxe, a resposta da Consellería de Educación foi:

-Presentación dun “Protocolo de adaptación ao contexto da Covid19 nos centros de ensino non universitario” que, tras cinco meses para establecer o diálogo coa comunidade educativa para elaborar un protocolo seguro e eficaz, non contemplaba ningunha medida que garanta a seguridade. Un Protocolo baleiro que a Xunta se viu obrigada a modificar na teoría por mor da fonda contestación social que obtivo. Descontento na sociedade xeral, mobilización dos sindicatos diante de San Caetano e convocatoria de folga neste inicio de curso.

-Anuncios enganosos sobre o aumento de profesorado. A contratación de profesorado de Secundaria mediante o programa de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación (ARCO) é unha vía habitual, que xa existía, para a contratación de profesorado de reforzo a media xornada, segundo as necesidades dos centros. Polo tanto, estas contratacións non están vinculadas co Protocolo da Xunta, pois o Protocolo non contempla a contratación específica de profesorado a raíz da actual situación sanitaria.

-En consecuencia, non se garante unha baixada da ratio nas aulas. Convivirán 25 e mesmo máis de 30 alumnos por aula.

-Grazas á presión social e política, a última versión do Protocolo si recolle a necesaria distancia interpersoal nas aulas de 1,5 metros, aínda que para Secundaria. Porén, manter esa distancia será dubidoso se non se habilitan espazos para desdobrar as aulas cando sexa necesario. Para iso, o Concello de Vigo pode e debe pór a dispor dos centros un listado de instalacións municipais dispoñibles.

-Grazas á presión social e política, agora si se contempla a continuidade dos servizos de comedor e do servizo de madrugadores, pero as actividades extraescolares continúan no aire, trasladándoselle ás ANPAS toda a responsabilidade sen ofrecerlles criterios organizativos claros.

-Tampouco se prevé contratación de persoal de enfermería para os centros, unha recomendación das autoridades sanitarias que a Xunta ignora por completo.

En resumo: nada fixo a Xunta de Galicia. Ademais, hoxe por hoxe, descoñécese se vai existir alternancia entre clases presenciais e a teledocencia. De ser o caso, é fundamental que os poderes públicos avalíen e dispoñan solucións para salvar as consecuencias que isto tería en moitos fogares pola xa coñecida fenda dixital, que non deixa de ser un síntoma da fenda social, e para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, sen que se cargue de novo e coma sempre máis traballo sobre as mulleres.

Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:

  1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Concelleiro de Educación a manter unha constante comunicación coas Direccións e ANPAS de todos os centros de ensino de Vigo e a estar ao seu dispor no referente a desinfección, habilitación de instalacións municipais que poidan necesitar os centros e calquera outra cuestión organizativa para un desenvolvemento seguro do curso escolar 2020-2021.

  1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á reactivación do Consello Escolar Municipal, paralizado por mor do coronavirus, dispondo os medios tecnolóxicos para garantir a seguridade. Hoxe máis ca nunca é un instrumento imprescindible para artellar calquera medida encamiñada a acadar no ámbito municipal unha educación universal, pública e de calidade.

  1. O Pleno do Concello de Vigo insta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a despregar todas as medidas necesarias requiridas pola comunidade educativa e as autoridades sanitarias para un comezo e desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 seguro, garantindo o dereito a unha educación pública e de calidade para todo o alumnado de Vigo e a tranquilidade das súas familias.

  1. O Pleno do Concello de Vigo insta a esta Corporación a aprobar un compromiso para que o Concello de Vigo amose o seu apoio á Educación Pública e poña a disposición os recursos técnicos e de seguridade necesarios para a celebración dos actos reivindicativos que sexan promovidos e convocados pola comunidade educativa de Vigo.